The Beatles – The Beatles (Super Deluxe)

DATA DE LANZAMENTO: 22/11/2018 (22/11/1968)
DISCOGRÁFICA: Calderstone (Apple)

The Beatles – The Beatles (Super Deluxe)

DATA DE LANZAMENTO: 22/11/2018 (22/11/1968) DISCOGRÁFICA: Calderstone (Apple)

by | Nov 20, 2018

Dende sempre, hai rumores de que Yoko Ono é a culpable da separación dos Beatles. Hai rumores que son estúpidos. Concretamente, este é un rumor estúpido e misóxino, que deixa de lado calquera posibilidade de discusión interna dentro da banda para achacar a separación dun dos grupos máis importantes da historia á muller dun dos seus integrantes. Se nos paramos a analizar a realidade, veremos que, cando o White Album comezou a tomar forma, as discusións eran o común, e a relación de John Lennon con Yoko Ono non foi máis que outra das moitas tensións que estaban enriba da mesa.

O terremoto que supón o álbum homónimo dos Beatles chegou no noveno posto, cunha portada tan simple como efectiva e que o converteu nunha das maiores lendas da música. Ninguén lle chamou homónimo, pois sempre foi o álbum branco, o White Album. E nel, máis que en ningún outro álbum dos Beatles, podemos atopar ao grupo tal e como era cada un dos seus membros, de maneira individual.

Chegaba despois do psicodélico Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band (1967), onde os Beatles concretaran xa moitas das ideas que en Rubber Soul (1965) e Revolver (1966) tentaran lanzar adiante. Tratábase dun disco dunha progresión única, onde cobraba por primeira vez forma a psicodelia no rock máis popular. Aquel personaxe do Sarxento Peppers lanzábanos a recorrer con el o seu circo, e por un día das nosas vidas, cos nosos amigos, coñeciamos a Mr. Kite, Rita e o resto de historias que nos invitaban a descubrir. Non procuraba, en si, que a historia do álbum fose concreta e lineal, mais aquel son regular e psicodélico durante todo o álbum, así como a repetición do tema que da título ao álbum, inducíannos sen querer nesta situación. Para moitos, Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band é un precursor dos que posteriormente serían coñecidos como albumes conceptuais, sendo as ideas concretadas polos The Who á hora de crear o seu tamén fantástico Tommy (1969). Un ano despois da publicación do Sgt. Pepper’s, os Beatles lanzaran o seu dobre EP Magical Mystery Tour, que estendía moitas das ideas do seu oitavo álbum.

Para crear o White Album, os Beatles traballaron de maneira diferente ás habituais neles. Estaban xa aburridos do seu método creativo, e incluso chegaban a cansarse entre eles con moita facilidade. Nun primeiro momento, para levalo a cabo, foron á India. A idea curso de meditación trascendental. Con todo, Ringo Starr foise ás dúas semanas e Paul McCartney ao mes e medio. John Lennon e sobre todo George Harrison aguantaron ata abril. Tras isto, e cunhas corenta composicións baixo o brazo, lanzáronse a gravar á casa de George Harrison en Esher. Moitas desas gravacións iniciais, de feito, están nesta nova edición do álbum, nun dos discos extra.

Pero non foron as definitivas, e tiveron que entrar de novo a gravar a finais de maio. Ata mediados de outubro dividíronse as gravacións entre os Abbey Road Studios os de Trident Studios. Ás veces, de feito, eran simultáneas en ambos estudos. Mais non se trataba dunha decisión madurada, senón froito da loita de egos que McCartney e Lennon encabezaban como nunca nesta etapa, e á que George Harrison tamén se uniu.

Cabe destacar que durante a creación do álbum existiron dúas saídas temporais do típico proceso creativo dos Beatles. Por unha banda, cando a tensión nos estudos era maior, o “quinto BeatleGeorge Martin tomouse, por primeira vez na súa carreira, unhas vacacións para non ter que aguantar máis as situacións que se estaban a crear nos estudos. Por outra banda, Ringo Starr sentíase fora de lugar e fora da banda, polo que chegados a agosto e tras todo aquel caos produtivo, tamén abandonou a agrupación de maneira temporal.

As loitas de egos fomentaron a creatividade individual de cada membro da banda, dando como resultado un álbum no que había que meter demasiadas cousas. Isto animou a que o White Album fose o primeiro e único LP dobre da banda, e tamén un dos primeiros da historia. Nel tiñan que estar reproducidas todas as ideas que os membros da banda, xuntos o por separado —maioritariamente por separado—, estaban a reproducir. O resultado foi, de maneira inesperada, funcional. Ten moitas das mellores creacións dos Beatles, mais, con todo, falta unha cohesión que traballos anteriores e posteriores, mellores e peores, tiñan.

