by | Mar 3, 2019

A Sombra da Lei e Trote triunfan nuns Mestre Mateo solidarios con Defende a Galega

A Sombra da Lei de Dani de la Torre foi a gran triunfadora da gala da decimo sétima edición dos Mestre Mateo. O filme colleitou dez dos quince galardóns aos que optaba na gala organizada pola Academia Galega do Audiovisual en A Coruña. Entre os premios destacan o de mellor película e o de mellor director para o propio De La Torre, que non puido acudir polo falecemento da súa nai esta semana.

Outro que non puido acudir foi Luís Tosar, que se levou o premio a mellor actor protagonista por este mesmo filme. A Sombra da Lei tamén foi recoñecida cos galardóns a mellor dirección de produción, dirección de arte, maquillaxe, son, música, vestiario e montaxe a un Jorge Coira que se reafirma como uns dos mellores do país neste aspecto.

A segunda triunfadora da noite foi Trote, a persoal mirada do rural de Xacio Baño levouse cinco Mestre Mateo. O propio Baño xunto con Diego Ameixeiras colleitou o de mellor guión e Lucía C. Pan o de mellor dirección de fotografía. É o segundo ano consecutivo que Pan logra este premio, tras ser a primeira muller en acadalo o ano pasado por Dhogs. Outra que repite é Melania Cruz, que se levou o galardón á mellor actriz de reparto. Pola súa banda, María Vázquez acadou o premio á mellor actriz protagonista e Federico Pérez o mellor actor de reparto.

No seu discurso, Pérez dedicou parte do mesmo a nomear a Defende a Galega, a plataforma creada para protestar pola insostible situación da TVG. Como Balea puido ver en redes sociais, varios asistentes asistiron con camisolas en apoio á causa e houbo varias mencións na gala, un espectáculo dirixido por Sonia Méndez e con temática espacial. Chegouse ao cumio da mesma coa frase “Deixando a un lado o telexornal, que problema tedes coa ciencia ficción?”. Os comentaristas da gala non fixeron mención algunha ao acontecido.

Os demais Mestre Mateo recadaron no documental Idénticas, dirixido por un Luis Avilés que fixo un discurso en defensa dos traballadores da sanidade; na webserie Dinosaurio, feita dentro do marco do festival Carballo Interplay; na curta de animación Soy Una Tumba; na curta de imaxe real A nena Azul, dirixida por Sandra Sánchez e o Videoclip Ahora o Nunca (De A Pegatina con Macaco) de Manu Viqueira.

Pola súa banda, O Sabor das Margaridas acadou o premio á mellor serie de televisión; Buscadores de naufraxios o de mellor programa e Álbum de Viaxe levouse a mellor realización. Rodrigo Vázquez gañou o Mestre Mateo ao mellor comunicador e dedicou o premio a todas as crianzas que falan en galego nunha das intervencións máis destacables da noite.