Lucía C. Pan: “Teño
un compromiso coa cultura
galega e coa miña terra”

by | Feb 8, 2019

fotografías por Ada Seoane

Era última hora da tarde dun día extremadamente chuvioso cando quedei para facer a entrevista con Lucia. C. Pan. A directora de fotografía de obras como Matria, Dhogs ou Trote agardábame dentro do bar onde quedamos. Soaba jazz de fondo e a elegante decoración da estancia contrastaba terriblemente co meu aspecto algo desaliñado e completamente mollado polas inclemencias climatolóxicas.

Durante o pouco menos dunha hora que charlamos,  pareceume incrible a normalidade coa que falaba unha das figuras máis importantes do cinema galego actual. Informal, relaxada e moi atenta aos detalles, como cando se deu conta de que estaba a chover por dentro pola humidade na parede ao rematar a terceira pregunta. Unha conversa moi agradable cunha das persoas que está chamada a ser unha das figuras máis importantes da historia do cinema en Galicia.

Estudaches a carreira de Belas Artes, tiñas algún tipo de perspectiva de acabar como estas agora, sendo unha das mellores directoras de fotografía de Galicia?

Non diría tanto (risas). A verdade que cando estudaba Belas Artes non esperaba dedicarme ao cine nin de lonxe. Realmente escollín a carreira por tomar un camiño. Como me gustaban as artes, sobre todo a ilustración e a fotografía, decidín tirar por aí e ver a onde me levaba. Pensei nalgunha vez en deixar a carreira entre medias pero remateina e cheguei a quinto de carreira sen saber moi ben o que facer.

Remataches facendo un Máster de Dirección de Fotografía en Barcelona.

Si, fíxeno seguido porque se deu a causalidade. Quería pedir unha beca para estudar fóra de Galicia porque sempre parece que se saes dos teus límites habituais acabas atopando o que necesitas. Entón comecei a interesarme nas escolas de cine. Porque a min o que me gustaba era o cine pero non pensaba que fora unha alternativa real. Aínda que estudando Belas Artes parece un pouco iluso pensar en alternativas reais (risas). Pero non pensaba que fose factible, para min era algo que só facía xente privilexiada.

O que máis lle tira a moita xente que estuda fóra é quedarse aí. Por que decidiches volver a Galicia?

A posibilidade de quedarse fóra existía porque comezas a facer lazos e é máis fluído non moverte do sitio onde estudas. O que pasa que eu… parece como moi militante e eu non son nada militante en xeral, pero teño como moito arraigo e me parece moi importante facer país. Teño un compromiso coa cultura galega e coa miña terra. Sáeme automático, non é algo que pense ou que faga por pensalo senón que me sae case sen querer. Tampouco é que recibise ningún tipo de adoutrinamento, que parece que agora se dis que queres tirar polo teu débese a iso.

Tampouco descarto marchar nun futuro, pero non estiven dez anos pelexándome contra todo para nada. Penso que podo facer algo interesante e que teña algún peso no mundo e me gustaría  que fose dende aquí o máximo posible. Ademais son moi defensora do rural. Son máis rural que urbanita, que non é que unha cousa sexa mellor ca outra pero é algo que vai intrínseco a min. Gústame vivir no rural e traballar dende el. Aparte, non teño claro que se me quedara as cousas foran mellor porque en Barcelona hai moito máis mercado pero tamén moita máis competitividade.

Unha vez que volviches, como te reintroduciches aquí?

Foi horroroso, estaba perdidísima. Non sabía que facer nin a onde ir. Como todos, estiven facendo colaboracións durante moitos anos. Supoño que seguirei facéndoas, iso non vai cambiar porque realmente hai proxectos que non conseguen nunca unha financiación, pero ao principio é o 100% do que se fai e eu non fun unha excepción. E estaba súper agradecida de atopar algo no que meterme, porque hai moita xente que o intentou facer pero das colaboracións non sobrevives. Ao final ou se convirte nun hobby ou se acaba abandonando a profesión por algo máis lucrativo.

Respecto ao teu traballo como directora de fotografía, se hai algo realmente destacable creo que é a xestión de grupo. Como foron os comezos neste sentido?

