by | Abr 2, 2019

As microartes faranse oco en Compostela en abril

As microartes faranse oco en Compostela os próximos días 6 e 7 de abril na Casa do Matadoiro co festival Pataca Minuta, que reunirá diferentes obras de curta duración feitas por grupos ligados á Casa. O teatro será a base transversal da mostra, a través de ata 6 pezas de microteatro feitas por compañías da cidade, participando Lobishomes Teatro, Tolemia, Medievándalos, Sal do Teatro, Oístes? e Cavort Teatro. O espectáculo tamén contará coa actuación do coro Fonetix e das artistas de circo Raquel Veganzones e Ariñe Azkue.

O festival nace dunha iniciativa común destas compañías, ligadas á Casa do Matadoiro desde que se convertera xa fai anos nun espazo de creación colectiva. O certame desenvolverase durante o próximo fin de semana: o sábado 6 de abril haberá tres pases, ás 19:00, ás 20:00 e ás 21:00, mentres que o domingo 10 haberá dous pases pola mañá, ás 11:30 e ás 12:30. As entradas son de balde (haberá bote á saída), e poden recollerse desde unha hora do comezo do primeiro pase de cada día, dando acceso a un recorrido polos 8 espectáculos nos diferentes espazos da Casa do Matadoiro, guiados polos presentadores Beeman Riu e Antonio Reboiro.