Entre dúas augas

Director: Isaki Lacuesta
Guión: Isa Campo, Isaki Lacuesta, Fran Araújo
Música: Raül Refree, Kiko Veneno
Fotografía: Diego Dussuel
Ano: 2018
País: España

Entre dúas augas

Director: Isaki Lacuesta
Guión: Isa Campo, Isaki Lacuesta, Fran Araújo
Música: Raül Refree, Kiko Veneno
Fotografía: Diego Dussuel
Ano: 2018
País: España

by | Nov 12, 2018

‘Entre dúas augas’: As limitacións da dramatización

Os mellores, as Seixeles e Dubai”, contestaba Cheíto a Isra cando este lle preguntaba pola súa estancia en Somalia coas Forzas Armadas. Non contestaba directamente á pregunta, pois prefería quedarse co bo daquelas viaxes. Aqueles destinos e experiencias coas que non sufriu, ou que polo menos preferiu deixar atrás para continuar coa súa vida.

Isra acaba de saír do cárcere, e a súa vida xa non ten moitas das cousas boas que tiña antes. Séntese perdido, e tentar recuperalas non é sinxelo. A súa muller, ao seu regreso, botouno de casa e as fillas que tanto botou de menos durante a súa ausencia están lonxe. Para recuperar esa parte da súa vida terá que buscar un traballo, algo que nunca tivo de maneira fixa, e afastarse do mundo das drogas, as cales vendía e consumía. Os seus intentos de buscar traballo, sen ningunha experiencia laboral e con moita xente na súa situación, non sairán ben.

Isaki Lacuesta introdúcenos por segunda vez na historia de Cheíto e Isra, nunha historia que combina actuación e documental. Isra e Cheíto non son personaxes. As súas vidas están plasmadas na historia como eles as viviron, e o traballo de Isaki Lacuesta consiste en facer que cheguen á pantalla uns feitos reais recordados e actuados por aqueles que os protagonizaron. É a segunda vez que fai algo así, sendo La leyenda del tiempo (2006) a primeira parte da historia dos nosos protagonistas.

O director catalán trae sempre consigo un cine moi real, onde tenta contar historias nas que realidade e ficción se mesturan con bastante tino, e onde o guión ten moita presenza dos propios protagonistas da historia. Tanto en La leyenda del tiempo como en Entre dos aguas, ademais, rodou as historias atendendo a períodos de tempo longos, atendendo a como cambiaron os protagonistas. En certo modo, podemos atopar paralelismos co cine de Richard Linklater, tamén moi interesado neste tipo de cuestións.

Entre dos aguas ten un gran comezo, e consigue plasmar un bo final. Moitas das preguntas que se fan os personaxes vense reflexadas de maneira metafórica grazas á linguaxe do cinema, e deixa un final doce no que ver un pequeno reflexo de esperanza tras unha historia na que as oportunidades que parece que temos para vivir non son máis que espellismos. Todo acompañado dunha fotografía de cores quentes moi sobrecargada, mais que serve para dotar dun realismo moi forte á historia.

Con todo, a principal baza en contra que ten a película chega por parte dos actores e a montaxe desta. As conversacións entre os personaxes, interpretados por actores non profesionais, resultan demasiado longas e confusas, onde a improvisación cobra importancia por riba da trama, e rematas perdéndote e cansándote ata que comezas a preguntarte canto queda de película. O ritmo, pois, convértese en demasiadas ocasións en pesado. A conexión do espectador coa historia nunca chega a suceder totalmente durante a filme, e só saes con ela con ideas moi xerais de quen son os protagonistas, que está a acontecer e como sairán desta.

Se ben se trata dunha segunda parte de La leyenda del tiempo, constrúese o filme de maneira que a necesidade de ver a primeira parte das vidas dos protagonistas non sexa necesaria para entrar no que se nos quere contar nesta ocasión. O feito é que as experiencias vitais de Isra e Cheíto non son as mesmas que daquelas, e isto permite conectar sen necesidade do anterior. Ademais, o filme conta cunha gran cantidade de flashbacks da historia anterior, e estes permiten encher os ocos que fan falta para entender a trama.

Lacuesta trae unha idea moi orixinal, e da no cravo ao decidir documentar e recrear as duras vidas dos protagonistas. Con todo, a historia non nos chega ben, perdémonos entre conversas que moitas veces parecen un sermón con máximas enunciadas unha e outra vez, mais que non conseguen introducir cambios nos protagonistas ata que, nun apurado final, dannos demasiadas respostas.