Mirai, a miña irmá pequena

Director: Mamoru Hosoda
Guión: Mamoru Hosoda
Música: Takagi Masakatsu
Ano: 2018
País: Xapón

Mirai, a miña irmá pequena

Director: Mamoru Hosoda
Guión: Mamoru Hosoda
Música: Takagi Masakatsu
Ano: 2018
País: Xapón

by | Nov 22, 2018

‘Mirai, a miña irmá pequena’: Tenrura efectiva

O nome de Mamoru Hosoda cada vez soa con máis forza cando falamos de animación xaponesa. Comezou en Toei, estreándose á dirección co primeiro filme de Digimon e o sexto de One Piece; e foi, durante principios de século, unha das armas máis potentes coas que contaba o estudo Madhouse (Death Note, Hunter x Hunter ou Paprika), onde dirixiu películas como A chica que saltaba a través do tempo (2006) e Summer Wars (2009).

En abril de 2011, buscando estender as súas posibilidades de creación, e co apoio inicial de Madhouse, Mamoru Hosoda fundou o Studio Chizu, sendo Os nenos lobo (2012) a primeira co-produción baixo esta marca. A segunda, O neno e a bestia (2015), xa visitara o Cineuropa no seu día, e Hosoda repite con Mirai a súa participación no festival galego.

O primeiro que chama a atención de Mirai é a súa facilidade para introducirnos na historia que nos vai contar. Non necesita demasiado para facelo: durante uns rápidos créditos vemos unhas fotografías seleccionadas da familia protagonista da historia, e como o paso do tempo, de maneira amable, asentou as bases do seu fogar.

A película chamará con especial incisión en familias con crianzas ou en aqueles que teñan irmáns, pois a historia é sinxela: Kun, un neno de catro anos, ve como a súa familia crece coa chegada da súa irmá. A partir dese momento, comezarán a aparecer pola súa parte celos contra a pequena. Para solucionalos, o filme combina metáforas cheas de ciencia ficción con escenas cotiás da familia, dando pequenos sermóns que axudan a madurar ao personaxe principal da historia. Procura facer énfase na importancia das relacións familiares.

Algo que diferencia a Hosoda dunha gran cantidade de directores de animación xaponesa cuxa fama traspasou fronteiras é que, aínda que parece ter un gran respecto pola tradición, bebendo moito de grandes autores como Hayao Miyazaki ou Isao Takahata, tampouco dubida en utilizar formatos dixitais sen pudor pero con estilo cada vez que o precisa, dotando aos seus filmes dunha velocidade e un dinamismo marabillosos e dignos de ver.

Mirai é parte deste xogo entre a tradición e o dixital. Nas escenas de vida cotiá, a animación goza dun trazo simple, achegado, sen irse en ningún momento no trazo ou no estilo de debuxo. Todo nos resulta familiar, como é procurado. Con todo, nas escenas nas que os elementos máxicos cobran máis importancia, as escenas estarán cheas de debuxos dun toque máis artístico, e a utilización de elementos dixitais para apoiar a tradición será unha norma.

Mamoru Hosoda consegue un filme cheo de humor e tenrura, co que cun mínimo de empatía é sinxelo emocionarse e no que tamén resulta fácil verse reflexado. A animación é excelente, e a paleta de cores elixida tanto nos momentos máis claros coma nos máis evocadores de medos funciona. Dentro das limitacións que pode ter a trama, na que non se tenta lanzar máis que pequenas leccións infantís, divertirá tanto a crianzas como adultos.