Un asunto de familia

 

Director: Hirokazu Kore-eda
Guión: Hirokazu Kore-eda
Música: Haruomi Hosono
Fotografía: Ryûto Kondô
Ano: 2018
País: Xapón

Un asunto de familia

Director: Hirokazu Kore-eda
Guión: Hirokazu Kore-eda
Música: Haruomi Hosono
Fotografía: Ryûto Kondô
Ano: 2018
País: Xapón

by | Nov 21, 2018

‘Un asunto de familia’: O cariño dos desamparados

Estamos nuns tempos complicados para a familia. Moreas de mozos víronse –e vense- obrigados a emigrar do país. Unha xeración enteira separada das súas familias. Por outra banda, os axentes hexemónicos o retratan como algo bo e produtivo. A famosa “mobilidade laboral”. O sistema económico actual tende á atomización pola súa propia natureza e en moitos casos a familia é o último bastión.

Neste contexto chega Un Asunto de Familia, flamante gañadora da Palma de Ouro de Cannes e dirixida polo xaponés Hirozaku Kore-eda. Un filme que non ten a pretensión de reivindicar nada pero que si amosa unha parte social que apenas é tratada nun cinema sen intencións propagandísticas: ás persoas marxinadas na sociedade. A xente que por unha razón ou por outra non teñen os suficientes ingresos para subsistir, polo que se ve obrigada a facer ilegalidades para garantir o seu desenvolvemento.

Para comezar, presenta a un núcleo familiar moi diferente ao habitual. Son pobres e rouban. Tentan manterse da forma que poden nunha casa demasiado pequena para todos, con abundante maleza na porta e moi pouco coidada en xeral. O protagonista noutras ocasións sería o secundario tópico mangante que non fai nada máis na súa vida. Nalgunhas obras incluso constituiría un alivio cómico pola súa personalidade alegre e preguiceira. Pero nesta ocasión, Kore-eda tenta retratar a súa vida dun xeito realista, sen demasiados artificios.

Un dos aspectos máis relevantes do filme é a fotografía. Predomina a cámara fixa dun xeito case permanente. Hai unha morea de elementos no plano. Deste maneira, pódese ver que a familia vive nun sitio atafegante, con espazos paupérrimos. Porén, as cores durante case toda a obra son cálidos e suaves. Isto transmite que aínda que as condicións materiais desas persoas son moi malas, non están deprimidos. O núcleo familiar é o que os salva de morrer conxelados no inverno ou mendigar comida na rúa. É o que lles dá a posibilidade de ir cada adiante.

Abundan as escenas costumistas, reforzando a unidade familiar a través delas. O que se nos retrata na obra é o día a día da familia. Cos seus problemas internos, as súas intrigas e algúns dos momentos máis tenros que vin en moito tempo nunha pantalla de cinema. Pero a película non se pode entender sen un dato de gran importancia: a familia non ten ningún tipo de lazos sanguíneos.

Os personaxes son un grupo de persoas marxinadas que se reúnen dun xeito artificial para poder sobrevivir. As razóns que as levaron aí son moitas e diversas pero o importante é que a pesar de que os cartos son o que realmente os une e o motivo de que exista ese núcleo, si que hai verdadeiros sentimentos de amor entre eles. Non un amor entendido como dedicación absoluta, xa que como se di nun dos fantásticos diálogos da obra, os que sufriron non son capaz de preocuparse polos demais; pero si que hai coidados, un sentimento de pertenza a un grupo e quen non vexa un profundo cariño entre esas persoas é un desalmado.

Con isto non quero dicir que os personaxes sexan malas persoas por actuar dun xeito individualista en ocasións, senón que son escravos das súas circunstancias. Se non se ten escrúpulos para prosperar, é natural que iso se vexa reflectido na súa moralidade. Deste xeito, hai un choque frontal na moralidade hexemónica burguesa que se pode ver sobre todo entre a relación do seu protagonista co seu fillo, e sobre todo na relación da familia como estrutura co mundo exterior a ela.

A intención do director non é facer un discurso de clase. Tampouco denunciar as difíciles condicións de vida que teñen que vivir algunhas persoas por mor do sistema capitalista. Pero si que se pon no corpo delas e tenta retratar como é o estilo de vida nestas condicións. Kore-eda logra unha película tremendamente humana. Un Asunto de Familia é unha obra cun enfoque innovador e dun resultado sorprendente.