Hans Zimmer – Dunkerque

21/07/17 • WaterTower Music

O feito de que os nomes de Hans Zimmer e Christopher Nolan vaian da man xa non é ningunha sorpresa. Dunkerque é xa a sexta película do director estadounidense na que conta coa colaboración deste compositor para a banda sonora, unha colaboración que se vén repetindo nos últimos cinco filmes consecutivos firmados por Nolan, que semella atopar na música enérxica e bombástica de Zimmer o acompañamento desexado para as súas imaxes e historias.

Nos últimos anos Hans Zimmer  parece estar desenvolvendo o seu estilo en terreos musicais cada vez máis alonxados dos temas e das melodías, empregando máis elementos como os ritmos ou os timbres dos sons e instrumentos empregados para transmitir sensacións. Se ben xa máis dunha década, na banda sonora do filme Piratas do Caribe: A Maldición da Perla Negra Zimmer plantexábanos unha composición cargada de melodías memorables que semellaban unha aproximación máis enérxica a bandas sonoras de John Williams, na música de Dunkerque non atopamos nada disto.

Sen embargo, a pesares de que a banda sonora deste filme non conta con temas melódicos recurrentes, si que hai algúns elementos que aparecen de maneira reiterada, sendo quizáis o máis destacable o son das agullas dun reloxo empregado como elemento rítmico. Hans Zimmer semella procurar transmitir unicamente tres sensacións distintas ao longo das once pistas que conforman este traballo, a sensación da calma tensa ante o perigo inminente, a sensación do medo ante este perigo e por último a de alivio. A maior parte das pezas buscan transmitir esta tensión, pasando ao medo unicamente en determinados momentos como en “Supermarine” e deixando as pezas que transmiten a sensación de alivio para o final do disco.

Hai ideas moi interesantes nesta banda sonora como o xa mencionado uso musical do son dun reloxo, mais tamén o sampleo de sons de pasos ou de helicópteros. Trátase dun acompañamento correcto para o filme, sen embargo á hora de escoitar estas composicións desprovistas das imaxes da película o resultado palidece bastante. A falta de melodías fai que nos atopemos ante unha banda sonora que pode resultar monótona por momentos e pouco memorable a pesares da súa corrección técnica.

Hans Zimmer