Black Panther

Director: Ryan Coogler
Guión: Joe Robert Cole, Ryan Coogler
Fotografía: Rachel Morrison
Música: Ludwig Göransson
Ano: 2018
País: Estados Unidos

 

Black Panther

Director: Ryan Coogler
Guión: Joe Robert Cole, Ryan Coogler
Fotografía: Rachel Morrison
Música: Ludwig Göransson
Ano: 2018
País: Estados Unidos

by | Feb 14, 2019

‘Black Panther’: Cando os bos son os malos

Black Panther é xa o primeiro filme de superheroes nomeado a “Mellor Película”, na gala dos Oscar, o cal foi unha decisión moi criticada, e que a todas luces semella impostada e equivocada. É curioso coma este nomeamento se tomou coma unha concesión ou agasallo ao xénero dos superheroes e a Marvel en xeral, polo traballo que están a facer no cinema mainstream durante os últimos anos co MCU. Pero á hora da verdade, como persoa a que lle gustan estes filmes, e sobre todo os cómics nos que se basean, creo que nomear a Black Panther é case un insulto cara este tipo de filmes.

Por que? Sinxelo, Black Panther é dificilmente defendible coma a mellor película de Marvel, é máis, incluso debería haber moitas dúbidas de se entra no top-5, ou incluso no top-10 das mesmas. E, sobre todo, saíu no mesmo ano que a universalmente aclamada Os Vingadores: A Guerra do Infinito, que é mellor no plano xeral, e dentro do propio xénero de superheroes, onde, profundando neste mesmo ano, podemos atopar a magnífica e novidosa película de animación Spiderman: Un Novo Universo, que sería outra gran opción para premiar co nomeamento de querer facer ese recoñecemento abstracto aos superheroes.

Deixando isto atrás, hai sobre todo dúas razóns nas cales podemos coincidir todos para sinalar como motivos para este nomeamento. A primeira, esa querenza da Academia por darlle relevancia a todo o que rezume cultura afroamericana, para negarlle o argumento do racismo aos críticos e escépticos coa industria. Dentro desta opción, este mesmo ano, tamén podemos dicir o mesmo sobre Infiltrado no KKKlan (Spike Lee, 2018). O outro motivo do nomeamento é o completo arrase nos cines estadounidenses, onde recadou máis cartos que incluso os Vingadores, aínda que a súa relevancia mundial foi menor. Dalgunha maneira, este nomeamento parece ser a continuación desa idea que tiraron desde a Academia de crear unha categoría nos Oscar sobre “A mellor película popular”.

Pero ben, deixemos o contexto, e contemos porque Black Panther non é un bo filme, ou polo menos, que está afastadísimo de ser unha boa nomeada a “Mellor Película do Ano”. A súa estrutura, e a trama, xa non é que sexan a típica introdución dun heroe en canto a “eu son isto / pasa algo / resolvese e madura o personaxe / son algo novo: superheroe x”, senón que a confrontación co vilán e o tema xeral da historia é susceptible de debate e incluso habería que ver quen leva razón: se o protagonista ou o antagonista.

O filme acaba con (si, spoiler, pero así aforrades vela) Black Panther abrindo Wakanda, a súa nación hiper-avanzada ao resto do Mundo, que curiosamente é a idea que defendía Killmonger, o vilán principal, ao principio da película! A trama maltrata a este personaxe, que pasa de ser un idealista violento e rancoroso (cun pasado moi ben construído) que ten a razón con respecto a visión de como se debe levar o país, e que gaña lexitimamente o poder do reino (que para ser moi avanzado elixe ao seu líder coa forza bruta), a ser practicamente un xenocida psicópata unha vez que asume o rol de rei para, supoño, que o espectador poida empatizar co protagonista Black Panther, que acaba literalmente facendo o que dicía o vilán. Un sinsentido absoluto.

Esa cultura negra que supostamente caracteriza a película non pasa moito máis aló de que Wakanda está en África e de que todos son negros, ademais de certa conexión co Nova York afroamericano. Tampouco e que nos ensinen demasiado de coma funciona esta súper nación, onde curiosamente destaca a espectacularidade non-tecnolóxica da escena da loita ritual de sucesión, onde se presentan as tribos do país. Esta nación podía ter aproveitado e darlle algúns cartos aos produtores do filme, que á hora de crear entornos 3D para os soños do protagonista parece que se lle acabaron os cartos.

Neste sentido de facer cousas que superficialmente semellan funcionar, pero que perden ao aplicar certa reflexión, tamén podemos falar dos papeis das mulleres. En primeira instancia, parecen personaxes interesantes, intelixentes, fortes e autosuficientes, incluso afastándose da sexualización habitual. Mais profundando na trama, atopamos que quen a fai avanzar, son o protagonista, o antagonista, o bo-que-despois-se-volve-malo ou o malo-que-despois-se-volve-bo. Incluso a irmá de Black Panther, unha científica extraordinaria, e cun sentido rebelde fronte a tradición do país, cede a súa parte da acción salvadora da nación a un axente de SHIELD que pasaba por alí.

En definitiva, non podemos cambiar o pasado, e Black Panther, tristemente, quedará na historia como esa película que derrubou o muro entre o xénero de superheroes e o recoñecemento da Academia, que demostra que non lle molestan os negros, sobre todo se son ricos e viven na nación máis poderosa do Mundo baixo un sistema capitalista cunha perspectiva política patriótica, nacionalista e cerrada, sóavos?