by | Mar 21, 2019

O Carballo Interplay xa ten todo listo para botar a andar

O Carballo Interplay 2019 xa ten todo preparado para botar a andar os días 4,5 e 6 de abril. A localidade coruñesa acollerá un ano máis a este festival sobre contido dixital. Se ben como cada edición haberá unha sección oficial integrada por máis de 30 webseries, o Interplay é moito máis que iso. Ao longo das tres xornadas que dura o certame, están previstos numerosos eventos que converten a este festival en vangarda no seu eido.

O Campamento Kamikaze é un dos elementos máis importantes do Interplay. É unha estancia de tres días onde os participantes traballarán con profesionais do audiovisual galego. O reto este ano é crear un capítulo de Dinosaurio, a webserie gañadora do Mestre Mateo este ano e que xurdiu na contorna deste festival. A obra ten tres capítulos pero se quere elevar o proxecto deste xeito.

Nas numerosas palestras previstas destacan nomes como Manuel Bartual, el Hematocrítico ou o grupo Aldaolado, que fará unha mestura entre proxección e conferencia.  Tamén é moi relevante o encontro con creadores galegos de contido en Internet, onde destacan nomes como Miguel Silva Conde (Aquel-e), Alba Mancebo ou Olaxonmario.

Por outra banda, no “Día Pro” daranse a coñecer as novas formas de creación, produción e xestión do talento audiovisual na redes a través de perspectivas moi diferentes. Así contarase coa presencia de Playz,  Flooxer, MediaproLabs ou Portocabo. Ademais, o país invitado nesta edición do festival é Arxentina.