Green Book

Director: Peter Farrelly
GuiónBrian Hayes Currie, Peter Farrelly, Nick Vallelonga
Fotografía: Sean Porter
Música: Kris Bowers
Ano: 2018
País: Estados Unido

 

Green Book

Director: Peter Farrelly
GuiónBrian Hayes Currie, Peter Farrelly, Nick Vallelonga
Fotografía: Sean Porter
Música: Kris Bowers
Ano: 2018
País: Estados Unidos

by | Feb 22, 2019

“Green Book” ou o antirracismo que se volve clasista

Green Book, o novo filme de Peter Farrelly, preséntase na próxima gala dos premios Óscar  con 5 nominacións: mellor película, actor ( Viggo Mortensen) , actor secundario (Mahershala Ali), guión orixinal (Peter Farrelly e Nick Vallelonga), edición (Patrick J. Don Vito) e posta en escea (Peter Farrelly e Nick Vallelonga). Se ben no filme transluce que o director ten certa intención de transmutar de estilo cinematográfico para explorar novas vías que difiren das súas anteriores largometraxes do chiste polo chiste ao estilo de “Dous parvos moi parvos” -cinta codirixida xunto ao seu irmán Bobby Farrelly-, a realidade é que nesa busca finalmente non é quen de imprimir tales sensacións no celuloide.

A súa pretensión de crear un discurso antirracista en formato “road-movie” remata traducíndose nun guión moralista cheo de “chascarrillos” gratuitos que acaban cristalizando a largometraxe nunha “feel-good movie” vertebrada en clixés ,estereotipos e maniqueos lavados de cara á patria norteamericana . Baixo un aparente progresismo o filme consolida o discurso de que o racismo norteamericano xa foi superado pola gran democracia estadounidense con presidentes negros e paseos de cordialidade interracial en Cadillac. Disque o filme está inspirado nunha historia real mais a realidade non se alberga por ningures en toda a metraxe.

Non en van, é precisamente esta particularidade o que fai de Green Book o perfecto produto para recibir estatuillas, de aí as súas nominacións, pois a tendencia da Academia en premiar aquelas metraxes que axuden a fortalecer o relato ideolóxico da liberdade neoliberal ausente de conflictos; sexan de clase, raza ou xénero é máis que evidente. Dito iso, arriscaríame a apostar a que nesta edición , coa excepción de Roma de Alfonso Cuarón, as grandes premiadas serán precisamente por estes motivos Vice, Black Panther e Green Book. Algo semellante acontecera xa en 1995 onde había películas nominadas coma Pulp Fiction de Quentin Tarantino, Cadea Perpetua de Frank Daranbot ou Ed Wood de Tim Burton (que nin tan sequera foi nominada a mellor dirección) pero que se atoparon de bruces contra Forrest Gump, a favorita por antonomasia e que arrasou con tódolos premios por unha sinxela razón: un guión escrito entre barras e estrelas.

Green Book está baseada na relación entre Don Shirley (Mahershala Ali), un ilustrísimo pianista de moi cultivada formación -característica toscamente forzada no filme-, e un italoamericano de clase baixa (Viggo Mortensen) que vive no Bronx e que é burdamente representado coma un home de escasa sensibilidade, case analfabeto e que poucas máis destrezas semella ter alén da súa facilidade para devorar comida rápida. Pivota así a película constantemente nun perverso clasismo que facilita o desarrollo da trama pero que é difícil de asumir con naturalidade.

A película evoluciona narrativamente xa que Don Shirley busca un chófer que manteña a súa seguridade nunha xira pola supremacista Norteamérica sureña. Resultando que o compañeiro ideal é este italoamericano obreiro que é traducido ao espectador coma un ser primario eminentemente violento. Paradóxicamente, a película quérese dicir antirracista pero na inversión dos papeis entre o negro ilustrado e o italoamericano iletrado caese nunha sorte de racismo de roles en inversión. Alguén lle debería dicir a Peter Farrelly que non tódolos italoamericanos se apelidan Corleone e son membros dun clan mafioso que extorsiona a pequenos comerciantes e esperta aos seus inimigos con cabezas de cabalo.

No tocante á estética cinematográfica sen embargo si é notable o moi bo traballo de vestiario, escea e fotografía con Sean Porter como director; cun uso moi particular da cor especialmente coidado e en constante interrelación co espazo emocional que a escena pretende explorar. Mais o punto máis forte do filme está nas excelentes interpretacións de Mahershala Ali e Viggo Mortensen, sendo capaces de direccionar certas esceas excesivamente artificiais que rozan o sensacionalismo barato de película de tarde de domingo conseguindo naturalizar un chisco o resultado.

O problema do filme é o de tantos outros aparentemente progresistas pero vacuos na análise das problemáticas que pretende tratar: caer no simplismo de considerar a concreción dun problema sen considerar a correlación deste co resto de axentes da subalternidade. Green Book peca principalmente de obviar a contradicción de clase na cuestión racial. Así é todo, o filme si engade un par de esceas onde Don Shirley (Mahershala Ali) atópase nunha avería do seu fabuloso e elegante Cadillac cun conxunto de negros traballando a terra que fican nel coma se dun alieníxena se tratara, o que cataliza a sensación de non pertenza a ningunha comunidade do pianista poñendo así o foco na contradicción principal da súa persoaxe. Posteriormente, a quizáis escea máis potente do filme, está centrada nunha discusión entre o propio Don Shirley (Mahershala Ali) e Tony Lip (Viggo Mortensen). Onde este último lle recrimina vivir nunha sorte de palacio de cristal afastado das problemáticas reais dos afroamericanos. Concluíndo finalmente que no fondo, el coma italoamericano veciño do Bronx comprende mellor o que é ser negro que o propio  pianista.

Así é todo, o espazo emocional dese momento acábase estragando na tosca forma de materializarse: primeros planos forzados, miradas chorosas e un diluvio sobre os dous personaxes que pretende enfatizar en forma de hipérbole audiovisual a situación, mais que en realidade tórnase nun artificio bruto e demasiado evidente que estraga a escea. Ás veces facer máis é facer menos. Previsible e amena, os actores arranxan algúns descosidos mais neste caso hai rotos demasiado evidentes nun discurso edulcorado e distorsionado na súa simpleza, vólvendose prácticamente reaccionario. Hai contidos que non se amañan con boas interpretacións e coidadas fotografías.