Ángel Filgueira: “Á mocidade
dásenos moitas expectativas pero
caemos nun gran baleiro”

Ángel Filgueira: “Á mocidade dásenos moitas expectativas pero caemos nun gran baleiro”

by | Feb 26, 2019

fotografías por Ada Seoane

Ángel Filgueira é o director de Sevilla e Gomorra. Como moitos dos proxectos máis ilusionantes, nace dun viaxe. Neste caso dun ano de SICUE a Sevilla. Alí coñeceu a certas persoas e viuse envolto nun ambiente complicado salpicado pola noite e polo alcol. Tras rematar a carreira, voltou á cidade hispalense para retratar parte do que vivira na capital andaluza.

Chovía dun xeito torrencial en Compostela o día que quedei con Ángel e mentres camiñaba pola zona vella co meu paraugas de cor rosado, reflexionei sobre o concepto bíblico de Sodoma e Gomorra e como influiu historicamente. Cando por fin cheguei á cita, agardábame cunha gran gabardina que lle daba unha certa elegancia. Sentámonos e comezamos a falar sobre a película que no día anterior presentara en Cineuropa.

Como foi o proceso de gravar a película tendo en conta que durante a noite e de festa nunca son as condicións ideais para facelo?

Si, a rodaxe foi pouco convencional. Gravaba todo o tempo, de feito tiña moitísimo material. Logo claro, a montaxe foi outra cousa. Volvín a Sevilla durante un mes. E si que tiña moi claro traballar co automático de gravar, gravar e gravar. A cámara estaba súper integrada. Tanto para min por observar todo o tempo, como para eles para falar comigo coma se non houbera cámara. Si que houbo xente que me dixo que o equipo igual era pequeno pero se fóramos tres persoas para gravar xa non habería forma de que conversara comigo

Con que gravabas?

Cunha cámara que teño eu, unha Nikon. Para o son ás veces utilizaba gravadora, e ás veces non.

Para o montaxe, supoño que sería un material inmenso.

Eu non sabía moi ben cara onde ir porque cando volvín a Sevilla, fun cunhas ideas máis de facer  ficción ou de recrear porque realmente non sabía en que momento da súa vida estaban eles porque facía ano e pico que non estaba alí. Cheguei e non fluían as miñas propostas pero si que fluía a miña propia vida. Non tiña sentido impoñerlles cousas cando tiña máis sentido iso. O material o teño organizado en trinta carpetas por días e hai xornadas das que teño cinco horas, polo que o gran proceso en tempo foi a montaxe. Por unha parte fun unindo en secuencias formando pequenos discursos que se ían combinando e por outra, unha estrutura xeral de tres actos.

Nada do que sae da película entón está pactado. Foi complicado atopar o tipo de conversas ou contido que foran apropiados para o filme?

Eu xa sabía que eles ían tirar por aí porque xa sabía como eran e son. Están a facer o que farían se non houbese cámara. Está todo condensado, claro. Parece que é unha noite longuísima pero son moitas noites combinadas para formar un discurso concreto.

Algo que me chamou a atención foron as transicións entre secuencias. Mesturas moito a imaxe sacra coa escombreira, con imaxes que evocan a destrución. Que querías transmitir con isto?

Quería combinar as noites con esas imaxes que hai por todas partes. Realmente non é que gravara nunha igrexa nin nada pero Sevilla ten moita imaxinaría relixiosa polas rúas. Tamén esa borracheira é como un descenso infernal. Moitas veces comparo a virxe, cun home disfrazado de demo sacándose fotos coa xente e con personaxes máis da noite, máis illados.

Cando estas persoas están sendo filmadas entendo que moitas veces non están sendo conscientes do que están facendo polo seu propio estado. Como é a súa reacción cando ven a película e recoñecen este tipo de comportamentos?

Iso foi interesante. Porque eu gravei pero non quería que visen nada. Quería que visen a obra finalizada porque probablemente se viran frases sen sentido pareceríalles súper violento e non lle verían o sentido, polo que mo mandarían borrar. Cando viron a peza completa pois dependendo de quen o tomou mellor ou peor porque hai algún personaxe que expón máis que outro. Pero si que entenderon a proposta e chegamos a un acordo. Agardaban algo máis lixeiro, iso si.

Como foi o contacto para acordar gravar a obra?

Pois eu lles propuxen ir alí e gravalos. Eles non son xente do audiovisual e tampouco tiñan moita idea. Entón, pareceulles divertido pero non sabían que tipo de  repercusións podía ter.

Como dicías antes a película estrutúrase en tres actos e o derradeiro chámase “Ángel Caído”. Ata que punto é autobiográfica a obra?

Eu son tamén unha personaxe que intervén tamén aínda que estea gravando. Interveño falando algo e tamén o fago en como está gravado. A referencia era de eu tamén caendo nese microuniverso. De feito cando cheguei, estaba preocupado porque realmente pensaba que non estaba nese punto. No primeiro contacto pensaba que non ía sacar nada diso e que xa non era o mesmo, dubidaba se podería sacar material. E logo foi darme conta que todo estaba exactamente no mesmo punto… e eu tamén.

