by | Dec 6, 2018

A versión orixinal e o cine de autor aterran dende hoxe en Lugo nas novas salas Codex Cinema

Codex Cinema é o nome dos novos cines que abren hoxe en Lugo. O proxecto recupera dúas das salas dos antigos Cines Yelmo para exhibir películas en versión orixinal e centradas en producións independentes e de autor. Ademais de proxectar filmes, o novo espazo quere acoller conferencias, debates e outros eventos, e de cara ao futuro apuntan completar o proxecto cunha libraría, un estudio de televisión e unha sala de eventos. O referente que buscan, explican, é o exitoso modelo do NUMAX de Santiago.

Así, Codex Cinema brindará ao público lucense as mesmas oportunidades de ver cinema de calidade que na capital galega. “Unha das maiores frustracións dos cinéfilos lucenses foi sempre ver como as películas europeas e independentes premiadas nos festivais internacionais nunca chegaban ás salas lucenses. Cando o facían, era con semanas ou meses de atraso, dobradas ao castelán ou ben estreadas pola nunca suficientemente recoñecida labor do Cineclube Valleinclán ou a Semana de Cine de Autor de Lugo organizada por Fonmiñá”, sinalan na nota.

Entre a programación inaugural dos Códex atópanse seis películas de produción española, italiana, norteamericana, francesa e polaca: Con el viento (2018, Meritxell Colell), Los amores cobardes (2017, Carmen Blanco), Lazzaro feliz (2018, Alice Rohrwacher), Á sombra de Kennedy (2016, Rob Reiner), Os fantasmas de Ismael (2017, Arnaud Desplechin) e Cold War (2018, Pawel Pawlikowski); unha escolma de diferentes estilos e na que hai tres mulleres directoras.

Nun futuro, dende Codex Cinema barallan ofrecer sesións únicas ou especiais dalgunas películas, entre elas a estrea do filme galego Trote, de Xacio Baño, e mesmo algúns clásicos do cinema. Tamén chegarán obras presentadas en Cineuropa.

Podes seguir a actividade dos cines en https://codexcinema.com/ e na súa páxina de Facebook.