by | Xan 14, 2018 | Novas | 2 comments

Nace Balea Cultural

Cando se comezou a falar da posible creación dun portal coma este, falamos de forma longa e tendida sobre cando e como sacalo adiante. E pode que as primeiras conversacións foran entre dous compañeiros de piso bailando e gritando como parvos postadolescentes no WOS Festival 2014. Pero rematou sendo iso, conversacións de borrachos, desas que nunca chegan a nada. Mais a idea de facelo nunca se foi, e aquí estamos: reclutamos a cinco tan panocas coma nós coas que compartimos preocupacións e gustos, e agora toca escribir a primeira entrada da que decidimos unha mañá moi tonta chamar Balea Cultural. Porque si, porque nos peta, porque nos gustou o nome. Porque soaba ben.

Balea Cultural nace sen ningún tipo de fachendosidade, entre amizades antigas con moitas ganas de escribir publicamente o que levan durante anos falando en privado. As nosas inquedanzas, risas e emocións que moitas veces só por medio da arte conseguimos ver expresadas. E, dende aquí, agardamos que todas aquelas que lean algunha vez as nosas liñas, vexan algo das súas reflexadas nelas.

E nacemos, aínda que sen pretenciosidade, si por necesidade. Porque, como galegas, notabamos que faltaba algo nun mundo cultural tan rico coma o noso. E se ben moitas das que escribirán liñas aquí participan activamente nese mundo, tamén decidiron pór freo a esa necesidade. Ese algo que faltaba era isto. Un portal web no que se busque enriquecer debates, facer chegar cultura, propia ou non, a todas aquelas que nos visiten, e, ademais, en galego. Pero tampouco nos esquecemos do que significa ser galegas, e as nosas inquedanzas, risas e emocións son políticas.

Procuraremos, a partir de agora, aportar aos vosos días o pouco que poidamos. Unhas liñas ás mañás sobre música, unha recomendación de cinema ou literatura, un artigo sobre algunhas das nosas artistas favoritos ou, tamén, soltar as nosas ideas e opinións de forma aberta.

Este xaneiro nace Balea Cultural. E chegamos con moita ilusión e enerxía que esperamos transmitir. Que este proxecto perdure.