James Blake – Assume Form

DATA DE LANZAMENTO: 18/01/2019
DISCOGRÁFICA: Polydor Records

James Blake – Assume Form

DATA DE LANZAMENTO: 18/01/2019 DISCOGRÁFICA: Polydor Records

by | Xan 25, 2019

James Blake

Hai aproximadamente un ano James Blake lanzou o single If The Car Beside You Moves Ahead, unha canción na que a voz do británico se atopaba procesada, modificada e editada ata o extremo, conseguindo transmitir unha certa sensación de deshumanización e vulnerabilidade. O resto da instrumentación, completamente electrónica non facía máis que reforzar ese son surrealista e dixital. Daquela non se sabía moito sobre esta canción pero parecía que podía ser un adianto do cuarto disco do cantante británico. Sen embargo, un ano despois xa podemos escoitar ese novo traballo, titulado Assume Form no que non aparece If The Car Beside You Moves Ahead e que segue uns derroteiros estéticos moi diferentes.

Assume Form supón o maior achegamento de James Blake ao mainstream, cunha produción tan coidada coma sempre, pero deixando de lado os aspectos máis experimentais. Trátase dun disco conciso no que, ademais, os sons orgánicos gañan unha certa presenza respecto aos seus traballos anteriores. Isto nótase dende a primeira canción, que dá título ao álbum, na que o son característico do británico comeza a dar cabida a elementos novos como o uso dunha orquestra, que máis adiante convertirase na protagonista absoluta de pistas como Into the Red ou I’ll Come Too.

Por outra banda, as bases rítmicas deste Assume Form achéganse por momentos ao trap, en especial nas dúas colaboracións con Metro Boomin, Mile High xunto a Travis Scott e Tell Them con Moses Sumney. Estas dúas pistas, aínda que meticulosamente producidas, supoñen os momentos máis alonxados do blubstep que marcou os inicios da carreira de James Blake. Son ademais as dúas colaboracións menos interesantes deste traballo xa que Barefoot in the Park con Rosalía aporta un enfoque moito máis fresco, mentres que Where’s the Catch? coa colaboración de André 3000 é un dos mellores temas de todo o disco, enérxico e cargado de personalidade.

Outros dos momentos máis destacados deste Assume Form chega nos últimos instantes do disco, cunha Don’t Miss It especialmente emotiva, que retoma o procesamento da voz e do piano, e un peche máis escuro e ambiental do que cabería esperar con Lullaby for My Insomniac, na que os sintetizadores serven de base para a voz de James Blake, que pouco a pouco vaise convertendo no único elemento presente na canción.

Assume Form é un disco que ten moitos acertos. A súa duración de menos de 50 minutos faino moito máis accesible que p seu predecesor, que superaba a hora e cuarto. Tamén semella que o músico británico buscou poñer o énfase principal en buscar realizar cancións o máis estruturadas e efectivas posibles, en lugar de limitarse a coidar a produción, con letras sinceras que abordan cuestións moi emocionais. Sen embargo, este disco pode ser tamén tamén o traballo de James Blake cun son máis convencional. Non lle tería sentado mal unha maior presenza de elementos experimentais como os que se podían atopar en If The Car Beside You Moves Ahead. Quizais por estas razóns, podería dicirse que este disco non logra ser o seu mellor álbum, xa que nin conta co factor sorpresa que tivo o seu debut nin cos excelentes singles marcados polo seu son máis persoal de Overgrown. Con todo, Assume Form é un disco moi sólido e moi disfrutable que serve para arrancar este ano musical con bastante forza.