by | Feb 25, 2019

‘Green Book’ da a sorpresa e faise co Oscar a mellor película

Green Book deu a sorpresa levándose o Oscar a mellor filme quedando por enriba de películas como Roma ou A favorita. A gala, a primeira celebrada sen presentador, non rompeu coa dinámica habitual, e polo xeral, houbo poucas sorpresas no seu desenvolvemento e nos premios. O inesperado arranque cunha actuación en directo de Queen xunto a Adam Lambert non marcou a dinámica que seguiu o resto da ceremonia. A execpción, máis alá da categoría principal, foi o galardón que recibiu Olivia Colman a mellor actriz polo seu papel en A favorita, que non entraba na maioría das quinielas pero que é sen dúbida moi merecido.

Alfonso Cuarón quedou sen o premio a mellor película pero non marchou coas mans baleiras xa que gañou os Oscars a mellor dirección, fotografía e mellor filme de fala non inglesa. Pola súa parte Bohemian Rhapsody fíxose con catro das cinco estatuíñas as que optaba, facéndose cos Oscar a mellor actor, montaxe e mistura e efectos de son. O premio a mellor filme de animación foi para a xenial Spiderman: Un novo universo, e a mellor canción para Shallow, da película Naceu unha estrela. Lady Gaga e Bradley Cooper deixaron un dos momentos máis destacados da gala coa súa interpretación en directo desta canción.

Desta volta non houbo premios mal anunciados, sen embargo a incomprensible a ausencia do cineasta Jonas Mekas no segmento de “in memoriam” foi un dos maiores erros cometidos pola Academia este ano.