High Life

Director: Claire Denis
GuiónClaire Denis, Jean-Pol Fargeau, Geoff Cox
FotografíaYorick Le Saux, Tomasz Naumiuk
Ano: 2018
País: Francia

High Life

Director: Claire Denis
GuiónClaire Denis, Jean-Pol Fargeau, Geoff Cox
FotografíaYorick Le Saux, Tomasz Naumiuk
Ano: 2018
País: Francia

by | Nov 20, 2018

‘High Life’: Máis aló da ciencia ficción

High Life é un exemplo perfecto de que os filmes ambientados no futuro ou no espazo non sempre teñen por que encaixar na etiqueta de ciencia ficción. A nova película de Caire Denis, protagonizada por Robert Pattinson e Juliette Binoche, conta a historia dun grupo de convictos empregados como coellos de indias nunha misión suicida con destino final no buraco negro máis próximo ao Sistema Solar. Pero se ben esta é a historia do filme, a película de Claire Denis non fala sobre isto.

O contexto futurista é empregado unicamente como un marco no que a directora francesa volve a explorar as mesmas ideas existencialistas tan presentes no seu filme anterior, Un sol interior. Non sorprende que a propia Denis rexeite que este filme sexa etiquetado baixo o xénero da ciencia ficción, xa que pouco ten que ver co que se podería esperar dunha película deste xénero. Sen embargo o compoñente futurista de High Life tampouco debe ser deixado de lado como un aspecto simplemente accesorio. Os ambientes industriais e espaciais do filme permiten transmitir unha constante sensación de opresión e deshumanización canto menos desacougante.

Precisamente esta ambientación funciona como un espazo aberto para que a directora francesa xogue co ritmo da película, a realización ou a iluminación dunha maneira moito máis interesante que nalgúns dos seus traballos anteriores. Sen embargo, un dos aspectos formais máis interesantes de High Life é a constante ruptura da narración liñal. O groso da narración do filme aparece no seu tramo central, no que interactúan a maior parte dos seus personaxes.

Denis decide centrar a súa atención en Monte (Robert Pattinson), toda a trama xira a redor do seu personaxe e ademais o espectador percibe a historia a través da súa perspectiva mediante o uso da voice over. A pesares de que Monte non é máis que outro recluso dos que compoñen a tripulación da nave número 7, o seu rol é distinto ao de todos os demais, sendo a única persoa que, mantendo unha actitude que os seus compañeiros comparan coa dun monxe, consegue manterse ao marxe dos experimentos da doutora Dibs (Binoche), a verdadeira razón pola que se atopan nesa nave.

Precisamente mediante este personaxe introdúcense cuestións como a sexualidade e a reproductividade dende unha perspectiva completamente deshumanizada, convertidas en simples actos mecánicos. Será precisamente esta dinámica a que fará que se rompa a convivencia que semellaban manter nun primeiro momento os personaxes entre si. Fronte este aspecto deshumanizado, o inicio do filme, no que se ve a Monte xunto a súa filla, aínda un bebé, transmite unhas sensacións completamente opostas ao tramo central do filme, resultando nun comezo verdadeiramente inesperado e sorpendente. A historia de Monte e a súa filla retomarase no terceiro tramo, tras unha elipse temporal considerable, para poñer o peche a esta película.

High Life é sen lugar a dúbidas unha obra que elude a gratificación inmediata. Tanto a maneira de contar a historia como o ritmo da súa narración, foxen de maneira completamente consciente do cine máis clásico. Sen embargo, o filme ten unha capacidade sorprendente de atrapar ao espectador a través das súas imaxes, as súas cores ou a súa música, transmitindo ideas e reflexións complexas facendo uso de poucas palabras.