O ego de Ringo Starr, tal vez como de costume, foi o menos representado no álbum. Con todo, ten un pequeno trunfo: por primeira vez unha composición súa pasou a nota de corte para aparecer nun álbum dos Beatles. Trátase dun dos temas de corte máis clásicos do álbum, totalmente country, cun violín de Jack Fallon acompañando unha instrumentalización case totalmente de percusión. Ringo repetirá tema na segunda parte do álbum, pechando con Good Night, onde será acompañado dunha orquestración composta por George Martin.

Se ben Ringo tardara nove albumes en incluír un tema composto por el, Harrison aparece acreditado como compositor dende o segundo álbum, cunha pausa de tres discos ata ver a seguinte. As súas aportacións, aínda que non pasaban de esporádicas ao conseguir introducir como moito un tema por álbum, abrían portas aos Beatles a outros estilos musicais e instrumentos, destacando, sobre todo, o sitar.

Con todo, para o White Album volvía o Harrison máis clásico, o da guitarra. Mais ca un paso atrás na súa carreira ou nas súas continuas exploracións doutros estilos musicais, o George Harrison do noveno traballo é no primeiro no que o vemos formarse como un artista individual que tantas alegrías daría despois da separación dos Beatles. Conseguira, esta vez, que catro das súas composicións figurasen no álbum.

No álbum Harrison aparece por segunda vez coa estraña Piggies, unha sátira canción orquestrada onde George Harrison dedica unhas marabillosas liñas humorísticas a rirse da burguesía. Seguiranlle Long, Long, Long, un precioso tema de folk psicodélico sobre amores perdidos, onde destaca tamén a batería de Ringo Starr, e Savoy Truffle, na que tentará poñer nos límites o blues rock. Destacan na instrumentalización o órgano Hammond e os seis saxos utilizados para os arranxos do tema, que ensalzan o tema dándolle un toque de sucidade que era máis que necesario.

Mais a canción que faría pasar a George Harrison á historia pola súa participación no White Album foi a que aparece sétima no primeiro dos dous discos álbum, e que tamén é a primeira composición de Harrison en aparecer na lista de cancións. As primeiras gravacións de While My Guitar Genlty Weeps chamaban a un resultado final moi diferente. Nas Esher demos, que acompañan a esta re-edición, vemos unha canción puramente folk, cunha instrumentalización moitísimo máis simple formada só por guitarra e harmonio.

O resultado final comeza con fortes pianos e baixos, e pronto a guitarra eléctrica se fará coa canción ao completo, creando polo camiño George Harrison un dos maiores himnos do rock progresivo da historia, e é que poucos temas definen o estilo dunha maneira tan concreta como a creación de Harrison, que remata entre xemidos cheos de emoción.

O dúo Lennon-McCartney atribúese o resto de composicións, mais resulta ata curioso que a única canción que a día de hoxe non teña unha autoría fixa nalgún dos dous do dúo sexa posiblemente a peor creación de todo o álbum. Birthday é, simplemente, unha canción para celebrar un aniversario. A nivel estilístico, ademais, clasifícase no puramente rock, e trátase tal vez da conexión máis clara dos Beatles coas súas creacións previas a Rubber Soul.

Paul McCartney produce, para o White Album, moita música e de estilos moi variados. Por unha banda, permite concretar moitas das ideas que mostrara en albumes anteriores, maduradas na súa totalidade; e por outra abre a porta a uns Beatles moito máis rápidos e concretos, nos que a palabra heavy aparece por primeira vez ao lado dunha creación musical como un estilo propio.

Os detalles máis folk e country que inspiraran nun pasado a Paul a compoñer cancións como Yesterday, agora vense concretados baixo unha madurez musical que nos primeiros anos era imposible lograr. Temas como Rocky Raccoon, Martha My Dear, I Will ou, sobre todo, Blackbird, son herdeiras deste son. Trátase dun McCarney quedo e romántico, que se toma o seu tempo para crear as historias que quere contar.

Alén disto, unha parte de McCartney tiña a mosca detrás da orella porque a crítica lle trataba do Beatle menos vangardístico e tradicional á hora de producir. Coas portas abertas a creacións máis arriscadas, dende a apertura con esa rápida bomba que supón Back in the U.S.S.R., ata o blues tolo de Why Don’t We Do It In The Road?, veremos durante todo o álbum a un McCartney máis desatado, con máis ideas musicais que poñer sobre a mesa e pegándose ata superar o lado máis hard rock que os Beatles mostraran ata o de agora.

A maior aportación musical de McCartney, e a mellor definición dese intento de superar límites, ven coa atemporal Helter Skelter. Rápida, escandalosa e pesada dende que comeza, durante catro minutos e medios ningún dos instrumentos deixará un minuto de descanso ao ouvinte. Rematará Ringo Starr cun “I’ve got blisters on my fingers!” (Teño bochas nos dedos!) que define á perfección o traballo que os Beatles lanzaron detrás da creación.

