by | Nov 12, 2018

‘Mamá, quero ser Ziggy Stardust’: Narrativa afouta para crianzas (e melómanas)

As crianzas galegas e as melómanas de pro estamos de sorte. Era posible facer unha gran obra narrativa para a infancia máis próxima á pre-adolescencia que lle axudase a pensar e reflexionar sobre unha realidade cuxa representación ficticia non sempre foi a máis afortunada. E era posible renderlle unha sentida e sincera homenaxe a un dos artistas máis revolucionarios e transgresores das últimas cinco décadas, descubríndoo a un público para o que resulta cada vez máis exótico. O que podía semellar máis complicado era xuntar ambas cousas nunha mesma obra cun resultado redondo e equilibrado. Pero Iria Misa (Gondomar, 1983) conseguiuno coa espléndida Mamá, quero ser Ziggy Stardust.

Baixo este título rechamante, Misa propón un relato honesto e afouto que (non só) se xustifica pola urxencia social, á que responde con contundencia cun tratamento máis que acertado da realidade que atinxe á infancia transxénero, outorgándolle ademais un discurso literario propio que ata hai ben pouco lles era vedado (motivos polos que chegou a ser finalista do premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade). A través da mirada cada vez menos inocente de Aine, protagonista da obra, vemos como a dura problemática suscitada no seo familiar, nun principio incapaz de aceptar o que Aine é e quere ser, vai tornando pouco a pouco nun proceso de transformación cargado de optimismo e esperanza. E a conexión coa camaleónica estrela británica é fundamental e o fío condutor de toda a trama.

Iria Misa márcase o nada doado obxectivo de intentar desmontar o discurso tradicionalmente asociado á transexualidade, avogando por deconstruír as fronteiras delimitadas por unha identidade de xénero abandonada á arbitrariedade. A pedra de toque é a omnipresente figura de Ziggy Stardust, un dos célebres heterónimos de David Bowie, todo un símbolo para Aine e un modelo normalizador a través do que cataliza todas as súas reivindicacións. O artista total por excelencia non aparece gratuitamente na historia, como un mero pretexto, pois precisamente é a súa poderosa personalidade a que logra que Aine esperte da súa gris e embridada vida cotiá, que lle impide expresar a súa identidade con plena liberdade.

Polo tanto, calquera que guste da obra musical e estética de David Robert Jones gozará con estas páxinas. Mamá, quero ser Ziggy Stardust é unha carta de amor ao seu inmortal legado, repleta de chiscadelas aos máis fanáticos, e capaz de integrarse maxicamente nesta historia de prexuízos que se derruban e rexeitamentos a combater. Ziggy e os seus himnos representan todo iso, non en van, a visita de Aine a unha exposición sobre o cantante en Londres marca xa para sempre a súa vida e os versos de Starman son os que definen o periplo vital da protagonista. As fermosas ilustracións de Alba Barreiro tamén complementan e insuflan vida a esta conexión case espiritual que se produce entre o personaxe e Bowie.

No tocante aos seus procedementos narrativos, considero que non ten cabida cuestionarse o efectismo dalgunhas das pasaxes da historia de Aine, sobre todo cando tratamos unha obra especialmente pensada para a rapazada. O que prima na narración de Iria Misa é o traslado dunha mensaxe de tolerancia e respecto a través do nada doado cambio de paradigma que se produce no núcleo familiar, algo que dificilmente se podería explicar a un público no alborexar da pubertade recorrendo a complicadas metáforas ou conceptos abstrusos. E isto non quere dicir nin moito menos que se trate dunha narración condescendente, inxenua ou simple. A súa sinxeleza e claridade son unha virtude, perfectamente asumible para as crianzas e tamén disfrutable para algunha adulta. Ademais, Misa asume certos riscos ao trazar a historia de Aine cunha figura narradora non tan habitual neste tipo de literatura dirixida ás xeracións máis novas, unha figura que seguramente será unha novidade para a maioría das cativas que se acheguen á obra.

Xa para rematar, atrévome a engadir que Mamá, quero ser Ziggy Stardust debería ser de lectura obrigada en cada escola do país ao cumprir unha dobre función: crea conciencia na cativada ao poñela fronte a fronte cunha realidade que cada vez comprendemos mellor e somos quen de despoxar de estereotipos; e, ao mesmo tempo, achégalles unha parte da cultura popular que cada vez lles é máis allea por unha mera cuestión xeracional, facendo que a premisa fan “Bowie vive!” vaia alén diso.

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

 

Autor: Iria Misa
Ilustración: Alba Barreiro

País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Xerais

 

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

Autor: Iria Misa
Ilustración: Alba Barreiro
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Xerais