by | Dec 5, 2018

Nace unha rede de bibliotecas populares en Compostela

Libros Man a Man pretende dar unha nova vida aos libros, democratizar a lectura e facer comunidade. Trátase dunha iniciativa dun grupo de estudantes de cuarto de xornalismo cuxo obxectivo é crear unha rede de bibliotecas populares na cidade de Santiago de Compostela ao conectar varios puntos ubicados en librarías e centros socioculturais.

A finalidade última da iniciativa é o acceso á lectura, independentemente do nivel económico, baixo o lema de “colle un libro e deixa outro se podes”. Ademais, explican nas súas redes sociais que pretenden “crear comunidade, demostrar que as persoas son solidarias e que poden dar vida entre elas a un proxecto colectivo practicamente autoxestionado”.

Os primeiros puntos nos que se poderá facer este intercambio serán as librarías Lila de LilithChan da Pólvora e Couceiro, o espazo para a arte Os Catro Gatos e a Facultade de Ciencias da Comunicación, aínda que os responsables da iniciativa aseguran que a súa vontade é a de “unir máis lugares”.

Antes de pór en marcha a iniciativa, tiveron dúas semanas onde realizaron eventos de recollida de libros que foron un rotundo éxito, con máis de 400 libros recollidos nese escaso tempo. Dende a organización destacan que isto demostra “que os cidadáns son quen de implicarse” nesta clase de proxectos.

A partir desta primeira rede, poderán unirse outros locais interesados a través do seu FacebookInstagram ou na súa propia páxina web.