Rock & Elas: O recoñecemento ás mulleres do rock galego

Tanto Bala como Agoraphobia son dúas das bandas galegas máis interesantes que podemos atopar hoxe en día facendo música rock no noso país. Son dous grupos que ademais atópanse integramente formados por mulleres, polo que o feito de que estas dúas bandas fosen as elexidas para actuar no concerto “Rock & Elas”, organizado polas concellerías de mocidade e igualdade do Concello de Santiago como actividade previa ao día da muller traballadora. semellounos unha decisión moi acertada.

O dúo das coruñesas Bala foi o primeiro en subir ao escenario dunha sala Capitol que colgou o cartaz de que non quedaban entradas. Que máis podemos dicir do directo de Bala? Cada vez que as vemos tocar sentímonos como se estivésemos diante dun furacán de son e enerxía. Estou cada vez máis convencido de que as baterías de Violeta son das mellores baterías de rock que podemos escoitar en Galicia. Así mesmo, o ton de guitarra de Anxela. tan sucio e grave. é capaz de encher toda a Capitol sen necesidade de contar con máis músicos acompañando. Se ben é certo que o estilo das coruñesas transmite aínda máis forza en salas pequenas, con menos distancia entre banda e público, o concerto que deron na Capitol resultounos enormemente disfrutable.

Non moito despois de rematar o concerto de Bala xa estaba o cuarteto de Boiro Agoraphobia enriba do escenario, apoiadas na guitarra por Iago Lorenzo, produtor de Incoming Noise, o primeiro disco de longa duración das galegas. Cunha proposta menos visceral que a de Bala, mais non menos enérxica, foron repasando boa parte dos temas que compoñen este álbum marcado por un son próximo ao rock alternativo, e algún tema anterior máis punk. O concerto rematou con Zero, o sinxelo máis recente lanzado polo grupo. Agoraphobia demostraron con creces que son capaces de levar adiante un concerto desta envergadura.

En definitiva, estivemos ante unha noite de festa e de recoñecemento ás mulleres do rock galego, na que non faltaron reivindicacións e chamamentos a participar na folga do día 8.

Bala

Agoraphobia