Bad Gyal segue sendo o ‘pussy’ que manda

Nas artistas urbanas que viñeron pegando forte nos últimos anos, como a rapeira Gata Cattana (faltoulle un ano, igual dous, para convertirse nunha estrela), La Zowi, Ms Nina ou a poliédrica Nathy Peluso, vexo algo chamativo e é que a todas, independentemente do estilo que practiquen, encasíllanas dentro da etiqueta “trap queen”, etiqueta que mesmo se chegou a vincular coa cantaora de flamenco Rosalía. O caso de Bad Gyal é especialmente chamativo. Por máis que ela repite “non é trap, é dancehall”, boa parte da audiencia a segue asociando a un xénero ao que xa se recurre máis por índice de clics que por significado.

Cando unha asiste a este tipo de concertos (sexa dancehall, trap ou reguetón) e ve que nas primeiras filas hai máis mozas que mozos alentando a que as cantantes perreen, dase conta da magnitude de rupturas que se está a producir dentro dos ritmos callejeros, en concreto a que ubica á muller nese rol de empoderada. Aquel All the girls to the front que berraba Kathleen Hanna, líder do grupo punk Bikini Kill, volve a ser clave para entender o funcionamento actual da música urbana, e non só a das marxes. É a frase que Princess Nokia fixo case súa, a mesma que Bad Gyal pon en práctica sen ter sequera que pronunciala.

Quen estivera o sábado na Sala Pelícano e vise a unha morea de rapazas berrando e aplaudindo cada vez que a barcelonesa baixaba o cu ata o chan, entenderá a que me refiro.

A novísima Alba Farelo (vinte anos), aka Bad Gyal, convocou na Coruña a un público maioritariamente da súa quinta, e tamén máis novo, con ganas de corear e mover as cadeiras. Saía ao escenario pasadas as nove da noite, en chandal e con aros de cinco centímetros de diámetro. Caen os hits (así son recibidos), ‘Blink‘ de entrada, primeiro adianto da súa nova mixtape Worldwide Angel, recén estreada xusto o día anterior, e que sintetizaría o concerto enteiro: “Baby, no hagas caso de lo que te digan/ Me gusta el perreo/ me gusta el perreo/ si quieres te lo enseño/ y lo querrás de nuevo”.

Os altavoces retumbaban ata a sordeira e as presentes axitabamos os brazos cos novos temas, intercalados con algúns do Slow Wine, EP co que a barcelonesa se deu a coñecer aló polo 2016. Os temazos ‘Jaracanda‘ e ‘Mercadona non faltaron, mais as fans dos seus primeiros temas en catalán ficamos algo tristeiras. Pese a todo, ela insiste: ‘Yo sigo iual‘, canta, na súa lingua natal, nun dos cortes máis molóns deste último traballo, onde se desnuda emocionalmente e di cousas tan sentidas como “Jo estava molt perduda quan em vaig posar a cantar / Jo em sentia una merda, ara soc un exemple”.

Acaba de cantar e sentencia: “Esta música todavía no se hace en España”. O público ruxe. E a actuación, algo breve (menos dunha hora), remata cun ‘Fiebre‘ coreadísimo, como se, nese escenario e a ese volume, cobrase todo o sentido.

***

A partir de hoxe, 1 de marzo, Bad Gyal comeza a súa xira por Estados Unidos, con nove datas nas cidades máis importantes do país, á marxe da súa presencia no SXSW 2018, onde tamén tocan Kings of the BeachChristina RosenvingeNúria Graham ou FAVX. Proba da repercusión mundial que está acadando a catalá que, ademais de traballar cos produtores DJ Florentino e Vlado Meller e non ser xa unha sorpresa atopala en portadas de medios como Pitchfork, The Fader ou ser a canción do ano para FACT, artistas da talla de Charli XCX e Hannah Diamond amósanse seguidoras da súa música.

Probablemente sexa a expoñente máis internacionalizada da escena urbana estatal e á vez cunha actitude máis independentesen ser número 1 e sen firmar para multinacionais, a pesar de formar parte dunha mesma ola de artistas en continua disputa por demostrar quen é o máis pagado ou quen ten máis reproducións. Aquela adolescente de Vilassar de Mar soubo escapar da espiral onanista para disgregarse por todo o mundo. Está abrindo a porta a sons alternativos, creativos e sofisticados, afastados do que se fai aquí para o seu público masivo. Algo que pode empezar a abrir a frixidez musical dalgúns oídos.