Akira

 

Director: Katsuhiro Ôtomo
GuiónKatsuhiro Ôtomo, Izo Hashimoto (Manga: Katsuhiro Ôtomo)
Música: Shoji Yamashiro
Fotografía: Animación
Ano: 1988
País: Xapón

 

 

Akira

Director: Katsuhiro Ôtomo
GuiónKatsuhiro Ôtomo, Izo Hashimoto (Manga: Katsuhiro Ôtomo)
Música: Shoji Yamashiro
Fotografía: Animación
Ano: 1988
País: Xapón

by | Xan 29, 2019

Cando Akira voou Tokyo polo aire, e a onda expansiva chegou ata Occidente

Coa chegada do 2019 faise imperativo para todos os afeccionados e afeccionadas ao anime sacar a colación o elefante na sala: estamos no ano no que Akira tivo lugar. A película, escrita e dirixida por Katsuhiro Otomo -autor do aclamadísimo manga homónimo-, foi lanzada en 1988 e é considerada unha das grandes obras de culto na ciencia-ficción, a cal nos achega a un dos temas máis recorrentes no xénero: as consecuencias da catástrofe xerada por unha tecnoloxía fóra de control.

No primeiro plano de Akira vemos como unha explosión de luz arrasa a cidade de Tokio, e automaticamente sitúanos nun 2019 onde das cinzas daquel estalido emerxeu Neo Tokio, unha salvaxe e distópica cidade onde as pelexas de bandas, as seitas, os disturbios e a represión son a norma, e todo iso vémolo a través dos ollos de Tetsuo e Kaneda, dous mozos orfos que montaron unha banda de moteiros. A cicatriz que a adversidade deixou é palpable en cada aspecto da sociedade: as aulas abarrotadas nas escolas, o desprezo co que os tratan os adultos, os actos de violencia aleatorios que cometen contra cidadáns inocentes, etc. Tetsuo e Kaneda ven pasar cada hora mergullados nun vórtice de drogas e percorridos nocturnos nas súas motos por unha cidade que emana o halo frío e sintético das luces de  neón, produto da potente imaxinería de corte futurista e post-apocalíptico  construída por  Otomo. Mentres que a natureza salvaxe de Kaneda permítelle fluír neste caos, Tetsuo sentese frustrado e só, deixándonos ver o profundo alcance do custo humano do desastre, un problema que se volve incontrolable cando, tras un encontro fortuíto cun suxeito experimental do goberno, Tetsuo esperta unha habilidade psíquica, coa que manifesta o seu  inconformismo e ira a través de ondas telequinéticas, e abandona aos seus amigos coa esperanza de atopar a aquel chamado “Akira”, a arma psíquica responsable da destrución de Tokio anos atrás.

Ás veces un pode ter a sensación de que este filme é raramente discutido na actualidade fóra de círculos moi específicos, desligándose do imaxinario colectivo do anime moderno. Akira non presenta o debuxo do anime moderno, a súa animación e fotografía non se parecen ás do anime moderno e, en xeral, nada na película é reminiscente do que o anime chegou a ser, e é que Akira é considerada por moitos a culminación dunha das épocas máis interesantes da historia da animación xaponesa, a cal moitos coroaron como a “Era Dourada do Anime”.

O Xapón dos anos 80 estaba por primeira vez experimentando as bondades dunha recuperación económica tras a 2ª Guerra Mundial, o que se traduciu nunha certa estabilidade económica e unha demanda de lecer para a emerxente clase media. Neste punto a industria da animación en Xapón viñerase asentando durante os últimos 30 anos, e a mediados dos 80 convivían dúas xeracións de animadores: aqueles que estiveran puíndo as súas habilidades dende o comezo, e aqueles que creceran vendo as películas dos primeiros, aspirando agora a facer a súa achega. O resultado foi unha industria relativamente nova, con posibilidades económicas e creadores apaixonados, explorando un medio que non se adhería a preconceptos do que o anime debería ser, antes da popularización da cultura otaku e de que os fans comezasen a presionar ás produtoras, limitando o potencial e a liberdade creativa dos artistas. A pesar de que o anime desta época é habitualmente tachado como violento e sexualizado, este contido adulto deixaba claro que os animadores en Xapón estaban a decatarse de que a animación non precisaba apelar a un público específico e que podía representar practicamente calquera cousa.

Akira foi unha colaboración de varias das empresas máis potentes da industria do entretemento en Xapón, e o seu orzamento foi de aproximadamente 9 millóns de euros, unha cifra totalmente desorbitada para a época e o contexto. Isto apréciase directamente na súa innegable calidade técnica, mostrando unha animación que flúe coma se fose auga, e elevando a cinta a niveis de calidade que competían perfectamente coas mellores animacións occidentais da época.  Akira móvese dunha forma sublime, levándonos coa cámara a través de accións frenéticas, puntos de vista onde cada elemento é animado cun realismo extremadamente rigoroso, golpeándonos con emocións abafadoras nos rostros e prestando atención a un nivel de detalle tal que resulta imposible captar todo o que está a ocorrer na pantalla. A súa banda sonora non debe pasarse por alto tampouco, apostando por pasaxes que fusionan instrumentos tradicionais xaponeses con sintetizadores que remiten a ese futuro ao que viaxamos a través das grandes obras da ciencia ficción, de forma que o resultado evidencia o potencial que un bo traballo musical pode desencadear nunha, xa de seu, fascinante creación audiovisual. Todos estes elementos converxen na viaxe case hipnótica que supón ver Akira, unha obra que rompeu con cada barreira cultural e limitación dunha industria occidental que non se imaxinaba o que se estaba xestando en Oriente.

A cinta foi lanzada nos cinemas americanos en 1990, cando o anime era practicamente descoñecido en Europa e América, limitándose a uns cuantos títulos que sufriran serias modificacións coa finalidade de adaptarse ao gusto do público occidental. As temáticas adultas neste período eran raramente vistas, co que o choque de atoparse coas representacións explícitas de violencia e a mensaxe de destrución socio-politica de Akira foi abrumador en comparación coas películas orientadas a nenos de Walt Disney ou as cintas de corte máis intimista típicas de Europa. Así, pronto se sitúo como un clásico de culto nos Estados Unidos e o resto do mundo occidental, recadando aproximadamente 60 millóns de euros, o cal levou á fundación de Manga Entertainment, unha das principais distribuidoras de manga e anime en occidente.

Akira é unha peza atemporal de obrigada revisión e merécese ser analizada co respecto e vehemencia cos que nos achegamos aos grandes clásicos da arte, porque por cada vez que lembras cos teus amigos aquela época na que saías correndo da escola para ver un capítulo de Dragon Ball Z no Xabarín Club, por cada teoría sobre Evangelion que liches na internet e por cada AMV ou openning que ves por trixésimo novena vez en Youtube, debes darlle as grazas a Akira e á súa importancia para a expansión da animación xaponesa ao resto do mundo.