Nadal á islandesa (en galego): Dez libros para agasallar nestas datas

Nadal á
islandesa (en galego): Dez libros para agasallar nestas datas

by | Dec 28, 2018

U nha das publicacións máis curiosas e recocidas de cada decembro é aquela que agroma nas redes sociais de todo o orbe en vésperas do día de Nadal e na que se nos dá conta dunha fermosa tradición islandesa, o Jólabókaflóð, que basicamente consiste en intercambiar libros con amigos e familiares en Noiteboa, dándolle ademais un pulo importante a todo o que se publica no idioma propio do país.

E o certo é que, malia as adversidades que enfrontamos e que se poden presumir de cara ao futuro, a ampla variedade de novidades literarias en galego deste 2018 daría para celebrarmos un Nadal á islandesa sen maiores problemas. Polo tanto, e aínda sabendo que as cribas poden derivar en sacrificios inxustos (pero necesarios), permítome facer unha selección dalgunhas das novidades máis significativas deste ano que vai tocando ao seu fin, nas que doadamente poderemos atopar o agasallo ideal. Non están todas as que son, mais si son todas as que están.

1. Oryx e Crake
Margaret Atwood
Tradución de Estela Villar

Rinoceronte Editorial

O recente e masivo éxito televisivo da adaptación de The Handmaid’s Tale permitiu poñer o foco na restante obra narrativa da canadense Atwood, cuxa primeira tradución ao galego vén da man da colección Nova de Rinoceronte Editora. Oryx e Crake, orixinalmente publicada en 2003, transita tamén o camiño da distopía, debuxando un futuro adverso e un mundo inhóspito nos que o derradeiro sobrevivente da raza humana convive con bestas resultantes das perversións propias dunha humanidade que xogaba a ser Deus, con fatais consecuencias para o seu destino.

Unha novela escura e desacougante polo subxénero narrativo no que se insire pero ao mesmo tempo cargada de ironía, que podemos gozar en galego grazas ao espléndido traballo de Estela Villar.

2. Pippi Mediaslongas Embarca
Astrid Lindgren
Tradución de David A. Álvarez Martínez

Kalandraka

Unha suxestión para o público máis novo. Hai pouco máis dun ano chegaba ás librerías do país a primeira tradución ao galego de Pippi Mediaslongas, clásico imperecedoiro da literatura infantil e xuvenil da escritora sueca Astrid Lindgren. E, agora, de novo Kalandraka (que neste 2018 cumpriu dúas décadas de existencia) faise cargo da súa segunda parte, na que a intrépida rapariga de Vilapenela embarca co seu pai ata a illa de Korakora.

Unha nova aventura da atemporal heroína infantil que volve contar co oficio de David A. Álvarez no seu traslado á nosa lingua, un labor que xa fora recoñecido na pasada Gala do Libro Galego co premio á mellor tradución pola primeira parte desta serie.

3. DX
Eli Ríos

Urco Editora

Tamén dirixida a un lectorado xuvenil vai a nova obra de Eli Ríos, autora de referencia das nosas letras máis actuais e que case paralelamente a acadar un novo galardón literario (o González Garcés de poesía por Ningunha tortilla é mala) viu saír do prelo DX.

Nesta nova e desafiante proposta, a escritora ordense trasládanos á cidade da Coruña dun futuro non moi afastado para facernos reflexionar sobre os excesos do capital e dun malentendido progreso científico sempre suxeito ás súas esixencias. Unha fábula aterradora e de claras influencias distópicas que nos amosa de novo ao individuo loitando contra a súa propia alienación e que sobresae por algúns dos seus procedementos estilísticos, aínda sorprendentes nunha narradora afeita a sorprender.

4. Seis poemas galegos
Federico García Lorca

Alvarellos Editora

Se hai un agasallo literario ben axeitado para estas datas é esta edición facsimilar dunha das obras máis raras pero máis reivindicadas do xenial poeta granadino.

As composicións galegas de Lorca pasan de ser un extravagante achado arqueolóxico, pouco doado de atopar na súa edición orixinal de 1935, a transformarse nesta nova edición que reproduce con sumo coidado e fidelidade o aspecto que tivo aquela. Este facsímile incorpora tamén dez fotografías da estancia de García Lorca en Galicia comentadas polo propio autor.

