Mary e a flor da bruxa

Director: Hiromasa Yonebayashi
Música: Takatsugu Muramatsu

Guión: Riko Sakaguchi
Ano: 2017

País: Xapón

Mary e a flor da bruxa

Director: Hiromasa Yonebayashi
Música: Takatsugu Muramatsu

Guión: Riko Sakaguchi
Ano: 2017

País: Xapón

by | Nov 6, 2018

‘Mary e a flor da bruxa’ ou cando o espello devolve baleiro

Mary e a flor da bruxa é a primeira película de Studio Ponoc, conformado por parte dos traballadores do mítico Studio Ghibli, responsable dalgunhas das mellores películas de animación da historia como A viaxe de Chihiro, O castelo ambulante ou O vento se levanta. Ponnoc nace coa pretensión de continuar co seu legado, a priori unha intención loable pero que ten peros importantes. A película está dirixida por Hiromasa Yonebayashi (O recordo de Marnie) e guionizada por Riko Sakaguchi (O conto da princesa Kaguya).

A película, baseada na novela da británica Mary Stewart A meiga novata, conta a historia dunha nena con moi boas intencións pero torpe en toda tarefa que emprende. Un día atópase cunha estraña flor que lle outorga os poderes dunha poderosa bruxa. Polo tanto, ten a oportunidade de ser poderosa e admirada, Mary ao fin tiña todo o que sempre quixo, destacar. Mais todo é un espellismo porque está flor soamente lle deixa nesta situación por un tempo limitado. Precisamente de aquí se extrae o tema que quere tratar Mary e a flor de bruxa: a necesidade social de aceptación e o confiar nun mesmo.

No filme atopamos todos os elementos do Miyazaki máis clásico. Fondos coloridos, unha nena perdida nun mundo fantástico, gran importancia da natureza e a pretensión de dar unha mensaxe profunda pero familiar. O único problema é que non está Miyazaki. Toda a alma que a película podía ter non existe. O resultado é un filme cun aspecto bonito pero sen profundidade.

Os que si que están son os convencionalismos da súas obras e das dos seus discípulos, o que pode supoñer un gran problema para espectadores acostumados ás súas películas. A nivel narrativo segue a fórmula de sempre, polo que acaba sendo moi predicible. Incluso os xiros de guión son calcados aos de filmes anteriores. Mary e a flor da bruxa remata sendo por momentos incluso aburrida.

Ademais, as eivas puntuais na animación fan que a experiencia visual tampouco cumpra coas expectativas. Entendo que Ponoc non queira correr -sobre todo tendo en conta que esta é a súa primeira obra- un risco económico demasiado alto, pero parece que se quedaron curtos no presuposto ou na optimización do mesmo. Aínda que, iso si, esas mans familiares denotan unha batuta por detrás dirixindo dun xeito moi eficaz.

Máis aló da película en si, o maior problema é de fondo. Non se pode intentar ser Ghibli. Máis que nos pese, soamente haberá un. Agora existe Ponoc. Mary e a flor da bruxa é unha película tan autor-referencial que apenas queda película no medio. Entendo a homenaxe, pero non cando é a costa de perder personalidade propia. Ponoc debe atopar unha identidade se non quere vivir á sombra das grandes películas de Ghibli. Mary non pode parecer a filla torta de Kiki. O espello non pode reflectir o baleiro.

A pesar de todas as críticas, ten cousas boas. Por exemplo, a humanidade que transmiten os personaxes e o bonito que é o mundo onde se encadra, ademais a evolución da protagonista está ben levada e leva a momentos da película realmente conmovedores. Ser fan das películas de Miyazaki pode xogar unha mala pasada na visualización destas obras, aínda que o compoñente nostálxico sempre estará aí. O resultado xeral é un filme mediocre no seu conxunto. Gustará aos admiradores de Ghibli de toda a vida, pero eses mesmos serán quen vexan que non hai nada debaixo do envoltorio. Ponoc aínda está moi verde para facerlle sequera sombra aos máis grandes da animación.