by | Feb 21, 2019

A Escolma de Cinema Galego de Sarria volve marcada polo protagonismo feminino

A cuarta Escolma de Cinema Galego de Sarria celebrarase o 22 e o 23 de febreiro e terá como principal reclamo a presenza das directoras Anxos Fazáns e Diana Toucedo. Ambas participarán nun coloquio tras a proxección de cadansúas películas: A Estación Violenta e Trinta Lumes respectivamente. Ambos filmes son dous dos maiores expoñentes do cinema do país nos últimos tempos.

Ambas proxeccións efectuaranse na Casa da Cultura do Concello da localidade luguesa, no mesmo lugar onde se proxectará Os fillos da vide, de Ana Domínguez, elexida mellor película galega na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Outro dos eventos máis relevantes é o Concerto de Baiuca, que contará con audiovisuais de Adrián Canoura, do que tamén se poderán visualizar tres filmes durante a fin de semana.