5. O puño e a letra
Yolanda Castaño

Xerais

A que posiblemente sexa a nosa poeta máis recoñecida e internacional trae o “cómic poético” á nosa literatura, tendendo unha vez máis novas pontes de diálogo entre a lírica e outras formas de expresión, neste caso a banda deseñada.

O resultado deste singular experimento é unha obra fresca e sumamente orixinal na que os versos de corenta poemas seleccionados de Castaño se funden á perfección coas achegas dos máis de trinta autores e autoras que colaboran no volume, entre os que destacan David Rubín, Xulia Pisón, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kiko Da Silva, Miguelanxo Prado, Cynthia Alonso, Siro ou David Pintor.

6. Todo isto antes era noite
Lucía Aldao

Apiario

Aínda que sobradamente coñecida pola súa actividade xunto a María Lado no dúo Aldaolado, a poeta Lucía Aldao non tiña ningunha publicación na que puidésemos recuperar esa forma tan pouco convencional de facer poesía que xa gozabamos nas súas interpretacións orais.

Mais agora a colección Cera labrada da editora Apiario tráenos á beira do Nadal Todo isto antes era noite, o primeiro poemario de Aldao, no que o talento lírico e o potente imaxinario da súa autora se mesturan cun esmerado e impecable deseño formal que xa é marca da casa.

7. Bonus Track
Rosalía Fernández Rial

Galaxia

A primeira obra narrativa de Rosalía Fernández Rial, coñecida ensaísta e poeta, é unha formidable colección de vinte e dous relatos curtos con gusto a rock n’ roll que busca romper e diluír as fronteiras da arte.

A través do contido lírico dunha selecta de cancións de diferentes estilos musicais, Fernández Rial dá forma a unhas narracións de moi diversa extensión e condición, tecidas con audacia e apegadas á realidade social do noso tempo, centradas nuns personaxes ben elaborados e sempre á expectativa dese xiro inesperado mais esperanzador ao que apela o seu título. Unha das obras máis atraentes deste ano que vai acadando o seu fin e que chega a nós grazas a Galaxia.

8. Os afluentes
Vicente Vázquez Vidal
Edición bilingüe con tradución ao francés de Veronique Voyer

Tulipa Editora

Unha das mellores novas deste ano editorial galego foi o xurdimento dun novo selo, Tulipa Editora, que en apenas uns meses de andaina xa nos deu un fato de títulos ben interesantes, entre eles a celebrada tradución ao galego dunha escolma poética de Luis García Montero.

Mais aquí quero destacar un dos títulos da Colección 10x15, (consistente en pequenos cadernos bilingües de lírica diversa e levada a cabo por voces poéticas novas), que é Os afluentes de Vicente Vázquez Vidal, “once poemas que decorren murmurando un reproche” e que Veronique Voyer traslada tamén ao francés. Unha proposta lírica breve pero anovadora, ideal para aquelas amizades invisibles tan típicas destas datas que queiran ser un pouco máis inspiradoras.

9. Dos días do porvir
H.G. Wells
Tradución de Alejandro Tobar

Hugin e Munin

O autor británico H.G. Wells é unha das moitas figuras paternais que se asocian ao nacemento da literatura de ciencia-ficción grazas a obras como A máquina do tempo ou A guerra dos mundos, mais non todos coñecen Dos días do porvir, unha breve novela orixinalmente publicada por entregas e que sitúa aos seus protagonistas nun avesío século XXII no que chegan a sentir morriña da época vitoriana.

Unha prosa sinxela pero aguda que satiriza as consecuencias dun progreso tecnolóxico que xa espertaba interese na literatura decimonónica, agora en galego grazas a unha atinada tradución de Alejandro Tobar publicada por Hugin e Mugin.

10. O Señor dos Aneis
J.R.R. Tolkien
Tradución de Moisés Barcia

Sushi Books

Sushi Books regresa á Terra Media nun 2018 no que as aventuras de Bilbo Bulseiro xa atoparan acubillo no catálogo desta editora cunha espléndida edición de luxo de O hobbit, preludio idóneo para a publicación da saga completa de O Señor dos Aneis.

Un novo fito editorial para o noso sistema literario que segue os principios que motivaron a reedición da primeira parte e que agora nos trae unha das triloxías fantásticas máis lidas do planeta (A irmandade do anel, As dúas torres e O regreso do rei) nun fermoso e pulcro envoltorio que realza a maxistral tradución de Moisés Barcia.