by | Xan 15, 2019

‘De remate’: Onde andabas, Sanmarful?

Sempre sentín debilidade polas columnas de opinión dos mass media: a oportunidade de coñecer a opinión dun —suposto— profesional das letras antollábaseme coma a ocasión de recibir unha primeira impresión dun tema interesante de actualidade, ou polo menos de entreterme un rato coas vivencias cotiás e anécdotas singulares do fulano. Na adolescencia lía todas as semanas as tribunas de Arturo Pérez-Reverte e Paulo Coelho (todos temos un pasado, meus!), e co tempo descubrín a Lorena G. Maldonado, Manuel Jabois e, por suposto, Miguel-Anxo Murado. Do humorista involuntario que é Arcadi Espada xa falaremos outro día, se queredes.

Pero todos palidecen ante a mestría do grande periodista galego, a figura pola que hoxe estamos aquí. Un descoñecido personaxe do noso mundo literario, clarividente e irónico, que plasmou dende as páxinas da publicación Loaira a traxicomedia diaria e o realismo máxico dos que desfrutamos os galegos por dereito de nacemento. O seu artigo sobre as etimoloxías populares é bo para a saúde (o recomendan todos os médicos, dende o Doutor Torrino ata a Xinecola. Non me credes? Moito alfabetismo hai entre a xuventude!), a diferencia do contido do misterioso fardo de cinco quilos que unha señora de Taragoña atopou na praia. Un día describía a evolución histórica do Camiño de Santiago, e outro un dramático xiro dos acontecementos no descubrimento dunha mensaxe embotellada… ningún suceso susceptible de ser insólito se lle escapaba a Bieito Sanmarful, recentemente falecido.

O tamén periodista Héctor Cajaraville tivo o bo tino de recompilar nunha selección deluxe (ou docarallo, en vernáculo) os mellores traballos do señor Sanmarful, baixo o título orixinal da súa sección, “De Remate”. Pero ademais aportou ó conxunto publicado por Xerais os diarios, correspondencia e anotacións do homenaxeado comentarista, cortesía do seu antigo xefe en Loaira, Pablo Cardeiro (quen ademais prologa esta terceira edición), e a nai do homenaxeado, América.

Isto abre unha ventá única ó universo privado do escritor, descubríndonos nas súas reflexións a un individuo sensíbel e retranqueiro, pero tamén fráxil e reflexivo: un profesional autoesixente no exercicio da escrita, que plasmaba no proceso creativo a súa curiosidade, o seu estado de ánimo e as vivencias da súa turbulenta vida persoal. A medida que pasa o tempo, as barreiras deses tres campos dilúense, cambian de forma, e volven a desaparecer, coma as cores dun calidoscopio, coma trazos que forman un debuxo incompleto, pero coas formas definidas. Unha personalidade, en definitiva, tan contraditoria coma calquera condenado a ser humano.

Foi o portavoz do extraordinario no cotiá, a pinga irónica no océano hostil. Por iso creo que é mellor finxir que foi real, que era unha figura oculta e aparecida hai pouco, e que agarda polas súas merecidas homenaxes. Seguídeme o conto, por favor: precisámolo. Gardemos o segredo, ata que o humor non sexa un condimento para as desgrazas, e a vida sexa tan aburrida como soñan algúns.

De remate

 

Autor: Héctor Cajaraville
País: Galicia
Ano: 2015
Editorial: Xerais

De remate

Autor: Héctor Cajaraville
País: Galicia
Ano: 2015
Editorial: Xerais