Trinta Lumes

Directora: Diana Toucedo
Guión: Diana Toucedo
Fotografía: Lara Vilanova
Música: Sergio Moure De Oteyza
Ano: 2017
País: Galicia

 

Trinta Lumes

Directora: Diana Toucedo
Guión: Diana Toucedo
Fotografía: Lara Vilanova
Música: Sergio Moure De Oteyza
Ano: 2017
País: Galicia

 

by | Feb 25, 2019

“Trinta Lumes”, moito máis que un verso de Pondal

Diana Toucedo ten unha dilatada experiencia como montadora e xa dirixira curtas, mais Trinta Lumes é a súa primeira longametraxe. A súa traxectoria profesional é algo que influiu notablemente no resultado final. A película constrúese na montaxe tanto na forma como no discurso. A criatura saída do parto é unha obra a medio camiño entre o documental e a ficción. Un filme que mostra a forma de vivir de O Courel -con todas as súas implicacións- pero non se quere quedar aí.

O Courel é un lugar especial dentro de Galicia, un lugar que ao percorrelo poder sentir en cada pisada a súa singularidade e, en certo modo, atemporalidade. Se ben en Trinta Lumes apréciase un esforzo por fuxir do puramente etnográfico ou esencialista, é practicamente imposible non caer niso nalgún aspecto pola propia localización escollida. O contexto sempre é un dos elementos que máis discurso crea. Móstrase tamén un conflito entre o rural e o urbano, e aínda que a mensaxe é ambigua e está escondida entre as numerosas capas que ten a película a conclusión é que o rural -ou polo menos o rural concreto que se narra- desaparece, feito representado pola desaparición da protagonista. O posicionamento da película ao respecto é que non é positivo.

Como se dixo anteriormente, a montaxe é o elemento principal da narración. O espectador atópase ante unha obra que conta a súa historia a través dos arumes, dos ventos, das estacións e da propia paisaxe da zona. Funciona dun xeito sorprendente e denota o talento que posúe Toucedo. Chama a atención tamén que a pesar deste esforzo por innovar e fuxir dunha narrativa puramente aristotélica, ao final a película remate sendo unha obra circular, unha estrutura tremendamente clásica. Isto non é algo negativo porque a película o pedía mais chama a atención como o mundo sempre se move a partir de contradicións.

Precisamente a ficción que tanto valor lle da a obra, en certo modo tamén a limita polo xeito na que está introducida. Aparece no terzo final para dinamitar un final que se presenta algo forzado. Se houbera máis partes de ficción, probablemente sería diferente. Aínda que tamén sería unha obra totalmente distinta e tamén perdería un gran número das súas numerosas virtudes.

Algo que destaca en gran medida é o tratamento coas persoas das aldeas de O Courel. Non hai actores profesionais no filme, son os habitantes da zona e sorprende. Non por unha marabillosa interpretación nas partes que o requiren, senón pola normalidade nas que non. Os cinco anos de produción enténdese cando se ve como as persoas actúan como se a cámara fora invisible e simplemente viven dun xeito normal. Neste sentido, é especialmente destacable o tratamento coas crianzas, que realmente son o alma da película. De feito, o nome fai referencia aos trinta nenos que quedan en O Courel.

Trinta Lumes é un proxecto sorprendente. Coas súas limitacións, mais cunha man dirixindo e montando que denota unha habilidade enorme para contar historias. Estamos ante un dos filmes galegos máis interesantes dos últimos tempos. Unha película con innumerables capas, puramente sensitivo e feito con moitísimo mimo.