by | Abr 2, 2019

Frankie Cosmos actuará en A Coruña o 13 de abril

Frankie Cosmos, o proxecto liderado pola cantante e compositora Greta Kline (Nova York, 1994), pasará por A Coruña o próximo día 13 de abril.

Kline leva case unha década publicando temas, xa sexa baixo o seu propio nome, baixo varios alias, ou coa súa ex-banda Porches. Despois do seu disco do ano pasado, Vessel (Sub Pop Records), Frankie Cosmos prometeu o que será o seu cuarto disco para este 2019. E será en formato exclusivamente dixital, cunha serie de lanzamentos titulada Haunted Items a través da cal está a estrear novas cancións semanalmente ata o 3 de abril.

O seu indie pop minimalista e “DIY” chegará á Sala Garufa de A Coruña xunto a un grupo conformado por Lauren Martin nos teclados, David Maine no baixo e Luke Pyenson na batería. Ademais, poderemos desfrutar da actuación da artista invitada Ian Sweet, quen aproveitará para presentar o seu longo Crush Crusher (Hardly Art, 2018).

As entradas anticipadas pódense adquirir nesta ligazón.