Hai de todo. Ás veces atópaste un grupo pequeno que é moi difícil de levar e logo un grande que o contrario. Polo xeral, a min gústame moito a xerarquía do departamento de fotografía e como funciona. Non atopo maiores problemas e curiosamente a xente que ten máis experiencia é a que máis fácil cho pon. Levan moito máis tempo ca ti e cuestionan moito menos o teu liderado porque xa asumen esa xerarquía sen problema. Aínda que como en todos os lados hai de todo, tiven situacións malas pero en xeral a xente é moi colaborativa. Tamén poucas veces me impuxeron un equipo en concreto, entón se busco eu sempre intento buscar personalidades que encaixen tanto comigo coma entre eles, que a min me parece o máis importante.

Gran parte da túa obra é cinema documental…

Nunca hai suficiente documental!

Precisamente por ese camiño ía a pregunta. Que ten o documental para ti que te atrae tanto?

Porque o documental é vida. A ficción encántame, paréceme súper marabillosa e aparte é moi divertida de facer. Podes preparar todo e xogar con argucias técnicas. No documental sempre me angustio máis. É incontrolable, dáme a sensación de que hai moi poucas cousas que se podan planear. Sempre depende do documental que fagas claro, pero ten unha parte viva moi moi grande. Para min, que teño que controlar os aspectos técnicos e asegurarlle ao director e ao resto dos departamentos que todo vai funcionar, é unha gran carga.

Pero despois o documental xorde. Tamén é algo no que ten moito que ver a visión do director. Se te das conta é moi difícil facer un documental igual que outro porque ten tanto do equipo que o fai e dos seus protagonistas, que é imposible. Porén, nunha obra de ficción en certos aspectos é máis factible pero copiar un documental aínda que sexa só en aspecto técnico e practicamente inviable, porque non podes copiar algo que está tan vivo. É como se roubases unha obra de teatro, que tamén ten ese punto. Ten un guión, pero nunca unha é igual a outra. O documental marabíllame moito e sempre é un reto e iso tamén mola bastante.

Que ten que ter un proxecto, en liñas xerais, para que te atraia o suficiente para aceptalo?

A verdade é que acepto as cousas por moitos motivos distintos. Ás veces o que me convence nun proxecto, non me convencería noutro. Inflúe o momento vital ou profesional que estea vivindo. Hai proxectos para os que non te ves preparada, que non soen ser demasiados pero pasa. Tamén hai outros que non te levan fóra da zona de confort e iso non interesa. A min me pasa moito que vexo cousas que se asemellan demasiado a outras que xa fixen. No meu campo claro, ao mellor non se parece nada se o vexo do punto de vista do director pero dende a fotografía si que me da a sensación de que volvería a facer o que xa fixen.

Agora iso non me apetece porque penso que estou nun momento no que teño que experimentar máis. Aínda que intento calcular moito porque pasarme de freada tampouco é a mellor opción. Intento facer un equilibrio e escoller cousas que si me supoñan un reto e me van facer crecer pero sen fallarlle ao director que busca en ti unha seguridade. Obviamente non podes ir sen rede de seguridade todo o tempo porque sería ir en contra da propia natureza do meu posto de traballo.

O ano 2018 foi bo para ti a nivel profesional sen ningunha dúbida. Pensas que pode ser constante no tempo ou responde á propia inestabilidade dun posto de carácter artístico?

Non o sei. Fixen proxectos moi bos pero algúns aínda se están estreando, realmente as cousas non dependen das estreas nun ano, senón de cousas que van vindo. Por exemplo, con Dhogs rodamos en 2015. O que pasou é que este ano deuse a casualidade de que se xuntaron varios que saíron ben. Hai outros anos que parece que non fixeches nada pero si que están aí. O meu traballo está concentrado nunhas partes en concreto e ao dilatarse tanto no tempo tampouco é moi medible.

Realmente estou empezando. En 2017 foi o primeiro ano no que non necesitei ter un traballo complementario e agora estou ben, tampouco estou a facerme de ouro pero o vexo ben. Non tanto polas ganancias en si, como pola continuidade dun traballo a outro. En canto ao sector non o sei, non teño tanta perspectiva a verdade. Eu entrei aquí cando estaba entrando a crise. Houbo anos moi malos polo que vin, aínda que eu non tiña con que comparar, que é cando ves as cousas. Eu son positiva polo sector porque non creo que haxa outra cabida, ser negativos non ten sentido ningún. Para min sería xenial alongar a miña carreira o máximo posible, é a miña intención e non vai ser porque decaia pero non depende só de min. O mundo cambia e hai que asumir que hai profesións que desaparecen, aínda que non creo que sexa o caso das artes porque a creatividade non é algo que se poda substituír.

