by | Feb 7, 2019

‘Cartas das Heroínas’: Unha nova reivindicación dos clásicos en galego

Ovidio é un dos poetas máis prolíficos e versátiles da literatura latina, un clásico con todas as letras capaz de sobrevivir a séculos e séculos de azarosa transmisión textual que, por fortuna, xa había tempo que chegara ás nosas letras: as súas célebres Metamorfoses foron traducidas por José Antonio Dobarro Posada e Estrella Fernández Graña na colección de Clásicos en Galego de Galaxia en 2005 e a Arte de amar e Os remedios do amor coñeceron en 2016 unha espléndida tradución nunha edición conxunta da Colección Vétera de Rinoceronte Editora a cargo de Lucía Gómez Fariña. Agora esta última editora volve aproximarse ao corpus ovidiano nunha das últimas achegas da súa colección de literatura anterior ao século XIX cunha tradución dun dos textos máis fermosos do autor latino, Heroidum epistulae, as Cartas das Heroínas.

Sempre é unha boa noticia poder ter nas mans un volume coma este, impecablemente traducido do latín e estudado para a ocasión por María Margarita Fernández Gómez, pois quen teña unha mínima noción da historia da tradución dos clásicos grecolatinos ao galego é consciente de que este simple xesto é un fito cuxa magnitude non sempre se comprende. Cando os poetas do Rexurdimento buscaban converter a lingua nun vehículo de expresión literaria tan digno coma outro calquera, uns poucos valentes decidiron sen moito seguimento que tamén cumpría trasladar ao galego a obra das grandes autoridades das literaturas grega e latina, inspiradoras de boa parte da produción literaria posterior. Horacio e Virxilio foron algúns dos primeiros autores latinos traducidos ao galego co obxectivo de prestixiar o noso idioma a través do modelo canónico por excelencia que proporcionaban as literaturas da Antigüidade e, xa a comezos do século XX, Ovidio tamén coñeceu algunha modesta tradución, como as que publicaría Avelino Gómez Ledo na revista Nós, e ás que seguirían as realizadas por un dos nomes máis ilustres da nosa literatura, Aquilino Iglesia Alvariño.

Todas estas traducións pioneiras, levadas a cabo por autores cunha formación non sempre ampla en linguas clásicas e cuns medios precarios, pero movidos por un fondo compromiso coa lingua e a literatura propias, foron os primeiros chanzos escalados dunha empresa que se estende ata os nosos días. E, neste sentido, é obrigado recoñecer o esforzo de selos como Rinoceronte Editora que tamén apostan polos clásicos grecolatinos á hora de elaborar o seu catálogo. E isto, que podería parecer unha decisión abandonada á arbitrariedade, implica outorgar relevancia no noso sistema literario a unhas linguas e unhas poéticas a cotío cuestionadas pero respecto ás que aínda queda moito por facer (especialmente no que a traducións se refire).

Cartas das Heroínas non é a última incorporación de Rinoceronte á Colección Vétera, dado que a súa saída do prelo remóntase a setembro do xa pretérito 2018, mais si é unha das novidades recentes máis destacadas pola enorme infuencia que aínda exerce o seu autor na literatura universal e pola propia natureza do texto traducido, un conxunto de vinte e unha cartas que distintos personaxes mitolóxicos femininos (entre os que destacan Penélope, Fedra, Medea ou Helena de Troia) dirixen aos seus amados, case sempre magoándose polas circunstancias adversas que ameazan ese amor (agás Safo, o único personaxe histórico para o que se compón unha epístola).

Esta é unha das obras máis singulares de Ovidio, un punto de inflexión no conxunto da súa produción que, como ben apunta Fernández Gómez na introdución, conxuga o protagonismo da mitoloxía, que é constante en Amores e Remedios contra o amor; e a súplica polo regreso, que constitúe o obxectivo das Tristes e mais das Pónticas, tradicionalmente coñecidas como “elexías do desterro”. Esta nova edición en galego das Cartas das Heroínas trata con precisión o contexto de produción da obra do poeta de Sulmona e aplica un criterio de edición que cómpre salientar, desprazando ao inicio a carta de Safo a Faón, que adoita aparecer noutras edicións da obra no décimo quinto lugar.

Por outra banda, e sen desprezar o sempre agradecido traballo investigador sintetizado na introdución, a propia obra de Ovidio ofrece un atractivo comparable a calquera produción actual. Adoita dicirse con certa facilidade que a literatura clásica encerra uns universais estéticos e ideolóxicos que a fan accesible a todo tipo de público, en calquera época e en calquera lugar. Por experiencia sei que non toda a literatura grega e latina se axusta a esta máxima, pero certamente Cartas das Heroínas é unha das escollidas, unha obra poética perfectamente gozable de principio a fin aplicando unha ollada máis actual. O seu peculiar emprego do mito, capaz de sorprender ás máis profanas na materia, e unha técnica brillantemente transformada na nosa lingua grazas ao oficio da súa tradutora fan desta unha obra eterna que traspasa (e con razón) as barreiras do tempo e do espazo.

Carta das Heroínas

 

Autor: Ovidio
Tradución: María Margarita Fernández Gómez
País
: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Rinoceronte

Carta das Heroínas

Autor: Ovidio
Tradución: María Margarita Fernández Gómez
País
: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Rinoceronte