by | Mar 27, 2019

Comeza a conta atrás para o Melona Fest #4

A terceira edición do Melona Fest celebrada o ano pasado en Compostela foi un dos nosos acontecementos favoritos do 2018 en Compostela. A revisión electrónica da música tradicional galega de Baiuca, a experimentación de Mounqup e Pálida, a excentricidade de Emilio José, o trap de Boyanka Kostova ou o industrial oitenteiro de Esplendor Geométrico foron algúns dos momentos que todavía non esquecimos da última edición deste festival.

Este ano o Melona Fest volta a vindeira semana, cos principais concertos programados dende o 3 ao 6 de abril e programación previa dende este mesmo sábado. O festival repite formato, ao celebrarse ao longo de 7 distintos locais da cidade. O cartaz desta cuarta edición está de novo conformado por propostas interesantes de estilos moi diversos, apostando máis pola calidade que por traer grandes nomes, como acostuma a pasar a miúdo no circuito de festivais do verán.

Precisamente un dos maiores atractivos deste festival é que se trata dun evento con personalidade propia, que parte dunha maneira moi determinada de entender a música e a cultura na que ademáis de concertos tamén teñen cabida charlas, conferencias, coloquios, encontros, debates, exposicións, espectáculos audiovisuais, proxeccións e mesmo un programa de radio.

Os andaluces Pony Bravo son sen lugar a dúbidas o prato forte do Melona Fest de 2019. Esta banda sevillana coñecida polos seus sons psicodélicos e as súas letras cheas de personalidade está a presentar seu novo disco, Gurú, o cuarto lanzamento de longa duración da banda, que publicaron o pasado 22 de febreiro a través de Telegrama. Pony Bravo non serán os únicos sevillanos que se pasarán este ano polo Melona Fest, xa que tamén actuará a banda Derby Motoretas Burrito Kachimba, que continuará coa proposta do rock psicodélico, desta volta influenciada por grupos como Pond ou King Gizzard & the Lizzard Wizard.

Outros dos nomes máis destacados desta nova edición do Melona Fest é o da chilena Soledad Vélez. Os seus primeiros álbums, Wild Fishing (2012), Run With Wolves (2013) e o poderoso Dance and Hunt (2016) situaron á cantante e compositora no Top do pop-rock independente do Estado español. En Nuevas Épocas (2018) conserva esa melancolía e oscuridade tan característica das súas composicións, pero agora as cordas abren paso aos sintetizadores e os ritmos bailables coas colaboracións de Joe Crepúsculo e Gerard Alegre (El Último Vecino).

O resto do cartaz anunciado ata o de agora confórmano Akkan, un dúo de música electrónica barcelonés, a artista gráfica Rocío Quillahuaman, Blanco Palamera, Adriana Proenza, Ana Helder, o colectivo fotográfico White Collective, Candeleros, Pantis, Babykatze, PV3000, Artur M. Puga, Cult of Auspex, Trifulca, STA, Vulk, Miravalles, Mundo Prestigio e Tulip. Xa se poden mercar de maneira anticipada os abonos deste festival, que ofrecerá ademáis unha programación gratuíta durante a tarde do sábado na Praza de Feixóo.