Falabas do rodaxe de Dhogs, precisamente eu entrevistei fai uns meses a Andrés Goteira e hai algo que chamou atención del…

Que está louco? Que está como una cabra? Si! (risas)

Non o ía expresar dese xeito (risas). Como foi traballar con alguén con tantas referencias que quere abarcar todo?

Pois por un lado complicado porque normalmente aos directores lles custa tomar decisións. Cando tes tantas referencias como Andrés -porque é unha biblia do cinema andante- tes tantas cousas que che levan a onde queres ir que non sabes que é o correcto. Entón iso foi difícil.

Pero que teña referencias tamén é marabilloso. Hai directores que non son quen de traballar ben así. Eu por exemplo ao vir do mundo da pintura,  teño moitas metidas na cabeza. Leo un guión e vánseme formando imaxes. A Andrés pasáballe algo parecido a cando tes espertas polas mañás e non sabes que poñerte, non porque non teñas nada, senón porque tes tantas opcións que non sabes que elixir. Entón Sara Horta, a axudante de dirección, e eu traballábamos na liña de traballo de contar coas referencias que nos daba el pero claro, o que pasa é que ás veces, contradicíanse. E ti non queres copiar, queres crear algo novo. Realmente a resposta á pregunta é que é complicado traballar con Andrés, que non quere dicir que sexa malo.

É unha persoa que ten unha cabeza que lle vai a mil, cunha cantidade de información metida na cabeza a nivel visual, porque Andrés ten moito gusto visual. Entón é a vez marabilloso e un proceso moi longo de toma de decisións. Moitas veces era buscar o non para ir concretando. Andrés é moi galego niso, buscabas ensinarlle algo para che dixera si ou non. Normalmente era non, entón ías guiando e probando a partir de aí. O que pasa é que ao final o pobre cansaba de dicir que non, pero bueno, sufriunos máis el que el a nós.

Outra das últimas obras estreadas que nas que participaches foi Matria, a curtametraxe de Álvaro Gago que, entre outros, gañou o premio en Sundance.

Matria tratouse como cine, non como unha curta entre amigos. De feito, eu non coñecía ninguén do equipo. Todas as persoas que había eran amigos de Álvaro ou coñecidos do seu curmán, un dos produtores. Éramos bastante descoñecidos entre nós, pero e que Álvaro é marabilloso.

Méteche a idea de que o único que queres facer na vida é contar o que quere contar el. Ten moito imaxinario, referentes moi concretos e investiga moito sobre o tema en si, neste caso das conserveiras. Non soamente a nivel persoal coa actriz, senón a nivel histórico do que pasou con este sector en Galicia. Era un tema que a el tocáballe moito pero en base a investigar e a relación que tiña con Francisca (a actriz non profesional protagonista da curta).

Creouse un aura tal que rematou sendo dos meus mellores rodaxes. Álvaro sabe facer moi ben que cada un coñeza cales son as súas posibilidades dentro do propio proxecto. Entón sentes que constrúes un montón. Tamén é un director que prepoduce moito. Visitamos as localizacións moitas veces, traballamos moito o que querían dicir os planos. Tamén é moi xusto: se un plano require moitas tomas fanse, pero se sae a segunda xa está. Non lle da voltas, é unha persoa que sabe o que quere pero á vez deixa que xurda a vida no set. Se ao gravar algo, aínda que non fose o que planificou conta o que necesita por el perfecto. E iso é unha virtude tremendísima. Da a sensación de que ten unha experiencia grandísima cando en realidade non ten tanta. E xa non me lembro a pregunta porque se me sacas Álvaro podo falar todo o día.

Que como foi chegar a Sundance e triunfar.

Pois Álvaro que eu saiba estaba pedindo unha copa na barra cando dixeron que gañara. Non se decatou moito e como que non foi capaz de asimilalo. Eu a verdade que poucas veces me sentín tan emocionada por un premio, porque todo isto dos festivais é algo que queda para os directores, os produtores e os actores. Non é algo que para os técnicos exista como proxecto. O que pasa é que con Álvaro si desenvolvín unha certa amizade durante todo este proceso, ademais Matria méteche moito dentro. Entón foi a cousa de que cando nos decatamos alegreime tanto que din un bote, deume moita alegría. Sobre todo porque Matria recibira algún “non” en festivais e pensaramos que non era o seu ano. É o que falabamos antes, todo isto non só depende de ti. Pero ao final si que o foi e a estas alturas é algo que está totalmente fóra das nosas mans. Nin o entendemos nin o sabemos explicar.

