by | Dec 14, 2018

Sabela Ramil pasa á final de ‘OT’ cantando outra vez en galego

Sabela, a única representante galega na actual edición de Operación Triunfo, coouse este mércores na final do concurso co respaldo maioritario do público. A concursante das Pontes lográbao interpretando unha versión entre o tango e o fado do poema Negro Caravel de Rosalía de Castro, a peza composta por Rosa Cedrón, quen foi a súa profesora de canto, e Cristina Pato.

Será o segundo ano consecutivo que a gala final de ‘OT’ terá acento galego. Na edición de 2017 Miriam Rodríguez acadou a terceira posición.

Sabela protagonizou, ademais, un dos momentos máis comentados da noite cando lle dixo a súa nai: “Que raro se me fai falarche en castelán”. Esta normalización da lingua galega nun dos programas de televisión máis populares no Estado español suscitou o fervor a parte da audiencia e a boa parte do noso país, tan acostumado ao desleixo cultural e lingüístico sen necesidade sequera de ter saído das nosas fronteiras.

Pero Sabela non necesita chegar á final para reivindicar a súa galeguidade. A primeira vez que tivo que enfrontarse ao veredicto do público facíao en galego con Benditas Feridas de Rosa Cedrón. Despois da sorpresa inicial e dos debates nas redes, Sabela conseguiu emocionar alén do idioma de cada un, demostrando sensibilidade e bo gusto, que serviron para salvala da queima e mantela no concurso.

A pontesa amosou vivir sen complexo algún, aproveitando calquer momento na academia para arrincarse por Berrogüeto, empuñar a pandeireta ou tentar ensinar palabras en galego ao resto de compañeiras.

Na tarde de onte, o programa anunciaba o reparto de temas para a gran final da semana que vén. Sabela elixiu a balada jazz Tris tras, de Marful, levando o galego consigo ata a final da edición. A autora da composición, Ugia Pedreira, mostrou o seu agradecemento revelando ademais unha parte da intrahistoria da canción.