Cinco libros para comezar a cumprir os propósitos (literarios) do novo ano

Cinco libros para comezar a cumprir os propósitos (literarios) do novo ano

by | Xan 21, 2019

Xaneiro. Outra vez. O tempo dos propósitos de aninovo, das boas intencións e dos “agora si que vou facer isto”, xa sexa poñerse a réxime ou aprender outro idioma. Case todos os comezos de ano adoecen dun mesmo sentimento de superación cotiá que axiña se adoita traducir en pequenas derrotas propiciadas por unha falta de vontade máis implacable que o propio desexo de “poñerse”.

Malia todo, este primeiro mes do ano non deixa de ser unha boa época para iniciarse na tarefa de adquirir novos hábitos e ler máis literatura en galego tamén pode ser un deles. Pero hai outros propósitos que subxacen a este e que me propoño ilustrar cunha pequena parte das novidades xurdidas na fronteira entre un ano e outro, cinco títulos imprescindibles que seguramente axudarán ao lectorado a dar cumprimento cunha maior tasa de éxito ao moi nobre propósito de achegarse máis e mellor ao feito literario no idioma propio.

1. Ler máis literatura traducida en galego: A peste

Albert Camus
Tradución de Isabel Soto e Xavier Senín

Hugin e Munin

Nada mellor que un clásico reverenciado da literatura occidental contemporánea para animarnos a ler máis obra traducida á nosa lingua. Se ben é certo que ao repertorio de traducións doutras literaturas ao galego aínda lle queda moito para considerarse completo, non é menos certo que nos últimos tempos xurdiron moitas iniciativas que trataron de reverter esta tendencia. O encomiable labor de editoras especializadas en literatura traducida como Hugin e Munin resulta indispensable para isto e precisamente este selo editorial é o que nos trae no alborexar de 2019 unha agardada tradución de A peste de Albert Camus, unha das novelas fundamentais do autor nado en Alxeria e orixinalmente publicada en 1947.

A peste é unha obra coral de corte existencialista que ispe as miserias mais tamén as bondades morais dunha humanidade avasalada pola traxedia, que se manifesta na forma dunha imparable pandemia. Isabel Soto e Xavier Senín traducen a catro mans o texto de Camus do francés ao galego dun xeito impecable, trasladando á nosa lingua toda a complexidade e incomodidade dunha prosa que busca retar ao lectorado e pola que o seu autor é ben coñecido. Sen dúbida, unha das achegas máis importantes no eido da tradución deste ano que acaba de comezar.

2. Acudir aos novos clásicos de referencia: Poesía reunida (1982-2004)

Xela Arias

Xerais

Sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega. Con esta reflexión incluída no estudo preliminar á compilación da súa obra poética, Xela Arias avanzaba os que serían os principais motivos da recuperación da mesma. Arias era a poeta sen xeración malia concibir gran parte dos seus escritos nunha época tan transcendental para a nosa poesía como foron os anos oitenta. Unha voz case descoñecida e previsiblemente condenada ao ostracismo canónico pero pioneira e comprometida cuxa obra lírica completa sae do prelo agora nun volume que a reivindica como a gran autora que foi.

De Denuncia do equilibrio (1986) a Intempériome (2003) pasando por Darío a diario (1996) ou algúns dos seus poemas dispersos, esta nova edición de Xerais clásicos a cargo de María Xesús Nogueira Pereira propón un percorrido crítico por unha obra insuficientemente recoñecida no seu día pero cuxa calidade queda agora fóra de toda cuestión grazas a un coidado estudo e unha rigorosa fixación dos seus poemas. Unha oportunidade fantástica para redescubrir a poesía de Arias e outorgarlle a dignidade canónica que merecía.

3. Deleitarse coa lírica máis actual: Pazo de Tor

Luz Pozo Garza

Alvarellos Editora

Aos seus noventa e seis anos Luz Pozo Garza conserva intacto o xenio poético que nos agasallou grandes obras das nosas letras como Códice Calixtino (1986), Vida secreta de Rosalía (1996) ou Medea en Corinto (2003). E Pazo de Tor, unha das últimas e máis flamantes novidades de Alvarellos Editora a cargo de Carmen Blanco, é boa proba disto.

Acompañada por un breve limiar de Víctor Freixanes, a última obra da poeta ribadense mergúllanos de novo no seu singular mundo poético que mestura maxistralmente vangarda e clasicismo, desta volta inspirado polo Pazo de Tor, unha antiquísima edificación situada en Monforte de Lemos que serve de punto de partida e nexo común para as trinta composicions que conforman o poemario. Unha poesía que zumega autenticidade e capaz de ofrecer respostas, como ben lembra Freixanes na súa introdución, tan necesaria en tempos de tanta impostura retórica, de tanto engano e de tanta representación sen substancia. Un privilexiado agasallo chegado co aninovo e que sitúa xustamente á súa incombustible autora no foco da actualidade.

4. Deixarse sorprender por propostas innovadoras: O libro dos libros

VV.AA.

Galaxia

Xuntar nun mesmo volume a autoras tan en voga como Marilar Aleixandre, Inma López Silva, Andrea Barreira Freije, Helena Villar Janeiro ou Rosalía Fernández Rial (entre outras) supón un atractivo pouco doado de superar. Pero se a esta riqueza autoral se engade a frescura da súa proposta, unha nova forma de reflexionar sobre o feito literario e as súas circunstancias, o encanto é total.

O libro dos libros é o elocuente título dun dos derradeiros lanzamentos que Galaxia deu ao prelo no pasado 2018: un conxunto de nove relatos de carácter metaliterario ideados por algunhas das voces narradoras máis relevantes do país, reunidas nun libro único para ilustrar as filias e fobias do proceso, os seus motivos e os seus resultados. Un libro orixinal sobre xentes que len e escriben do mesmo xeito que a panadeira come e fai pan, altamente recomendable para bibliófilas de pro.

5. Apreciar o libro como obxecto artístico e artigo de coleccionista: Man de Camelle

Carmen Hermo

Kalandraka

O pasado 28 de decembro cumpríanse dezaseis anos do pasamento de Manfred Gnädinger, máis coñecido polo seu alcume Man, o anacoreta que recalou na localidade costeira de Camelle para facer do seu amor pola natureza a súa gran obra de arte. Unha vida de que se viu interrompida pola catástrofe do Prestige, á que, segundo din algúns, nunca foi quen de repoñerse ata o punto de deixarse morrer co medio que tanto apreciara.

A vida e obra do enigmático e peculiar artista alemán xa foran obxecto de estudo e homenaxe en obras como A pegada de Man (2006) de Xoán Abeleira ou Man, o alemán de Camelle (2012) de Beatriz Maceda. Agora Kalandraka edita unha nova achega enteiramente visual á súa figura, na que Carmen Hermo interpreta e enxalza o legado de Man, rendendo tributo a unha vida que coñece ben cun libro á súa medida e captando a beleza dunha existencia hoxe convertida en mito. Unha publicación imprescindible para coleccionistas e amantes do formato.