O premio que si que gañaches foi nos últimos Mestre Mateo por Dhogs. Fuches a primeira muller en conseguilo no teu campo en dezaseis edicións. ¿A que pensas que se debe esta ausencia nas anteriores edicións?

Ocorre o mesmo que en todas as profesións nas que as mulleres están invisibilizadas, realmente é unha tendencia. Unha vez nunha clase un profesor dixo unha cousa preciosa que era algo así como que os arquitectos dicían -non sei se é verdade- que as casas tenden a non caerse porque teñen esa tendencia a non facelo, non é por nada en concreto e por todo á vez. Pois con este tipo de cousas pasa algo parecido. E é moi difícil romper as tendencias. Cando algo está tan asentado que non es capaz de marcar o momento no que se iniciaron as cousas, é complicadísimo crebalo porque é dificilísimo identificar cal é o problema. Pero o problema está aí. Se non, non pasarían eses dezaseis anos sen unha muller gañara. É imposible concretar para min, paréceme que hai xente moito máis preparada nestes temas.

Cando empezas a traballar realmente non pensas que vaias ser a primeira muller que faga nada. De pequena non entraban na miña cabeza ese tipo de pensamentos. Lía artigos da primeira muller que fixo algo e pensaba que iso ía estar superadísimo cando eu entrara a traballar, pero aquí estamos.

E ti a nivel persoal viviches algún momento de discriminación por xénero no eido laboral?

Non me gusta moito pensalo, algunha vez mo teñen dito. Non me gusta facelo porque se non estaría súper cabreada todo o tempo, que estou cabreada por cousas pero non me gustaría estar todo o día así. Máis que nada porque é unha desvantaxe tremenda para min. Se me teño que estar enfadando cada vez que me pasan cousas así, estaría constantemente nun estado de alerta, moito máis sensible a certas situacións e a certas discriminacións que os meus compañeiros. Intento que non me afecte, non marcalo e superalo o máximo posible. E iso fai que moitas veces nin o identifique. Non teño unha educación diferente ás persoas que me poden xerar situacións incómodas, polo tanto cometo os mesmos erros, comigo mesma e con compañeiras. Intento aprender dos erros e superalos e facer o que poda por cambiarme a min mesma. Polo resto non podo facer nada.

Cres que a túa propia profesión está infravalorada? É dicir, o famoso normalmente é o director ou os actores pero pouco se fala da dirección de fotografía.

Dende que está Lubezki aí arrasando houbo como un boom e parece que os dires de foto son como estrelas de rock (risas) Cando me comezou a gustar a fotografía, que foi bastante nova, non sabía o que era un director de fotografía. Cando o descubrín, unha das partes que máis me gustou foi precisamente traballar nas sombras. Non ter que estar diante dos focos porque iso supón unha presión a maiores. Os técnicos temos máis facilidade para escapar deles e me parece marabilloso. Poder ter un traballo medio invisible non me supón ningunha desgracia. Eu estou contenta co traballo que fago e os compañeiros e os directores normalmente o valoran tamén. A min gústame moito a idea de equipo, non de estreliñas.

Precisamente nesa relación de equipo houbo algún traballo no que tiveras algún problema importante?

Si, si que hai. Non me gusta nada pero ás veces si que tes que dicir que algo se fai porque o queres ti e xa. Non é un insulto realmente, sempre ten que haber un cabeza de equipo porque se non realmente todo sería moi caótico. E ás veces hai xente que asoballa por querer colaborar, ou polo menos iso espero. Sempre entendo que é polo ben da produción e non por substituírte. A min gústame moito colaborar pero ás veces hai que aceptar que as tomas de decisión non son túas nun momento dado.

