by | Dec 30, 2018

2018 podería dicirse que o pasamos de cine en cine, como calquera que nos lera ao longo do ano podería comprobar. Choramos, rimos e marabillámonos. Asistimos a un ano máxico para o cinema galego e disfrutamos con numerosas obras. As nosas vinte favoritas están nesta lista. Foi moi difícil confeccionala debido á gran calidade das propostas que presentaron cineastas de todos os ámbitos.

20.

A estación violenta

Anxos Fazáns

Galicia

A incursión de Anxos Fazáns neste 2018 é algo que debemos celebrar todas as galegas. A estación violenta, unha adaptación da novela homónima do xornalista Manuel Jabois, é unha película onde o silencio é moi importante para a súa narrativa. Onde o tratamento dos corpos conta máis que as palabras. Que esta cinta teña o nivel suficiente para colarse nesta lista, non é soamente unha boa nova para todo a equipa que traballou no filme, senón para todo o cinema galego.

19.

Girl

Lukas Dhont

Bélxica

Girl trata sobre unha moza trans que comeza o seu proceso hormonal. Lukas Dhont traénos un filme moi interesante, porque lonxe de ser unha denuncia directa da discriminación, retrata un ambiente teoricamente idóneo para a protagonista no que segue a ter moitas dificultades por esta condición. Dese xeito, mostra como a discriminación sobre este colectivo é estrutural. Tamén destaca pola súa sensibilidade e pola gran labor de documentación que foi levada a cabo para a xénese da película.

18.

Tres anuncios nas aforas

Martin McDonagh

Reino Unido

O filme de Martin McDonagh foi moi mediático a principios de ano cando se alzou como principal competencia de A forma da auga para o galardón a mellor película nos Oscar. En Balea pensamos que é mellor película que a firmada por Del Toro. O seu retrato da chamada América profunda e o cuestionamento da xustiza pola man, a súa mestura de comedia e drama como dúas caras da mesma moeda e o fantástico traballo do corpo actoral, válenlle entrar na nosa lista dos mellores filmes do ano.

17.

Illa de Cans

Wes Anderson

Estados Unidos

O regreso de Wes Anderson á animación tralo seu Fantástico Mr. Fox chegou nunha xa esquecida para a maioría da crítica Illa de Cans. Sen ser a mellor creación de Wes Anderson, tras sentar un precedente quizais demasiado alto coa divertida O Gran Hotel Budapest, para moitos aquela primeira idealización acabou difuminándose. Se ben Illa de Cans non é esa obra mestra que todos podían esperar, dende aquí reivindicámola, pois parece que ás veces esquecemos o que o cine de Wes Anderson procura e leva conseguindo unha e outra vez dende aquela marabillosa Academia Rushmore: unha estética preciosa, unha historia tan variopinta como triste e uns personaxes aos que é imposible non collerlles cariño, chamándonos a empatizar con Atari e Chief, dobrado excelsamente por Bryan Craston.

16.

Thelma

Joachim Trier

Noruega

O novo de Joachim Trier rompe coas convencións a través dunha película moderna tanto no apartado estético como no narrativo. Thelma supón unha incursión nos tópicos de bruxas levando o drama psicolóxico e o horror corporal a un mesmo punto e que, a través de sutís ideas visuais e obviando incómodos excesos discursivos ou manieristas, acaba por converterse nunha complexa, poderosa e liberadora revistación do xénero fantástico.

15.

Hereditary

Ari Aster

Estados Unidos

Hereditary é unha cinta que trata afilados temas como a herdanza familiar de trastornos mentais, a perda de seres queridos ou a maternidade non desexada, na que o terror está supeditado á propia narración e non é froito dunha arbitrariedade escrava do propio xénero. Recolle o mellor das grandes películas de terror da historia do cinema ao tempo que innova dentro dun xénero polo xeral moi particular e de gustos específicos.

14.

Quen che cantará

Carlos Vermut

España

En Quen che cantará Vermut propón unha idea clara dende o principio, explicitando os temas que quere tratar, non necesariamente a través do diálogo, que segue a ser un dos puntos máis frouxos, senón a través das imaxes, que gardan un pouso narrativo máis cohesionado que en Magical Girl. Mediante as potentes actuacións de Najwa Nimri e Eva Llorach, entrelázanse dúas historias cruzadas que nos falan da busca da identidade persoal a través da interacción de ambas dúas protagonistas en cadansúa realidade persoal.

13.

Cold War

Pawel Pawlikowski

Polonia

O novo filme de Pawel Pawlikowski volve a vir bañado desas imaxes en branco e negro que o director polaco sabe filmar como ninguén máis. Cada plano desta película podería ser unha fotografía artística, perfectamente encadrada e iluminada. Máis aló do puramente estético, a historia de amor enmarcada na Europa da Guerra Fría resulta interesante mais conclúe nun final que pode resultar algo precipitado.

12.

Lucky

John Carroll Lynch

Estados Unidos

Lucky é a mellor homenaxe que se podía facer á carreira de Harry Dean Staton, falecido semanas despois de rodar a cinta. En Lucky a súa figura de eterno secundario brila con luz propia nun papel protagonista que quedará para a historia. Nesta comedia existencialista dirixida por John Carroll Lynch, o personaxe que encarna reflexiona en numerosas ocasións sobre o finito da vida mais Dean Staton logrou co seu traballo facerse un oco na historia da sétima arte.

11.

