O blues de Beale Street

Director: Barry Jenkins
Guión: Barry Jenkins
Fotografía: James Laxton
Ano: 2018
País: Estados Unidos

 

 

O blues de Beale Street

Director: Barry Jenkins
Guión: Barry Jenkins
Fotografía: James Laxton
Ano: 2018
País: Estados Unidos

by | Feb 6, 2019

‘O blues de Beale Street’: Amor nos tempos do cólera

Barry Jenkins saltou á palestra mundial en 2017 con Moonlight  tras arrebatarlle o Oscar á mellor película in extremis a La La Land no que foi un dos momentos máis polémicos da historia dos premios. O director estadounidense volve con O Blues de Beale Street, unha adaptación da novela homónima de James Baldwin onde, como na película que o fixo famoso, Jenkins parte dalgo moi pequeniño para ser tratado dun xeito irresistible. Nesta quenda, o amor como sentimento xenuíno

Conta a historia de dous mozos que se namoran e emprenden unha historia xuntos. É o relato de amar nun mundo onde se discrimina pola cor da pel, nuns Estados Unidos nos 70 que pouco mudaron en moitos aspectos. Fonny (Stephan James) é falsamente acusado de violar a unha muller branca e Tish, protagonizada por unha Kiki Layne cun soberbia no seu debut diante das cámaras, tentará demostrar que non é culpable. As dúas historias son contadas dun xeito entrelazado a través da montaxe bastante salientable.

Beale Street é a rúa onde naceu o Jazz e representa algo máis que unha rúa para a comunidade negra. O primeiro fotograma da película é unha cita de Baldwin onde di algo así como que “todos os negros sexan de onde sexan son de Beale Street”. É un elemento que forma parte  dunha identidade. Tras esta aclaración, cabe destacar o seu título orixinal If Beale Street Could Talk (Se Beale Street puidese falar). Isto danos unha pista sobre o subtexto principal da obra, unha denuncia da discriminación racial.

E non se fai con ningunha aspiración propagandística, senón a través da súa historia. Da impunidade policial, do tratamento aos presos, das desigualdades de oportunidades ata á hora de conseguir vivenda. A película mostra, non quere convencerte dun xeito explícito e torpe, como moitas veces caen películas deste estilo, como a recente BlacKkKlansman. A súa narrativa é o suficientemente potente como para representar algo por si mesma.

Todo isto acompañado coa delicia que é ver unha obra na que Jenkins está a cargo da sala de mandos. Lógrase a través dos movementos de cámara transformar a secuencia máis a priori intranscendente, nunha onde os sentimentos desbordan. Xa sexa cariño, impotencia ou ira. Case todas as veces tómase a mellor decisión posible para cada momento. Destacan os planos estáticos coa mirada fixa do personaxe directamente cara o espectador, que se sinte interpelado pola acción. Esta expresividade, por suposto, está sustentada por interpretacións sobresaíntes entre as que destacan Regina King e a mentada Kiki Layne.

Especialmente asombroso é o tratamento da historia de amor. É clásica, non hai novidades no que nin no como, pero está exposto dun xeito tan profundamente bonito que é moi complicado non deleitarse. Lembra precisamente ao cinema da metade do século XX mais co selo Jenkins. Esa cámara en man sempre presente nos momentos máis fortes e un estilo de composición moi propia da súa filmografía. Ademais, o manexo dos silencios e a banda sonora (que sempre suma, nunca estorba), fai de gran parte da película unha experiencia non única pero si moi salientable. Lembra por momentos a un aprendiz avantaxado de  Wong Kar-Wai.

Pero a pesar deste lirismo, en todo momento o filme ten os pés no chan. O desenvolvemento é realista ata as últimas consecuencias e non hai grandes artificios nin barrabasadas argumentais. É o contraste entre os ollos dunha parella namorada que mira ao futuro con esperanza e a opresión dun contexto que lles é alleo pero que pouco a pouco os traga. É unha película comprometida ata o derradeiro plano.

Nótase en certos momentos un excesivo respecto polo material orixinal na por momentos repetitiva voz en off que acompaña a toda a obra. Aínda que o director é habilidoso na montaxe para que isto lastre o menos posible a obra, nalgúns momentos prexudica ao produto. Tamén deixa un mal sabor de boca o pouco desenvolvidos que están algúns personaxes que teñen un inicio brutal, como a familia de Fonny.

No seu conxunto, estamos ante unha obra moi destacable. É verdade que a historia en si non ten nada de novidoso, pero non é motivo en absoluto para desbotar á obra. O blues de Beale Street é unha desas películas que dende o pequeno son capaces de artellar un discurso que transcende a súa propia existencia. Cada vez que Jenkins colle a cámara Beale Street ten un megáfono, sexa onde sexa.