by | Nov 12, 2018 | Espectáculos, Novas

Volve o LGx15, unha iniciativa que busca ideas para influír no futuro do galego

O vindeiro 15 de novembro haberá unha nova edición, a cuarta, de LGx15. Ideas para o futuro da lingua. Desta vez contará con oito relatorios breves que buscan de maneira visual, entretida e divertida chamar á reflexión sobre o futuro da nosa lingua.

As persoas convidadas nesta ocasión son: Javier Balea (creador de Moléculas en galego, quen falará de divulgación científica e lingua), Eira Losada (estudante e youtubeira, que contará como ser un motor para a lingua), Mercé Barrientos (deportista e docente, que explicará a importancia da autoestima no deporte e no uso da lingua), Inma Gil Rosendo (xornalista na BBC, que falará sobre a concienciación lingüística desde fóra de Galicia), Manolo Maseda (músico e docente, que amosará A chave das noces para dar un xiro á situación da lingua na mocidade), Xema Varela (empresaria e deseñadora, que nos falará do efecto curuxa no mundo empresarial), Ruth Caramés (bióloga, deseñadora e nai, quen nos descubrirá un mundo de recursos para a crianza en galego), e Aquel -e (millennial e youtubeiro, que falará da cultura pop como forma de conexión coas xeracións máis novas).

A música virá da man de Brais Morán e a presentación estará a cargo as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.

A cita será ás 18:00 horas e de novo na Sala Capitol de Compostela, a un prezo de 6 euros en compra anticipada (tenda A Reixa ou web da Capitol), e o día do evento a 10 euros na billeteira.