Dogman

Matteo Garrone

Italia

O novo de Mateo Garrone, director recordado principalmente por Gomorra, é unha película moi destacable. Baseada en feitos reais, narra un dos incidentes máis sanguentos da historia italiana, o asasinato do boxeador amateur Giancarlo Ricci polo perruqueiro canino Pietro De Negri. Contrariamente a unha película ao uso destas características, o director italiano tómase o seu tempo para artellar un bo desenvolvemento dos personaxes e construír unha ambientación na Roma da época, todo cunha fotografía moi salientable. Unha das mellores películas europeas do ano.

10.

Climax

Gaspar Noé

Francia

O sempre polémico director arxentino Gaspar Noé deixou este ano unha película moi destacable. Como en todas as súas obras, deu unha vez máis unha lección do talento que ten coa cámara en man a nivel formal. Tamén coma sempre, grandes doses de droga e violencia. Climax ten todo o característico da obra de Noé mais cun apartado de contención nalgúns puntos que lle dá un valor narrativo que ás veces se bota en falta na súa produción. Probablemente a mellor experiencia fílmica do ano, aínda que non é para todos os estómagos.

9.

Call Me by Your Name

Luca Guadagnino

Italia

Call Me by Your Name é unha das películas máis bonitas que nos deixou o 2018. A obra de Luca Guadagnino narra o espertar sexual do seu protagonista durante un verán. A película trata dun xeito excelente as dificultades tanto do autocoñecemento como da comunicación con outras persoas. Todo isto envolto nunha banda sonora excelente e un apartado visual moi remarcable.

8.

The Florida Project

Sean Baker

Estados Unidos

San Baker voltou este ano cunha longamentraxe moi especial. Logrou captar a inocencia que teñen os nenos ata nos lugares más complicados para a súa supervivencia. Na película poden verse os seus sorrisos mentres todo ao seu redor se derruba e hai poucas denuncias sociais máis acertadas e honestas. Iso compleméntase co uso dunha gama de cores moi acertada e unha interpretación de Willem Dafoe sobresaínte.

7.

Lady Bird

Greta Gerwig

Estados Unidos

O nome de Greta Gerwig comezou a sobresaír polo seu traballo como actriz e coguionista en filmes de Noah Baumbach como Frances Ha. Polo que o seu debut como directora en Lady Bird non colleu a ninguén por sorpresa. De feito, conseguiu namorar a público e crítica. Trátase dunha película con certos tintes autobiográficos, sinxela pero chea de vida, que sabe atopar a maxia no cotián da súa historia e que cobra vida perfectamente grazas a un estupendo traballo actoral.

6.

Lazzaro Felice

Alice Rohrwacher

Italia

Lazzaro Felice é unha das obras por excelencia sobre os despusuídos. A directora Alice Rohrwacher relata a miseria dun xeito que lembra aos mellores expoñentes do neorrealismo italiano. Mais non se queda aí, a través dun guión moi sólido e unhas interpretacións sobresaíntes logra facer un gran documento sobre a bondade nun mundo despiadado. Retrata o mundo real, onde os santos non teñen nada que ver coa Biblia.

5.

Roma

Alfonso Cuarón

México

A obra de Alfonso Cuarón é a película máis mediática do ano, e que dividiu en dúas partes tanto a público como a crítica. Pola nosa parte, consideramos a súa presencia obrigada no máis destacado do ano. Cuarón narra cunha fotografía sobresaínte e gran poética o México que viviu na súa infancia. Roma transcende máis aló do seu argumento, é un relato -obviamente subxectivo- dun momento histórico dunha nación.

4.

Aniquilación

Alex Garland

Reino Unido

A pesares de que o filme estreado en Netflix este ano que máis deu que falar foi Roma, Aniquilación foi outra película que tampouco pasou polas nosas salas de cine, pasando directamente ao catálogo da plataforma de streaming. O segundo filme de Alex Garland (Ex Machina, 2015) continúa a profundizar no xénero da ciencia ficción pero desta volta dende unha perspectiva máis radical e rompedora. Aniquilación conta cunha historia sorprendente, imaxes memorables e unha fantástica banda sonora composta por Geoff Barrow e Ben Salisbury que nos adentra nese universo tan fascinante como desconcertante.

3.

Dhogs

Andrés Goteira

Galicia

Dixémolo xa moitas veces e non nos cansaremos de facelo. Dhogs é historia do cinema galego. Pero incluso obviando o noso contexto nacional, Dhogs é un dos filmes máis interesantes e vangardistas que puidemos ver este ano. Bebendo de influencias como David Lynch ou Leos Carax, a ópera prima de Andrés Goteira xoga co espectador mediante unha narrativa inquietante e pouco tradicional que reflexiona sobre a nosa actitude fronte á violencia.

2.

Un asunto de familia

Hirokazu Koreeda

Xapón

A película do xaponés Hirokazu Koreeda lévase a medalla de prata este ano. É un filme que trata sobre como a familia é o último bastión para unha morea de persoas marxinadas por mor do sistema económico. Ademais, presenta unha fotografía moi destacada e que constantemente apoia a todo o que quere contar. Dende Balea vemos acaído premiar a merecida Palma de Ouro no Festival de Cannes.

1.

O fío invisible

Paul Thomas Anderson

Estados Unidos

O fío invisible é cine con maiúsculas. É un filme que conta cunha posta en escena deslumbrante, que vai máis aló da elegancia para convertirse directamente en suntuosa, á vez que narra unha historia que rompe coas convencións da musa e o xenio. A maiores, o seu clímax chega mediante unha secuencia fascinante que non poderá fuxir da nosa memoria unha vez vista por primeira vez. Para nós, trátase da película mellor confeccionada do ano.