by | Mar 19, 2019

Festivais, rap e performance para celebrar o día da poesía

O 21 de marzo celébrase o día da poesía e, como ven a ser costume nos últimos anos, organízanse actos que o conmemoran de gran interese. No Teatro Principal de Santiago de Compostela celébrase a segunda edición do festival Alguén que Respira, no que participarán iconas da literatura galega como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Cordal, Silvia Penas, Oriana Méndez ou Lucia Aldao. O festival estenderase ata o día 23 e contará con recitais e numerosas palestras.

Chama a atención a participación de grandes nomes do rap galego como García MC, Hard GZ ou Malvares de Moscoso (membro de Rebeliom Do Inframundo), que dotan de diversidade nos rexistros poéticos ao festival. Este último tamén estará en Vigo nun acto na rúa Gran Vía onde se mesturarán poetas da cidade con artistas foráneos. Así entre os nomes destaca Dyso, unha das propostas poéticas máis potentes de todo o Estado español ou Brais Nogueira, que actuará como ven a ser habitual nos últimos tempos co pianista Xoan López.

Tamén estará Marcos de la Fuente. O artista encargarase de presentar, cantar co seu proxecto musical Pólvora e de facer unha performance que promete ser moi destacable. De la Fuente advirtiu que “é o máis ambicioso” que fixo nunca e que se “vai arriscar”.