David Bowie – Never Let Me Down (2018)

DATA DE LANZAMENTO: 12/10/2018
DISCOGRÁFICA: Parlophone

David Bowie – Never Let Me Down (2018)

DATA DE LANZAMENTO: 12/10/2018 DISCOGRÁFICA: Parlophone

by | Nov 20, 2018

David Bowie

M odificar as obras dun artista unha vez falecido é sempre un tema capaz de xerar unha chea de polémica. Moitos considerarán esto case como unha profanación mentres que outros manteñen a curiosidade de poder apreciar unha peza xa coñecida dende unha nova perspectiva. As boxsets que están a recopilar a discografía completa de Bowie que se comezaron a lanzar no 2015, antes da morte de artista, ademáis de conter os álbumes remasterizados, xa incluíron unha nova mistura do disco Lodger realizada polo productor orixinal do álbum Tony Visconti. Ofrecendo unha nova ollada ao disco esquecido da triloxía de Berlín, este remix non se afasta moito do que se podía atopar no lanzamento orixinal.

Sen embargo o recopilatorio lanzado este ano baixo o nome Loving the Alien que abarca a música lanzada por Bowie ao longo da década dos ’80 recolle unha versión completamente nova do disco Never Let Me Down (1987). Considerado polo propio Bowie como seu peor traballo, as ideas de voltar a grabar unha nova instrumentación para estas cancións comezaron a rondar na cabeza do músico británico poucos anos despois da súa publicación.

Non sería sen embargo ata o ano 2008 cando Bowie regrabou toda a instrumentación da canción Time Will Crawl para incluila no recopilatorio iSelect. Colaborando co produtor Mario McNulty, Bowie expresou numerosas veces de que maneiras lle gustaría voltar a grabar o resto do disco, desfacéndose de todas as caixas de ritmos propias dos anos ’80 e incorporando orquestracións inspiradas por Philip Glass. No libreto de iSelect Bowie escribiu en relación ao Never Let Me Down: “Oh, to redo the rest of that album”.

Se ben este proxecto non se puido levar a cabo durante a vida do artista, a nova versión deste disco incluída na boxset Loving the Alien foi producida por Mario McNulty seguindo as indicacións que dera Bowie durante a re-produción de Time WIll Crawl en 2008. Gravado nos estudos Electric Lady de Nova York co batería Sterling Campbell, os guitarristas Reeves Gabrels e David Torn xunto ao baixista Tim Lefebvre, todos colaboradores habituais de David Bowie, esta versión actualizada do disco amosa o verdadeiro potencial que había detrás destas cancións, escondido por unha produción oitenteira que se deixaba levar unicamente polas tendencias que triunfaban no momento.

A densidade da instrumentación orixinal vese sustituída por un enfoque moito máis minimalista e os tics característicos da produción oitenteira por un son moito máis atemporal. Á xa coñecida nova versión de Time Will Crawl súmanse pequenas xoias como a revisión de Zeroes que lembra por completo ao son do Bowie de comezos dos 70. A nova produción de Glass Spider pola contra semella unha revisión actualizada do son próximo ao industrial que Bowie desenvolveu nos anos ’90 en discos como 1. Outside e Earthling. As orquestracións ao estilo Phillip Glass están especialmente presentes en Beat of Your Drum e Bang Bang, mentres que a guitarra de Reeves Gabrels é a protagonista absoluta das novas versións de New York’s In Love e ’87 And Cry, que soan a todo o que podería ter sido Tin Machine.

Se ben Never Let Me Down segue sen ser dos mellores discos de Bowie, esta nova produción permite apreciar mellor as boas ideas que había detrás destas dez cancións. Realizado seguindo as guías que o cantante británico deixara hai dez anos de cara a poder levar a cabo este proxecto, o traballo do produtor Mario McNulty non se pode entender doutra maneira que non sexa toda unha homenaxe as cancións de Bowie.