LCD Soundsystem – Electric Lady Sessions

DATA DE LANZAMENTO: 08/02/2019
DISCOGRÁFICA: Columbia Records

LCD Soundsystem – Electric Lady Sessions

DATA DE LANZAMENTO: 08/02/2019 DISCOGRÁFICA: Columbia Records

by | Feb 11, 2019

LCD Soundsystem

Para comprender o valor que ten este novo lanzamento de LCD Soundsystem hai que ter un pouco de contexto. En primeiro lugar, a pesares do que poida parecer, LCD Soundsystem non é exactamente unha banda, é, en boa medida, o proxecto en solitario do multinstrumentista estadounidense James Murphy. Ao longo dos anos Murphy foi contando con numerosos colaboradores, algúns deles chegando a formar parte da banda coa que LCD Soundsystem se presentaban en directo. A día de hoxe esta agrupación que interpreta a música de LCD Soundsystem nos concertos está conformada por Nancy Whang, Pat Mahoney, Gavin Rayna Russom, Tyler Pope, Al Doyle, Matt Thornley, Korey Richey e polo propio James Murphy.

Podería dicirse que en certa maneira LCD Soundsystem está composto por dúas entidades diferentes, a que atopamos ben no estudo, ben nos concertos. Pero este Electric Lady Sessions supón unha ruptura desta perspectiva, xa que permítenos escoitar á banda que conforma o grupo nesta xira, interpretando doce cancións do catálogo de LCD Soundsystem no estudo de gravación. Resulta difícil polo tanto calificar a este disco como un álbum de directos. De escoitar este traballo sen coñecer ningunha información previa sobre o mesmo poderíase confundir perfectamente cun disco de estudo. Pero isto non quere dicir que as cancións que conforman este novo traballo soen igual que nas versións que podíamos atopar nos álbumes dos que proveñen.

As cancións de American Dream xa foran gravadas cun son máis analóxico que en traballos anteriores de LCD Soundsystem, e en Electric Lady Sessions esta tendencia continúa, nun disco que semella estar ao mesmo tempo perfectamente producido con contar cun son que sen adentrarse no lo-fi está decididamente menos pulida. Resulta interesante escoitar desta maneira cancións como Get Innocuous, que incorporan nesta nova gravación unha percusión frenética que engade todavía máis enerxía.

Tamén merecen mención especial as tres versións inéditas que aparecen neste disco, Seconds de The Human League, I Want Your Love de Chic e (We Don’t Need This) Fascist Groove Thang de Heaven 17, interpretadas de maneira que encaixan perfectamente co son de LCD Soundsystem ao que xa estamos acostumados, incluso cando nas dúas últimas James Murphy abandoa o protagonismo para deixarlle o micrófono a Nancy Whang. En concreto, o cover de Heaven 17 aporta un marcado contido político de sorprendente actualidade ao tratarse dunha canción de 1981, cunha letra únicamente modificada para sustituír as liñas “Reagan’s president elect” por “The orange one is President” e “Cowboy God in motion” por “Fascist God in motion”.