Capitana Marvel

Dirección: Anna Boden, Ryan Fleck
Guión: Anna Boden, Ryan Fleck, Geneva Robertson-Dworet
Fotografía: Ben Davis
Música: Pinar Toprak
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Capitana Marvel

Dirección: Anna Boden, Ryan Fleck
Guión: Anna Boden, Ryan Fleck, Geneva Robertson-Dworet
Fotografía: Ben Davis
Música: Pinar Toprak
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Mar 28, 2019

‘Capitana Marvel’: A primeira heroína do MCU

Precedida de inevitables comparacións coas sobredimensionadas Black Panther e Wonder Woman, e aínda sufrindo o linchamento en internet dos incels e o fandom máis rancio porque unha muller sexa máis poderosa que o resto de heroes, Capitana Marvel convertiuse na estrea global máis taquilleira da historia protagonizada por unha muller e a segunda de superheroes só por detrás de Vingadores: A guerra do infinito. Esta nova entrega de Marvel Studios, a primeira da factoria que dá o protagonismo absoluto a unha muller, chega máis de dez anos despois do seu marco inicial co Iron Man de Jon Favreau, e o resultado é un filme xenuinamente divertido e despretensioso.

A historia de Carol Danvers (alias Capitana Marvel), interpretada por Brie Larson e dirixida pola dupla Anna Boden e Ryan Fleck, será chave para o desenlace da fase 3 deste universo cinematográfico que virá con Vingadores: Endgame. Sen embargo, Capitana Marvel ten a súa narrativa moitos anos antes de todo o enredo dos Vingadores. A protagonista é unha soldado Kree, un imperio galáctico que leva décadas en guerra cos Skrulls e coa que a película porá enriba da mesa a problemática dos refuxiados. Ademais, a Capitana padece amnesia e ten uns flashes sobre unhas persoas que non coñece. Ao chegar accidentalmente á Terra, aliarase con Nick Furia (Samuel L. Jackson) para descubrir o seu pasado e enfrontarse aos seus auténticos inimigos.

Brie Larson ten a carisma para entregar a súa versión da superheroína, que rompe os esquemas do heroe simpático para deleitarnos nunha muller temperamental, cun sentido do humor irónico e bastante cínico en ocasións, a diferencia da calidez e compasión que vimos en Wonder Woman, pero sen perder a humanidade que nos faga simpatizar co personaxe. Ao seu carón brila un inspirado Samuel L. Jackson que casa moi ben con ese tratamento máis de filme policial que aventura espacial. Boa parte dos gags cómicos pasan pola interacción entre Furia e Danvers e a simpática gata roubaplanos Goose que os acompañará a partir de certo momento.

Non obstante, o apartado dramático en Capitana Marvel ten unha maior presenza que noutras producións da saga. Un recurso lóxico tendo en conta que a protagonista vai descubrindo quen é en realidade ao longo das dúas horas de metraxe. Isto conleva unha redución das escenas de acción en beneficio dalgo que o guión, escrito a cinco mans, non remata de saber exprimir de maneira satisfactoria. Ademais, volve a sufrir os erros comúns en produtos similares, como un tratamento dos viláns pobre e anecdótico e unha dirección formulaica e desprovista de personalidade. Pero o mellor de Marvel é cando é divertido e emocionante, e afortunadamente hai suficiente diso aquí como para sentirse decepcionada.

Sempre me chamou a atención que á industria nunca lle interesara sacar proveito da nostalxia dos anos 90. Parece que a dos 80, con Stranger Things como máximo expoñente e películas como Cazafantasmas, dá tanto de si que non merece a pena ir máis alá. Xusto un dos acertos de Capitana Marvel é a coidada ambientación da época, dende diferentes artiluxios que aparecen en pantalla ata a estupenda selección de cancións (Garbage, No Doubt, Hole… puro Riot Grrrl noventeiro) que ilustran e elevan algunhas escenas. A banda sonora orixinal dalle ademais un toque moi especial con eses sintetizadores.

Outra cuestión a valorar son os subtextos da película que traballan co concepto do empoderamento feminino. Cruzada á historia principal está a idea daquelas mulleres que fuxen dos roles que se lles asignan, que se alzan e loitan contra os prexuizos de que son máis débiles, emocionais ou incapaces. Pero este non é un tema central que se convirta nunha das ideas constantes na trama. Capitana Marvel non é un filme que se centre no feito de que Carol Danvers sexa unha muller e, polo tanto, teña que probarse dalgunha maneira para cumprir co seu rol no universo. Nunha das escenas máis memorables, a Danvers nena, adolescente e adulta levántase do chan sucesivamente nunha montaxe en paralelo que provoca un estremecemento marabilloso. Nese erguerse, Capitana Marvel di todo o que ten que dicir sen emitir xuizos. A protagonista xa o asegura nun momento do filme: “non teño nada que demostrar“.

Hai outro matiz interesante, malia non ter moito tempo en pantalla, entre Danvers e a súa mellor amiga e antiga copilota Maria Rambeau (Lashana Lynch) que pode dar aires de interés amoroso, aínda que iso non sexa dito con todas as letras. De calquera xeito, é loable que se teña levantado esa posibilidade, máis tratándose dun produto feito para o público nerd que ten sido un reduto de conservadores nos últimos anos.

Até Thor: Ragnarok, coa primeira vilana de Marvel, as mulleres tiveron un papel secundario no MCU. As súas aparicións eran un mero interludio en ditas películas, en moitos casos sexualizadas para o disfrute do espectador masculino, sen apenas trasfondo nas personaxes máis aló das relacións que tivesen co cast principal onde os homes levaban a voz cantante.

Capitana Marvel reivindica o espazo das heroínas, o lugar das mulleres na ficción tanto diante como detrás das cámaras, pois a cinta conta por primeira vez tamén cunha (co)directora (Anna Boden). Esperemos que tras esta película, e agardando que Endgame peche esta etapa de 11 anos, Marvel equilibre a balanza e rache a hexemonía masculina.