Foals – Everything Not Saved Will Be Lost. Pt 1

DATA DE LANZAMENTO: 08/03/2019
DISCOGRÁFICA: Sony

Foals – Everything Not Saved Will Be Lost. Pt 1

DATA DE LANZAMENTO: 08/03/2019 DISCOGRÁFICA: Sony

by | Mar 21, 2019

Catro albumes de estudo sacaran a banda británica Foals sendo cinco membros. Catro albumes aclamados por crítica e público, que elevaron á formación aos primeiros postos das listas de vendas de discos e dos carteis de festivais ao longo de todo o mundo. 10 anos de intenso traballo en estudo e directo, labrado conxuntamente entre cinco amigos de Oxford. Por iso non tería sido inesperado que, tras a marcha do baixista Walter Gervers o pasado ano, Foals non tivera sabido atopar de novo o seu son. Pero Yannis Philippakis, líder da banda, quixo tomar as rendas e, non satisfeito só con tomar o baixo que deixara o seu ex-compañeiro, decidiu prescindir de produtor e encargarse el mesmo de mesturar o novo disco. E, polo momento, non lle está saíndo mal.

Everything Not Saved Will Be Lost. Part 1 é a cara A dun ambicioso disco dobre -a Part 2 verá a luz en outono deste ano-, dúas metades dun mesmo medallón. Nesta primeira parte, atopámonos menos guitarras -xa prometidas por Philippakis na cara B- e máis teclados ca nunca, mais sen perder o fío condutor que une todos os traballos de Foals, desviándose do son cru de cordas do seu anterior álbum What Went Down (2014) e achegándose ao son electrónico da ópera prima que lles deu a coñecer, Antidotes (2008).

O certo é que a banda coñece os seus puntos fortes e, lonxe de experimentar na zona descoñecida, prefire explotalos: o de Foals é o directo, e a función do estudo é preparar a pista de baile. A primeira parte de Everything Not Saved é un híbrido de ritmos e sensacións ambientado nun mundo post-apocalíptico de catacumbas, labirintos de aceiro e cidades en chamas. Unha distopía contemporánea debuxada con matices funk e progressive que chaman á estética steam-punk.

Moonlight abre o álbum augurando a mestura de texturas e tímidos arpegios de guitarra dos seguintes 40 minutos, que vai aumentando paulatinamente o ritmo para dar paso ao seu espello, Exits; a transición semella a dun mundo que se transforma no seu alternativo mediante a o efecto de ondas do PowerPoint. O primeiro single do disco é a peza central desta cara A, xa que sintetiza tanto en forma como contido todo o que Foals quere expresar aquí. White Onions é unha volta aos primeiros traballos da banda, un throwback melancólico ao math-rock de Antidotes que asenta ben no álbum, prometendo o éxito en directo, ao igual que a súa sucesora In Degrees, un manifesto íntimo que recupera sensacións de Holy Fire (2013).

Pero non todo é excelente nesta primeira parte de Everything Not Saved Will Be Lost; Philippakis decidiu deixar as tres peores pezas, Syrups, On The Luna e Cafe D’Athens, na parte central do disco. Neste epicentro disípase a forza que tomaran os temas anteriores, correndo o risco de aburrir e facer perder ao ouvinte a oportunidade de escoitar a mellor canción do disco, Sunday, unha distópica odisea de seis minutos que combina maxistralmente velocidades e ritmos. O traballo pecha con I’m Done With The World (& It’s Down With Me), que funciona como un desfile de títulos de crédito finais.

Haberá que esperar a escoitar a segunda parte deste Everything Not Saved Will Be Lost, mais de momento Foals non conseguiu culminar o que pretendía con esta declaración de intencións. Cando un grupo con traxectoria decide sacar un álbum dobre, é porque pretende asentarse dunha vez no máis alto, pero esta cara A, sen deixar de ser un esforzo ben empaquetado e logrado, non chega nin a rozar a excelencia. Teremos que esperar a outono e, mentres tanto, desfrutar do que o renovado directo de Foals promete.