A favorita

Director: Yorgos Lanthimos
Guión: Deborah Davis, Tony McNamara
Fotografía: Robbie Ryan
Ano: 2018
País: Reino Unido

 

 

A favorita

Director: Yorgos Lanthimos
Guión: Deborah Davis, Tony McNamara
Fotografía: Robbie Ryan
Ano: 2018
País: Reino Unido

by | Feb 1, 2019

‘A favorita’: O Lanthimos máis accesible

Yorgos Lanthimos non se toma descansos, un ano despois de lanzar O sacrificio dun cervo sagrado acaba de estrear A favorita, un filme de época ambientado na Inglaterra do s. XVIII no contexto da guerra contra Francia. Non obstante, isto non quere dicir que esta película teña unha perspectiva histórica xa que foxe por completo disto para explorar un pasado alternativo no que Lanthimos desenvolve a súa narrativa. Este enfoque lembra en certa maneira a forma na que Quentin Tarantino abordou a II Guerra Mundial en Malditos Bastardos.

A historia xira ao redor de Anne (Olivia Colman), unha raíña enferma, Lady Sara (Rachel Weisz), unha nobre que toma as verdadeiras decisións políticas, e Abigail (Emma Stone), unha criada con ganas de ascender na corte. As tres personaxes están perfectamente construídas e interpretadas e son o motor que fai que esta historia funcione e avance. En especial, a actuación de Rachel Weisz dota ao seu papel dunha personalidade e unha forza que se comen a pantalla en cada aparición.

Lanthimos filma esta historia fuxindo dos planos pechados que dominaban algúns dos seus filmes anteriores para pasar a empregar de xeito recurrente o gran angular, conseguindo imaxes que amosan amplos espazos dende unha perspectiva irreal, transmitindo esa sensación de ollo de peixe. A montaxe confire ritmo en todo momento ao filme, que consegue dotar á cinta de comedia e en certa medida intriga. Trátase en boa medida da película máis entretida realizada polo director grego.

Sen embargo Lanthimos comete un erro ao poñer todas as cartas sobre a mesa demasiado axiña. Tras unha primeira metade sorprendente, a loita de poderes na corte que se plantexou ao inicio comeza a seguir o guión esperable, sen tomar ningún xiro que rompa coas nosas expectativas. As actuacións seguen a ser xeniais e a realización efectiva, pero unha vez perdido o factor sorpresa a proposta resulta menos chamativa. Quizais a película podería ter funcionado mellor cunha media hora menos de metraxe, ou o guión de Deborah Davis e Tony McNamara podería ter gardado algún plot twist que evitase que a historia discorrese durante boa parte do filme polos mesmos derroteiros.

A pesares de todo, Lanthimos consegue firmar unha obra cunha personalidade moi súa despois de que o seu anterior traballo, O sacrificio dun cervo sagrado, lembrara por momentos demasiado ao cine de Haneke. O recoñecemento que está recibindo A favorita tanto polo público como pola crítica (trátase do filme con máis nomeacións aos premios Oscar deste ano, empatando con Roma) semella confirmar que desta volta Yorgos Lanthimos conseguiu facer unha película con alma propia.