E que realmente se algo está ben ou está mal vai ser a min a quen van mirar. Se está ben e me alaban, prometo que me encargo de que todo o mundo saiba que o meu equipo foi fundamental nesas decisións. Se algo está mal, sería incapaz de trasladarlles a culpa. A miña mentalidade vai por aí. Non entendo a xefatura dun equipo doutra maneira. Comigo non se traballa igual que con outro director de fotografía ao igual que eu non traballo igual cun axudante que con outro.

Consideras que o teu método de traballo é convencional?

Si, non teño ningunha pretensión de reinventar a profesión nin moito menos. O que pasa é que teño moitas carencias de experiencia en moitas cousas e os meus proxectos a maioría son moi medidos economicamente, polo que teño que solucionar cousas dun xeito pouco ortodoxo. Non é que non queira facelo dunha maneira máis clásica, o que pasa é que teño que responder ante as posibilidades que teño e aínda así liquidar situacións.

Realmente as cousas poden variar moito. A maioría dos directores de fotografía buscamos ter puntos fortes que ancorar e puntos moi móbiles para adaptarse e avanzar. Creo que non facer as cousas sempre igual fai que se descubran cousas. Moitos das grandes descubrimentos relacionados coa creatividade foron por saír do rego.

Un dos teus proxectos máis recentes é Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño. É un director que vos unen máis cousas que o puramente profesional.

Si, con Xacio fixen un montón de cousas porque nos coñecemos cando os dous estabamos comezando, 2009 ou unha cousa así. Rodar con el foi como case sempre pero mellor. Normalmente traballamos en equipos moi pequenos e aquí ao ter produtora e un presuposto sempre hai un equipo máis preparado e persoas ocupando todos os postos necesarios e iso é marabilloso porque as tensións descárganse. Na maioría dos proxectos que fixen con Xacio non había axudante de dirección, entón moitas veces cubría esa vacante eu, o que implica tamén descoidar un pouco o meu propio traballo. Polo tanto, este foi dos mellores rodaxes que fixemos xuntos. E iso que houbo rodaxes moi boas, Eco por exemplo foi marabillosa, está aí aí con Matria. Soamente que Eco fixémolo entre seis persoas.

Foi moi bonito de facer a primeira peli de Xacio porque claro, a miña relación con el non é tanto profesional como vital. Somos amigos e crecemos moito profesionalmente por separado e xuntos. Nótase para min porque non podo describir ese tipo de sensación con ninguén máis porque non teño a ninguén na miña vida profesional que sexa un Xacio. El é algo importante e especial para min e creo que se nota.

Tamén é unha película que me doe máis dentro e me fai máis ferida -que a Xacio gústalle moito facer ferida- que outros proxectos. Precisamente porque o vivo como algo máis persoal. Se hai obras que se fan túas son este tipo de proxectos que mesturan un pouco do profesional co persoal. Oxalá todo o mundo que comeza a facer curtas xuntos poda vivir a experiencia de acabar facendo unha peli. Poder dicir que a primeira longa a fixeches coas persoas coas que traballaches dende o principio paréceme precioso.

A día de hoxe pódese vivir dun xeito estable facendo cinema en galego?

Eu practicamente todo o que o que fago é en galego, do que me sinto moi orgullosa. A verdade é que non o reflexionara moito pero… que alegría me acabas de dar! Temos a sorte de ter un idioma propio o cal fai que a cultura colla unha forza tremendísima. Hai moitas cousas que se fabrican en galego, menos das que deberían pero hai moitas. E é un orgullo.

Os últimos anos e polo menos parte de 2019 parece vou ter unha vida relativamente estable facéndoo. Isto non significa pechar as portas a nada máis e se me ofrecen un proxecto en inglés, en francés ou en italiano estaría encantada. Pero creo que si que somos afortunados por ter esta posibilidade. Digo que si pola miña propia experiencia, outro pode ser que te dixera algo moi distinto.

Ves agora mesmo de traballar, podes contar algo dos proxectos nos que estás embarcada?

Agora estou facendo un traballo de documentación. Unhas amigas que son educadoras sociais que traballan con mulleres do rural e estou encantada. Hoxe veño de localizar a próxima curta de Samuel Lema, que levamos moito tempo querendo traballar xuntos e nunca cadrou e por fin agora parece que si. Hai algo aí á vista espero pero ata que pechemos negociacións tampouco podo dicir nada. Pero bueno, si que espero formar parte dun proxecto moi bonito que se está a montar. Estas cousas non ás queres gafar, porque basta que o digas para que ao final se dea a mal.