Dogman

Director: Matteo Garrone
Guión: Maurizio Braucci, Ugo Chiti, Matteo Garrone, Massimo Gaudioso
Fotografía: Nicolai Brüel
Ano: 2018
País: Italia

Dogman

Director: Matteo Garrone
Guión: Maurizio Braucci, Ugo Chiti, Matteo Garrone, Massimo Gaudioso
Fotografía: Nicolai Brüel
Ano: 2018
País: Italia

by | Nov 13, 2018

‘Dogman’: Un sorriso inocente tornado nunha cruel incomodidade

O s filmes baseados en feitos reais sóenme resultar indiferentes. Moitas veces abúsase dese factor como un abuso de emotividade, chegando á pura parodia, engrandecendo figuras históricas cando non toca ou edulcorándose a realidade. En dúas bandas diferentes, e sen afastarnos demasiado da nosa liña temporal, vimos como a figura de Winston Churchill era humanizada coma un heroe en O instante máis escuro, de maneira nefasta; mais tamén vimos como os biopics poden crear unha verdadeira historia digna do mellor dos cines con Eu, Tonya.  O último, lamentablemente, soe ser excepción.

Dogman está tamén baseada en feitos reais. En 1988, o criminal e boxeador amateur Giancarlo Ricci era asasinado por Pietro De Negri, Er Canaro. Italia conmocionouse ante o asasinato, onde a vítima parecía ter sido mutilada de maneira cruenta e excesiva. Con todo, a autopsia revelara que De Negri non torturara verdadeiramente ao boxeador, senón que as drogas fixéranlle imaxinar que realizara todas aquelas terribles cousas antes de asasinalo. Explicouse que Pietro cría que fixera pasar a Ricci por todas aquelas torturas por un excesivo consumo de cocaína. E, aínda sabendo isto, Matteo Garrone, director do filme, optará por facer que si pasaron.

Marcello, protagonista da historia, presentarásenos como un home familiar, que conta co amor da súa filla, respectado polo seu barrio e amante dos cans cos que traballa ata niveis impensables. Vende cocaína, mais esa vida paralela non parecerá darlle verdadeiras loitas morais. De feito, os cartos que gaña con estas tarefas invísteos en darlle unha mellor vida á súa filla, non en excesos nin en cuestións egoístas.

A fotografía do filme chama a recoller estas sensacións de maneira moi visible. Está cargada de cores quentes, vivos, que palidecen nas escenas nocturnas mais manteñen a súa carga emocional en todo momento. Ao mesmo tempo, a iluminación chama á familiaridade amable, e nunca parece chamar a un estalido sensitivo. O traballo de Nicolai Brüel é excelso, e permítenos introducirnos como nunca no filme.

Como co-protagonista desa segunda vida ilegal está o violento Simone, ex-boxeador ao igual que o foi Giancarlo Ricci, mais non importa na trama esta cuestión, senón que se fai fincapé no que trae consigo: Simone fai que a vida paralela de Marcello sexa cada vez máis presente na historia, levándolle a situacións cada vez máis disparatadas e que farán que a vida do perruqueiro canino dar un xiro de cento oitenta grados. É a partir de aquí, tamén, cando esa fotografía vólvese máis fría e pálida, contrastando con elo de maneira intensa o vermello do sangue.

Chama a atención a inocencia coa que a vida ilegal de Marcello cobra vida. Nun principio, cando esta comeza a cobrar importancia, non semella en absoluto un problema. O noso protagonista sorrí ante as diferentes situacións ás que lle comeza a levar Simone, a quen considera un bo amigo. O boxeador libérao da monotonía, faille sentir cousas intensas que na súa respectada e familiar vida non pode sentir, e Marcello abraza esas sensacións cos brazos abertos.

A medida que avanza a trama, estes sorrisos serán cada vez máis testemuñais. Aparecerán traizóns, e con elas dúbidas, preocupacións e incomodidade. Todo iso dará paso a unha ira devastadora chegados ao clímax final do filme. A día de hoxe, innovar nalgo tan xenérico como as historias de asasinatos e vinganzas é moi difícil. Parece que xa vimos todo, e que non nos poden sorprender. Matteo Garrone colle moitos dos tópicos que xa vimos durante todos estes anos, nútrese deles, dá unha personalidade firme e concreta aos personaxes e, cando criamos que o sabiamos todo, prepárase para destruírnos. A filme, queda e relaxada a maioría do tempo, vólvese agora cruel, tensa e moi, moi violenta. Non deixa á imaxinación nada, e non dubida en relatar da maneira máis atroz posible os feitos finais.

A tensión acumulada durante todo o filme despréndese, e dunha maneira terriblemente marabillosa. Aquel Marcello familiar desaparece a medida que avanza a trama e a desesperación e ira se apoderan del. Cada vez sentirémonos máis alleos del, mais verémolo humano en todo momento debido á torpeza propia da personaxe, ben construída e tamén xenialmente interpretado por Marcello Fonte.

Un dos elementos chave do filme, ademais, é a presentación en todo momento dos cans que Marcello coida, alimenta e peitea. Teñen unha gran carga simbólica e, incluso nos momentos máis duros da película, son a imaxe desa familiaridade e inocencia coas que se nos presenta ao protagonista nos inicios. Asisten aos cambios producidos na trama sen xulgar. E, con todo, nin eles son capaces de non sentir auténtico pavor cando a loucura toma as rendas da película.

Dogman está feita para devorarnos por dentro. Déixanos rotos, ata o punto de que calquera tipo de empatía que puideramos sentir nun principio desapareza. E, coma os mesmos protagonistas, precisamos de un segundo final para respirar e darnos conta de todo o que acaba de acontecer. Non sabemos moi ben como reaccionar e só nos queda, pouco a pouco, asimilar o acontecido.

O feito de que o filme nun principio semellara baseado en feitos reais remata sendo un dato anecdótico. Un pé no que Matteo Garrone se apoia para construír a súa ficción. Non é un biopic, nin é preciso que o sexa. É, en poucas palabras, unha das películas do ano, desas que revolven estómagos e palidecen rostros.