Trote

Director: Xacio Baño
Guión: Xacio Baño, Diego Ameixeiras
Fotografía: Lucía C. Pan
Ano: 2018
País: Galicia

 

Trote

Director: Xacio Baño
Guión: Xacio Baño, Diego Ameixeiras
Fotografía: Lucía C. Pan
Ano: 2018
País: Galicia

by | Dec 14, 2018

‘Trote’: Unha asentimental historia do rural galego

Fai escasos días coñeciamos a importante noticia de que todas aquelas posibles nomeacións aos Goya para filmes como A estación violenta ou Dhogs quedaban en nada. Non tivo a mesma mala sorte Matria, de Álvaro Gago, mais non deixa de ser chamativo que nun dos anos máis prolíficos do cine galego estease deixando a este de lado á hora de recibir premios. E é que o feito é que non só se está a facer moito cine, senón que estamos ademais ante unha onda de cineastas talentosos, cos pés na terra, e que traen consigo visións interesantes ao cine.

Tal vez non sexan visións únicas, pois a día de hoxe innovar dunha maneira na que as creacións audiovisuais traian consigo unha novidade total é imposible, mais si que aparecen nas súas visións do audiovisual pequenos e grandes destelos, moitas veces incluso en óperas primas, que nos chaman a atención e nos poñen un ollo crítico e preocupado por primeira vez en moito tempo no cine do noso país. Galicia está viva, e as inquedanzas da súa poboación —usualmente da máis nova— teñen na cultura unha das maiores plataformas para ser expresadas.

Anxos Fazáns, Álvaro Gago, Oliver Laxe, Andrés Goteira —entre outros— e, agora, Xacio Baño. O director lucense pre-estreaba no Cineuropa a súa ópera prima a nivel longametraxe, e hoxe, 14 de decembro, esta creación audiovisual dará paso ás pantallas de todo o país. Non se deixe despistar, ávido lector, polas tres estrelas da nosa crítica e que moitas veces fan que pensemos que a película non paga a pena: ver Trote é unha pequena e bonita tortura de oitenta minutos que nos deixa o seu poso durante moitas horas despois.

En Trote, procúrase expresar esas pequenas cuestións que fan do rural galego ás veces asfixiante e confuso no seu día a día: familias enfrontadas, ás veces sen saber por que, e unha monotonía excesiva que pode facer sentir atrapado a máis dun. Para dotar estas cuestións de verosimilitude cinematográfica, Xacio deixa no peto agochadas as respostas dos conflitos que están a acontecer, e conta a pouca historia que merece ser contada entre plano fixo e plano fixo, enchendo a historia de longas escenas nas que os personaxes deciden botarse cousas en cara entre eles entre silencios.

Chama a atención, así, como estes caracteres aparecen moitas veces desprovistos enormemente de emocións, soltándose frases uns aos outros que chegan a parecer carentes de sentido. Con todo, é intencionado, pois esa monotonía e confusión que o filme procura conséguense enxalzar.

Tal vez a principal problema da película sexa que nese intento de desprovir de emocións ás súas personaxes fai que o resultado final do filme poida aparentar carente de empatía, en moitas ocasións áspero, perdendo así a súa conexión co espectador.

Tamén, a maneira na que se retrata o rural galego, con esa monotonía total e acerba, resulta nunha idea sobre este equívoca, aparecendo un rexeitamento demasiado brutal de todo o que este leva consigo. Non hai dúbidas de que as ideas coas que se nos leva mostrando o rural galego durante toda a nosa vida son equívocas, asociando este a unha necidade satírica e errónea, mais ao mesmo tempo semella que a maneira de retratalo decidida por Xacio Baño afasta por negación a realidade existente nel. Crease, si, unha visión crítica e necesaria, mais ao mesmo tempo non podemos falar dunha boa representación deste pois utilízase ao rural como canle para contar unha historia por facilidade e proximidade, e non como peza verdadeira da historia.

Trote resulta unha obra máis que destacable, onde os posibles fallos ou rexeitamentos que poidan existir nela quedan rebaixados ante o esforzo narrativo que Xacio Baño decide achegarnos. Resulta áspera, si, mais tamén necesaria.