by | Mar 20, 2019

O ciclo A Outra Mirada remata coa proxección de curtas de novas creadoras galegas

Hoxe celébrase en Santiago de Compostela a última sesión do ciclo A Outra Mirada que estará composta por oito curtametraxes dirixidas por novas creadoras galegas. O evento, organizado polo Cineclube de Compostela, será na Gentalha do Pichel e contará coa presenza das realizadoras Ariadna Cordal, Noemi Parga, Aldara Pagán e Ada Seoane.

Entre as proxeccións hai gran diversidade. Estela é o debut na animación de Ariadna Cordal e foi premiado pola Universidade de Vigo e polo Eckerd College Film & Video. Muller personaxe é un videoensaio de Lucía Estévez galardoado co II Premio María Luz Morales. Aldara Pagán debuta tamén con O que precede a caída é branco e Noelia M. Muíño realiza en The Widow unha peza de ficción sobre unha muller que chega a casa do funeral do seu home.

Pola súa banda, Arancha Brandón propón unha viaxe surrealista entre o pasado e o presente en A Typical Morning, Metralla, de Noemí Parga, foi Premio de creación audiovisual Universidade de Vigo na categoría de documental; 16-11-2016/13-5-2017 é un videodiario no que Marta Valverde leva ao audiovisual notas dun caderno xurdidas da súa memoria. Por último, Os Remedios é unha peza experimental de Sara Iglesias, Ada Seoane, Laura LaMontagne, Patricia López e David Rodríguez que foi premiada no LAVmov de Vedra.