Fixéronse varias versións da canción, en intensas sesións onde os Beatles tocaban ata a saciedade e onde calquera clase de loucura parecía estar permitida. Chegará o momento, incluso, no que George Harrison prendera lume a un cinceiro e danzara polo estudo con el en llamas, tentando imitar a Arthur Brown en Fire. A concreción cambiou tanto que pasou de ser unha peza máis de rock progresivo a ser unha das precursoras do que hoxe en día coñecemos como heavy metal.

As creacións de John Lennon foron, aínda que xeniais, un paso intermedio. E, con todo, tal vez o contido máis importante do álbum. Lennon, igual que o resto, deixaba de lado en gran parte as investigacións coa psicodelia que fixeran para Sgt. Pepper’s e Magical Mystery Tour, mais non os sons que tentaran explorar en Rubber Soul e Revolver, sendo o seu son unha pequena concreción do que se fixera naqueles albumes. E dicimos paso intermedio porque, ao mesmo tempo, as liñas que seguiron as súas cancións foron as que despois marcaron en gran parte as creacións da súa última —con todos os respectos que merece Let It Be (1970)— obra mestra, Abbey Road (1969).

Non se trata tanto dos estilos musicais que Lennon decide tocar nos seus temas, senón a experimentación co son clásico destes que fai. Poucos temas, como Yer Blues ou Revolution 1, poden ser concretados mediante unha única etiqueta. No resto aparecen pequenos detalles doutros estilos musicais, letras sen significados claros —destacando Everybody’s Got Something to Hide Except Me and My Monkey, mais sen superar á eterna I Am The Walrus— e pezas que non encaixan.

Happiness Is a Warm Gun é unha das máis claras mostras do que despois serían ideas maduradas en Abbey Road e Let It Be. Mestúranse hard rock, rock progresivo e psicodelia, mais dunha maneira moito máis fina e respectuosa que nos traballos puramente psicodélicos anteriores. E fano de maneira moi sinxela de estruturar, pois os ritmos cambian a medida que avanza o tema.

En Revolution 9 vemos a parte máis preocupada de Lennon por recoñecer e superar os ritmos coñecidos na música, e por tentar incluso atopar os seus límites como creador. Trátase dun inclasificable documento que levou a cabo con axuda de Yoko Ono, Ringo Starr e George Harrison, onde se solapan bucles, violíns ao revés, gritos, choros adultos e de crianzas e ecos, entre o máis recoñecible. Con todo, e aínda que pareza pouco crible, a peza non parece ser a loucura experimental máis grande que fixeron os Beatles, e aínda continuará a lenda de Carnival of Light ata que alguén decida sacala do seu eterno agocho.

Dentro dos extras desta nova edición de 2018 hai pequenas xoias por descubrir. Aproximadamente, a edición ofrécenos catro horas de contido suplementario, e podemos atopar ensaios previos á versión que todos coñecemos das cancións deste álbum ou incluso dos seguintes, así como cancións que lanzarían en solitario os diferentes membros da banda despois da ruptura. Tamén, jam sessions que utilizaban para entrar en calor, como Blue Moon ou Los Paranoias.

Entre as cancións da banda, destaca a primeira versión de Hey Jude, onde vemos na introdución do tema a Paul McCartney preparando a afinación do primeiro “Hey” que escoitariamos oficialmente na versión final. Da primeira a última versión acórtanse voces e gritos, e partes da instrumentalización son dunha velocidade moito máis lenta do recordado no xa mítico sinxelo.

O pegadizo outro pegadizo de Cry Baby Cry ten tamén unha curiosidade nesta edición especial. Recibindo o nome de Can You Take Me Back?, en referencia ás palabras que Paul McCartney repite unha e outra vez na parte do tema, vemos unha improvisación de dous minutos e vinte e dous segundos de McCartney sobre a idea que xa concretaran para o tema final con anterioridade.

E, a auténtica xoia da coroa, a segunda toma de Helter Skelter, totalmente diferente ao tornado que é o resultado final. Aquí, en lugar de esa velocidade e confusión, procurábase un son moito máis pesado e lento. Na segunda vez que a gravaron, en lugar deses acortados catro minutos e medio que coñecemos, o tema duraba case trece minutos. O son é moitísimo máis grave, así coma o ton no que canta McCartney, e os coros e riffs de guitarras non teñen en absoluto a mesma importancia.

Tras o Álbum Branco, as ideas e as discusións persoais estúpidas deixáronse temporalmente de lado para gravar os dous últimos albumes do grupo, xa con cohesión clara entre os temas. Con todo, para a historia queda xa o famoso disco homónimo daquela portada branca, onde as loitas de egos dos membros da banda, así como as continuas discusións, as polémicas, e as idas e vindas do grupo, permitiron que as súas ideas individuais fluísen como nunca e nos permitiran escoitar unha das mellores obras da historia do rock.