Novedades Carminha – Ultraligero

DATA DE LANZAMENTO: 15/02/2019
DISCOGRÁFICA: Ernie Records

Novedades Carminha – Ultraligero

DATA DE LANZAMENTO: 15/02/2019 DISCOGRÁFICA: Ernie Records

by | Mar 25, 2019

Novedades Carminha non se caracterizan precisamente por quedaren estancados nun son inmutable. Os catro de Compostela (Carlangas á voz e á guitarra, Jarri ao baixo, Xavi á percusión e, desde 2016, Anxo como segunda guitarra) apostaron por experimentar e introducir novos matices en cada disco. Te Vas Con Cualquiera (2009) e Jódete y Baila (2011) eran punk artesanal, Juventud Infinita (2014) evolucionou cara o surf-rock e Campeones del Mundo (2016) resultou nunha fundamental fuxida dos paradigmas anteriores, mesturando o garage punk co funk e o rock & roll coa tonalidade pop da Movida.

Con Ultraligero a banda decidiu dar un paso máis cara adiante e rachar definitivamente coa homoxeneidade de xéneros, empaquetando un disco que bebe do funk, da cumbia, do hip hop, das verbenas de aldea e incluso das novas ondas do trap. O resultado é un álbum compacto, lonxe do esperado dun traballo que foi vendo a luz a tropezóns durante os últimos dous anos. Os Novedades entregan o seu mellor disco ata a data, moi avanzado na calidade de produción e na mestura de ritmos respecto do feito anteriormente, cun groove nunca visto no panorama musical español.

O álbum despega con Hay un Sitio Pa Ti, peza que vaticina a transformación da banda combinando o novo son funky cos instrumentos clásicos de sempre. Na mesma liña segue Obsesionada, unha nova mostra da arte do grupo para facer da repetición a mellor fábrica de cancións pegadizas. Os efectivos riffs de guitarra conectan á perfección con Verbena, tema co que xa se ocuparon o verán pasado de converter os recintos de festivais en prazas maiores. A tropical Joven Con la Edad semella un canto de nostalxia ao surf rock de Juventud Infinita, o traballo que os fixo famosos.

Volverte a ver sintetiza á perfección esa imaxe de chicos malos pero moñas que os Novedades tanto se empeñan en amosar, guiándose por un baixo apoiado nunha coidada percusión. O vento metal culmina o tema e dá paso a Te quiero igual, onde Alba Galocha pon os coros (a modelo santiaguesa xa fora a protagonista da portada de Jódete y Baila). A peza é unha verdadeira xoia no repertorio da banda; o primeiro adianto que puidemos ver aínda en verán de 2017 e que leva xa case dous anos triunfando nos bares as noites de xoves.

Xa pasado o meridiano, Disimulando constitúe o mellor a nivel lírico do disco: un relato simple pero contundente dunha relación a medias tintas. A continuación vén a decepción de A Santiago Voy, revisión do mítico cántico á emigración galega dos Tamara. Unha versión prometedora, traballada durante semanas polo grupo en colaboración con Esteban & Manuel, que acabou sendo un amasillo de ritmos e matices de dubidoso resultado e que rematan cansando á terceira escoita. Aínda así, cómpre destacar o documental O Espírito de Pucho Boedo, dirixido eficazmente por Lois Patiño, que narra todo o proceso de gravación e produción do tema nun chalé de Sevilla.

El Vivo al Baile é unha declaración de intencións na recta final do álbum, dando os últimos coletazos e cumprindo o que o mesmo título da canción promete: facer bailar a todos co seu aditivo ritmo funky. Man a man con Erik Urbano, Atlántico constitúe un achegamento experimental ao rap, que baixa do nivel de calidade do disco pero que resulta audaz como primeira toma de contacto cun xénero inexplorado ata agora pola banda. A última pista é Ya no te veo, en colaboración con Dellafuente. Un xogo magnético co trap, que está conseguindo encabezar as listas de éxitos e levar o nome de Novedades Carminha a outros campos musicais. A peza funciona como un epílogo perfecto, desentoante da liña de Ultraligero mais que se salva de romper a complicidade entre temas por ser colocada estratexicamente como guinda do mellor pastel cociñado ata agora polos Novedades.