Cafarnaúm

Dirección: Nadine Labaki
Guión: Nadine Labaki
Fotografía: Christopher Aoun
Música: Khaled Mouzanar
Ano: 2018
País: Líbano

 

 

Cafarnaúm

Dirección: Nadine Labaki
Guión: Nadine Labaki
Fotografía: Christopher Aoun
Música: Khaled Mouzanar
Ano: 2018
País: Líbano

 

by | Mar 5, 2019

‘Cafarnaúm’: Dureza e conflitos éticos en Oriente Medio

Na primeira escena de Cafarnaúm vemos a Zain, un neno de apenas doce anos declarando nun tribunal de xustiza denunciando aos seus pais por “darlle a vida”. Unha frase de impacto para unha película que se pode resumir nesa palabra de sete letras. Dirixida por Nadine Labaki e ambientada en Beirut, tenta amosar as condicións nas que se desenvolve a vida nos lugares máis marxinais da cidade libanesa.

A película reivindica os dereitos da infancia, critica aos matrimonios concertados e denuncia o tráfico de persoas mentres pouco a pouco mostra como as persoas marxinadas constrúen a súa identidade e en base a multitude de factores. A obra retrata a vida do lumpen máis absoluto e neste sentido coincide con filmes como a recente Un Asunto de Familia, de Hirokazu Kore-Eda

Mais onde a película do director xaponés resalta á familia como último sustento, Labaki identifica á familia nuclear como algo negativo no contexto da familia do protagonista, non por unha inexistencia do amor, senón polas circunstancias que están a vivir. Dende un ton moi diferente e nun contexto oposto (nada ten que ven Xapón co Líbano) acaban chegando a un cuestionamento da familia de sangue similar. Onde Kore-Eda apela ao colectivo como defensa, Labaki apela á garantía do cumprimento dos dereitos dos cativos por parte de organismos externos. No fondo as intencións son parecidas pero as conclusión distan bastante.

A película foi moi polémica pola crueza das súas imaxes, onde aparecen nenos sufrindo dun xeito case constante. Tamén pola beleza dos seus planos, que algúns cualificaron como “pornografía da pobreza”. Eu non respaldo este tipo de afirmacións porque penso que neste caso a forma é, se non a mellor, un xeito moi adecuado de narrar o que está a ocorrer. Cámara en man predominante seguindo ao protagonista para coñecer mellor o seu punto de vista, primeiros planos que parecen que se van saír pola pantalla para incomodar ao espectador ante o que está a ver, planos cenitais que mostran o lugar onde acontece a narracións… toda a fotografía contribúe a dar contexto, non é unha simple exposición de planos bonitos e espectaculares. Pero supoño que sempre quedará o antigo debate no cinema de se se deben amosar os campos de concentración ou non.

Se ben, é certo que aínda que non son demasiado comúns, hai momentos onde a música alude demasiado aos sentimentos do espectador e os suaviza. É unha concesión comprensible pero que no total do filme desentoa e queda artificial. E aínda que a nivel formal non lle atope demasiadas eivas, é verdade que o propio argumento busca conmover dende o primeiro minuto. Se na historia non saíse un neno de doce anos, un bebé e unha madre solteira inmigrante pasando penas, o impacto sería a metade para o público occidental. Polo tanto, onde é tramposa é na base.

Con todo, Cafarnaum tenta explicar a situación en Oriente Próximo dun xeito que dista bastante do habitual. Non hai mencións á guerra ou as bombas aínda que se ven os seus efectos nas persoas dun xeito claro e transparente. Tamén se ve unha realidade que non é habitual nos telexornais: hai vida máis aló do conflito xeopolítico. Ou, o que é parecido pero non igual, a vida baixo o conflito xeopolítico. Existe humanidade, costumes arraigadas dende centos de anos e, sobre todo, unha supervivencia afastada de toda moral na que estea imbuído o chamado primeiro mundo.

Resáltanse durante todo o filme os malos tratos que sofre o protagonista pero fuxe dun retrato maniqueísta tan habitual cando se tratan estes temas, se ben os pais do neno son xulgados nunha alegación moi contundente, non son xente malvada. Soamente son vítimas dunhas condicións materiais.

Como se comentou anteriormente, denúnciase dun xeito frontal do comercio de persoas e é moitísimo máis incisiva que a meirande parte das películas deste tipo. Non se centra no duro que é a viaxe cara Europa, no gran número de refuxiados ou en como os países de chegada non aceptan a estas persoas. Cafarnaúm pon o seu foco na raíz de todos eses males e non bota a culpa a ningún político ou persoeiro, senón á miseria e ao sistema que a crea.

A propia Labaki interpreta a avogada do neno contratada por unha ONG. Este elemento discursivamente di moito das intencións da directora respecto á película no que se pode entender como un acto de egocentrismo e soberbia. Tamén é criticable un final inxenuo e cheo de falsa esperanza no que se branquea o papel das ONG que operan neste tipo de conflitos. Quizais a directora tomou ese camiño para que os espectadores durmiran tranquilos, quizais por outro tipo de intereses.

A dirección de actores é espectacular, sobre todo se se ten en conta que non son profesionais. Especial atención merece o protagonista, un neno sen sorriso, con mirada de dor. Un rapaz con voz de adulto aos seus poucos anos. Un neno sen infancia nun mundo sen alma. Con total sinceridade, é unha desas películas na que o corazón queda latindo a trescentos por hora. E aínda hoxe penso nesa mirada é de alguén que coñece o horror máis absoluto. Un neno que lle quitaron o dereito a ser un neno. Unha mágoa que ao final ese neno puidera ser a imaxe de unha campaña para apadriñar crianzas con dificultades.