14/09/15 • Matapadre

Bala – Human Flesh

O dúo formado polas coruñesas Anxela e Violeta deu moito que falar o ano pasado co seu segundo disco titulado Lume e pasáronse por varios continentes durante a súa xira de promoción. Mais xa dous anos antes, co lanzamento do seu debut titulado Human Flesh, comezaran a deixar claro que ían ser unha banda á que deberiamos seguir a pista dentro do panorama musical nacional.

O despregue de enerxía que realizan Bala neste traballo durante soamente 20 minutos é tremendo. O arranque con Tripas + Chained pon xa todas as cartas sobre a mesa dende o primeiro momento nunha canción dividida en dúas partes nas que as influencias do stoner rock de bandas como Kyuss saen a relucir con total claridade. Freedom IsHuman Flesh son dous pelotazos que soben as revolucións do ritmo do disco nos que nesta ocasión destacan os elementos máis próximos ao grunge e o punk.

Non sei se é axeitado dicir que este disco ten un momento de respiro, aínda que o comezo A.S.A.B. é o máis parecido a un descanso que atoparemos en Human Flesh, mais isto é soamente momentáneo xa que a canción non precisa moito tempo para romper de novo en riffs pesados e cargados de enerxía. O trío de cancións que pecha o disco volve a ser unha sucesión de trallazos rápidos nos que destaca en particular a peza que pecha o álbum, Joan Vollmer.

Neste disco atopamos xa moitos dos elementos que fixeron do segundo lanzamento de Bala un éxito, as interpretacións cargadas de enerxía, as guitarras graves e distorsionadas que conseguen un son moi cheo, as máis que potentes baterías de Violeta. Sen embargo tamén é certo que hai outros elementos que aínda non se atopaban tan pulidos. Un exemplo disto pode ser a produción. Se ben Lume non leva a produción máis lonxe da simple gravación de guitarra e batería, consegue un son máis limpo e ao mesmo tempo máis potente que o de Human Flesh. Así mesmo o feito de que en Lume Anxela e Violeta decidiran deixar de cantar exclusivamente en inglés ten como resultado que ambas semellen sentirse moito máis cómodas tanto en canto, ao que buscan expresar coas súas directas letras, como coa maneira na que as cantan.

Mais a pesar destas posibles carencias que podamos atopar no primeiro lanzamento de Bala, é evidente que nos seguimos atopando ante un disco visceral, cun son cru, cargado de enerxía. Trátase dun traballo que foi abrindo o camiño para o que estas dúas galegas nos ofreceron posteriormente e do cal, pese a ser un lanzamento recente, non nos debemos de esquecer del agora que o seu sucesor semella telo eclipsado un pouco. Human Flesh ofrece a proposta de Bala en bruto, sen limar as asperezas, e xa desta maneira resulta apabullante.