A cegas

Director: Susanne Bier
Guión: Eric Heisserer (Novela: Josh Malerman)
Fotografía: Salvatore Totino
Música: Trent Reznor, Atticus Ross
Ano: 2018
País: Estados Unidos

A cegas

Director: Susanne Bier Guión: Eric Heisserer (Novela: Josh Malerman) Fotografía: Salvatore Totino Música: Trent Reznor, Atticus Ross Ano: 2018 País: Estados Unidos

by | Xan 9, 2019

‘A cegas’: Un filme esquecible cun impacto memorable

A cegas é a última aposta de Netflix no cinema, unha adaptación da novela do mesmo título de Josh Malerman, protagonizada por Sandra Bullock e que se estreou o pasado 21 de decembro. É moi probable que calquera persoa que conte cunha suscripción a Netflix se enterase do lanzamento deste filme. A plataforma de streaming promocionouna considerablemente, pero sen facer un despregue maior do que a compañía fixo ante outras producións do mesmo tipo. Sen embargo acabamos de enterarnos de que a película foi vista na súa primeira semana por máis de 45 millóns de contas.

Para poñernos un pouco en contexto, filmes anteriores de Netflix como Bright ou The Cloverfield Paradox foron vistos por 11 e 2.8 millóns de persoas respectivamente nos seus primeiros días. Fóra das plataformas de streaming, a película que recaudou máis cartos este ano, Black Panter, vendeu 31.9 entradas durante a súa primeira semana, e o maior éxito comercial dos últimos anos, Star Wars: O Espertar da Forza vendeu 44.9 billetes durante os seus primeiros días.

Pero aínda cabe destacar unha cuestión máis, os datos dos filmes estreados en salas fan referencia ao número de entradas vendidas, mentres que os de Netflix ao número de contas que visualizaron as películas, e se é frecuente que algunhas persoas vexan unha película máis dunha vez no cine, igual de frecuente é que unha conta de Netflix sexa compartida por varias persoas, e que mediante unha visualización, toda unha familia podería estar a ver o filme no salón. Polo que estes datos resultan aínda máis abraiantes.

Prestando atención ao contido da cinta, A cegas supón unha actualización do xénero da supervivencia postapocalíptica, deixando atrás definitivamente os filmes de zombies tan presentes a comezos desta década, por un terror máis abstracto. O aspecto máis interesante da película son eses monstros que non podemos ver e que non chegamos a comprender en ningún momento. Uns monstros que non son violentos pero que simplemente con velos poden levarnos á morte, e a única maneira de evitalo é vendarse os ollos. Este filme polo tanto non busca provocar sustos senón xerar situacións de agobio e ansiedade. E todo hai que dicilo, conségueo, especialmente grazas a este interesante plantexamento e ao acompañamento musical dos sempre efectivos Trent Reznor Atticus Ross.

Non obstante, a película tamén ten problemas bastante considerables, especialmente en relación aos seus personaxes e as situacións nas que se atopan ao longo do filme. Non son poucos os momentos nos que temos a sensación de que podemos prever o que vai acontecer, xa que o guión móvese por terreos moi tópicos. As actuacións polo xeral resultan esquecibles, aínda que cabe destacar que Sandra Bullock e John Malkovich cumpren, e a narración non liñal da trama logra que o ritmo non baixe en ningún momento.

A cegas é por tanto unha película que funciona como produto de entretemento para pasar unha tarde, mais non chega a resultar interesante máis aló diso. Sen embargo, o máis destacable da cinta é a maneira na que amosou que o vídeo on demand ten unha capacidade de difusión do cine sen precedentes. Moitos sentiranse preocupados de que esta tendencia pode facer que cada vez menos películas, como A cegas ou producións máis artísticas como Roma, non cheguen a pasar polas salas de cinema. Ao mesmo tempo, outras moitas persoas que vivan fóra de grandes núcleos urbanos terán acceso instantáneo a estes filmes que antes non poderían ter visto. O debate é máis complexo do que parece, mais do que non cabe dúbida é que os servizos de vídeo en streaming xa son algo máis que unha realidade emerxente.