Suspiria

Director: Luca Guadagnino
Guión: Dave Kajganich
Fotografía: Sayombhu Mukdeeprom
Ano: 2018
País: Italia

Suspiria

Director: Luca Guadagnino
Guión: Dave Kajganich
Fotografía: Sayombhu Mukdeeprom
Ano: 2018
País: Italia

by | Dec 24, 2018

‘Suspiria’: Unha oda antifascista?

Sempre que sae un remake dunha película á que lle temos cariño, convocamos as nosas mellores pregarias para que o resultado non tire por terra a versión orixinal. Prodúcese en nós unha mestura de nostalxia e desconfianza xustificadas. Cada ano ródanse centos de novas versións de cintas que xa pasaran a mellor vida. Algunhas incluso mellorando notablemente as orixinais. Sen querer sentar eu cátedra sobre nada, só cabe dicir que clásicos como Ben-Hur (1959) ou Por un puñado de dólares (1964) saíron da revisión de películas anteriores (esta última de Sergio Leone, atrevéndose incluso a darlle unha volta ao Yojimbo (1961) de Kurosawa). Non estamos, xa que logo, ante un fenómeno da nosa época, na que todo está feito e non queda máis remedio que botar a vista cara atrás. A revisión cinematográfica e a visión que diferentes directores teñen sobre unha mesma historia estivo presente no cine dende os seus inicios e non ten nada de desprezable.

A Suspiria de Luca Guadagnino bebe da película homónima que o tamén director italiano Darío Argento estreara en 1977. Daquela, a obra de Argento postulárase como unha das máis destacadas dentro do chamado cine giallo; un subxénero que logo tería gran influencia en toda a escena slasher de principios dos 80. Guadagnino preséntanos un remake que garda unha notable distancia coa orixinal; tanto a estética como os diferentes subtextos (maternidade, poder, culpa) circulan por roteiros ben diferentes. O argumento principal da película de 1977 serve aquí de envoltorio para achegarnos unha lectura quizais caótica, pero ben interesante. Se cavilamos unha relación entre as palabras Italia (lugar de orixe do director) e Berlín (lugar no que sucede a película de Luca), seguramente nos veña á cabeza o fascismo. Guadagnino traduce a Suspiria toda unha metáfora do poder fascista que por un lado retrotráenos á Alemaña nazi e por outro conéctanos cos incertos tempos presentes.

Dakota Johnson e Tilda Swinton guíannos polo Berlin de 1977 con notables actuacións. A primeira como unha estudante de ballet e a segunda como a súa mestra nunha escola feminina gobernada por un aquelarre de bruxas. Cabe destacar que esta última interpreta ata tres personaxes na película, despois de que a mediados deste mesmo ano se descubrira que Lutz Ebersdorf, actor que fai o papel de psicoanalista, non era máis que un alter-ego da actriz británica. Divida en capítulos, a primeira parte do filme ponnos en situación e somérxenos no axitado contexto social berlinés. Conforme a trama se vai desenvolvendo e entrando en contacto con outras é cando a película cae sobre si mesma. Malia iso, a cinta bríndanos un traballo tan coidadoso que merece a pena visualizar; con escenas que quedarán gravadas na nosa memoria pola súa crueldade, acompañadas do ambiente gótico na que nos somerxe a banda sonora de Thom Yorke.

Pero se o filme resulta grotesco e difícil de ver por momentos, é por dous motivos principais. Primeiro porque a película semella un tanto fachendosa. O director da aclamada Call me by your name (2017) ten esa tendencia de buscarlle lecturas poéticas e sisudas a todo. Visualmente, atopámonos cun collage de imaxes e referencias tan basto que resultan imposibles de nomear: arte feminista radical dos 70, Polanski, pinturas de Visconti, Francesca Woodman, o RAF, Die Dritte Generation… Desafortunadamente non rematan de aportar nada ás historias senón unha aura barroca que ensucia o resultado final. As personaxes, o contexto… todo se volve artificial, xa que son meros obxectos ao servizo desa lectura final.

A segunda razón é porque todo o elucubrado ata o momento álxido da película, cunha orxía final de plasma vermello, non conduce a ningún lugar, salvo a outra nova reflexión metafórica que se esquece do sucedido anteriormente. Tramas secundarias quedan sen desenvolver, certas historias pérdense e elementos que semellaban atractivos non resultan ser máis que engadidos ao collage final. Da a sensación de que Guadagnino ten que xustificarse en cada plano e en cada detalle engadido a esta anarquía de fotogramas. E remátalle pasando factura.