Todas as personaxes que saen na película e se comportan dun xeito cuestionable son homes. Pensas que hai algún tipo de compoñente patriarcal?

Si. É gracioso porque no grupo teñen un rolo moi de machos. Na obra saen moitas perlitas, por exemplo de beber unha botella enteira porque “tienes un par de cojones”, literalmente. Hai tamén un momento no que fan unha referencia a Calígula e din “eres como Calígula que se folla a la mujer y se folla al hombre para humillar a toda la humanidad”, pero ao mesmo tempo un dos personaxes é homosexual, ao que chaman “mi putita” varias veces. Entón realmente teñen un rollo moi macho pero á vez un un rollo homoerótico extraño. A ausencia de mulleres é real porque nese grupo é así.

Algo que se traballa na película moito é o concepto da identidade. É algo que levas traballado noutras obras, coma na curtametraxe “Espazo”.

Si que é algo que me gusta en xeral. A identidade, o personaxe, a verdade. Si que normalmente soio tirar máis pola ficción pero intentando aplicarlle un pouco de verdade. E agora tampouco estou pensando en máis propostas documentais pero si que realmente me interesou moito o violento e o directo destas persoas, realmente nunha hora penso que sabes como son. Si que me interesa iso e o busco, quizais noutras tesituras normativas pero si que me atrae como se mostran.

Certas persoas poderían interpretar a película como un retrato xeracional. Pensas que a nosa xeración bebe porque non é capaz de chorar sobria?

Non é tanto un retrato concretísimo como un retrato dunha situación que pode darse de moitas formas. Aquí a situación de atascamento e de estar perdido na vida e demais tiran cara unha evasión completa. Como a vida non ten sentido, teñen que emborracharse todas as semanas para xestionar iso. Aínda que o xestionan regular. Estas persoas teñen unha vida, non están tiradas por aí. Iso nótase tamén no discurso que teñen. A situación si que me parece extrapolable en xeral.

Crees que a xente recorre á droga por condicións estruturais?

Neste punto non é tanto á droga como a unha evasión, á noite como un ente aparte da vida. De feito nunha parte da peli un dos personaxes fala á cámara e di como que na vida non vas aprender nada facendo parvadas do día a día, como que está vida que non importa e logo está a noite que é outra cousa. Esa é a evasión que existe.

Outra das frases que me chamaron a atención foi: “Que o mal triunfará mentres os homes bos non fagan algo”.

Claro, iso tamén é contraditorio porque o está a facer mentres ten unha litrona na man, non está cambiando o mundo precisamente. O personaxe está falando por escoitarse un pouco pero realmente non ves que vaia facer nada. Hai moitas contradicións nese sentido: falan do malo que é o capitalismo mentres están fumando e bebendo. Hai contradicións a morte entre o discurso e o que fan. Como cando din que non se recoñecen cando se emborrachan e logo brindan polos borrachos.

Fáltalles conciencia de clase?

Realmente depende do personaxe. Hai un personaxe comunista que si que é consecuente. Está falando seriamente e nótase que ten o discurso bastante aprendido porque é ao que adica todo o seu tempo activamente. A personaxe coa que ten a conversa nótase que lle gusta moito falar pero que realmente non creo que vaia esforzarse con iso. Polo tanto, o nivel de militancia dun e o outro é bastante diferente. Aparte o discurso deste rapaz, Juan, é difuso. Non se sabe moi ben por onde tira pero ao final vai por un individualismo que quere ser algo así como un capitalismo bonito. De feito, ten unha frase super absurda que é “no es que tengas conciencia de individuo, es que aceptes tu unicidad”. Di iso tal cal. Gústalle sentirse especial e non quere dicir que é súper capitalista porque… non. Pero si que o é.

Estas persoas cando están sobrias son moi diferentes?

Non (risas). A ver, evidentemente cando están moi mal non son así, pero non. Eu si que os recoñezo. Eles non se recoñecen porque non son gravados habitualmente cando están borrachos, pero si que son eles.

Sevilla e Gomorra retrata a cidade aínda que sexa unha Sevilla moi concreta. Que diferencias ves con Galicia?

Xusto onde me preguntaban se se podería facer un Santiago e Gomorra e dixen que si. Realmente si, aínda que sería bastante diferente. En canto a xente é moi distinta, pero si que se podería facer. Eles teñen un discurso moi andaluz de dicir algo porque é así.

Sobre o final da película todo o que se foi construíndo na película acaba estoupando. E estoupa cunha ansiedade moi grande. Pensas que é isto é algo que vai máis aló dos personaxes da obra?

Estamos nun punto -ou eu sinto que o estamos- no que á mocidade se nos dan moitas expectativas e caemos a un baleiro que non as cumpre en absoluto. Fórmaste mentres traballas e cada vez como que hai máis oportunidades -non sei se reais- pero cada vez son máis concretas. Temos a cabeza fragmentada en tantos sentidos que non sabemos nada nin cara onde ir.