‘Glacé’, ao borde da conxelación

En pleno inverno cun sol que non quenta e un vento que queima a pel, chéganos Glacé, unha miniserie de seis episodios dispoñible en Netflix. En plenos Pireneos franceses cométese un crime. O capitán Servaz (Charles Berling) -chegado de París- é o encargado de comandar a investigación. Xunto a el terá a Irene Ziegler (Julia Piaton), unha policía da zona. Xuntos intentarán resolver o misterio no que terá gran importancia Hirtmann (Pascal Greggory) e a súa psique, un asasino en serie atrapado interno no psiquiátrico da localidade onde se narran os feitos.

Se algo destaca deste thriller de produción francesa, é a fotografía sobre todo o demais. A ambientación elixida axuda enormemente xa que é aproveitada dun xeito moi intelixente. Foxe do habitual, buscando un punto de vista distinto cunha intencionalidade moi clara: dificultar a vista ao espectador do mesmo xeito que os investigadores non atopan a solución cara o problema. O problema é que, ás veces, excédese e entra nun esteticismo baleiro. Os planos non sempre teñen un valor expresivo senón que buscan un efectismo. Cando non hai fondo, non hai valor.

A historia que se mostra nun principio ten interese pero non deixa de ser un plantexamento xa visto demasiadas veces. Busca claramente referenciarse nos thrillers nórdicos mais o fai dun xeito inferior. Na parte final, o guión cáese a pedazos e fai que o produto sexa pouco disfrutable e acabes cunha sensación de certa frustración.

Os personaxes son interesantes sobre o papel pero o seu desenvolvemento deixa bastante que desexar. Cabe destacar o desequilibrio entre Servaz e Ziegler, onde esta última aparte de ter unha interpretación mellorable, perde peso dramático ao longo da metraxe. O ritmo é rápido e busca tensión argumental que se perde debido aos xiros que tenden demasiado cara o melodrama en certas ocasións.

No apartado musical non destaca máis aló da clásica do xénero que busca tensionar ao espectador. Iso si, e non creo que sexa nada bo para a serie dicir isto, os seus créditos teñen unha alta calidade. A sensación de frío e conxelación que dan, non se vai durante toda a duración da obra. Realmente, Netflix está vivindo moito ultimamente dos subscriptores que gañou con Mindhunter e non todo vale. Ten unha gran diversidade de públicos mais se non os coida, coma é neste caso, terá un problema de gran envergadura a longo prazo.

Non é a peor serie do mundo nin moito menos, pero persoalmente non creo que lle dedique máis tempo no caso de que haxa unha segunda tempada. O catálogo dentro do xénero é grande e soamente recomendo a súa visualización a alguén que de verdade sexa un fanático. Glacé é un quero e non podo. Unha aposta estética sen nada detrás non se sustenta, o contido debe primar. Ir con altas expectativas antes de abordar Glacé deixarate frío como un animal ferido en metade de Siberia.

Glacé


Director
: Gérard Carré, Pascal Chaumeil, Laurent Herbiet, Caroline Van Ruymbeke
Música: Alexandre Lessertisseur
Guión: Gérard Carré, Pascal Chaumeil, Laurent Herbiet, Hamid Hlioua, Bernard Minier, Caroline Van Ruymbeke
Fotografía: Dominique Bouilleret
Ano: 2016
País: Francia

Gaumont Télévision